A cadea de supermercados Gadis está a efectuar promocións do leite que imposibilitan prezos sostibles no agro. Primeiro foi unha oferta a 49 céntimos hai un par de semanas, que o grupo retirou tras as queixas das organizacións agrarias, e agora outra promoción do mesmo leite (marca Rosina) a 55 céntimos.
Desde o sector agrario, cren que estas ofertas sucesivas forman parte dunha estratexia do grupo galego para usar o leite como produto reclamo e demandan un maior control das Administracións.
Un estudo da Interprofesional demostra que son inviables as ofertas no supemercado a menos de 60 céntimos
O prezo das promocións de leite é motivo frecuente de queixas dos gandeiros, pois enténdese que as ofertas a menos de 60 céntimos presionan á baixa os prezos nas granxas. Un estudo da Interprofesional Láctea determinou o pasado ano que non é posible que se venda leite nas cadeas de distribución a menos de 60 céntimos sen que granxas, industrias ou a propia distribución perdan cartos.
En Galicia, a maioría das cadeas bordean ese límite nas súas ofertas, no entorno dos 59 céntimos litro, pero Gadis está a iniciar unha estratexia agresiva que acende os ánimos entre as granxas. “Isto sucede porque alguén non está facendo o seu traballo e temos que estar os gandeiros metidos a policías” -cuestionan desde Unións Agrarias.- “As cadeas de distribución e as industrias non teñen ningún medo en facer estas promocións”.
“Ilegalidade manifesta”
Tamén o Sindicato Labrego Galego cuestiona o que entende como deixadez das Administracións. “Estamos ante unha ilegalidade manifesta, pero por parte da Xunta non hai ningún interese en controlar casos de vendas a perdas”, critica o coordinador de Gandería do SLG, Xabier Gómez Santiso.
O Sindicato Labrego considera que hai unha estratexia de Gadis tras as promocións de leite sucesivas que está a facer. A primeira promoción, a 49 céntimos, retirouna tras as queixas do sector agrario, “facéndose publicidade gratis como cadea supostamente responsable”, en tanto que esta segunda promoción agresiva xa está a pasar máis desapercibida.
O sector agrario pide maior control sobre as promocións do leite e empraza ó Ministerio de Agricultura e á Xunta a actuar.