Gadis retira as ofertas de leite a 49 e 51 céntimos

A cadea de supermercados asegura que a promoción da marca Rosina, que fora cuestionada por Unións Agrarias e polo Sindicato Labrego, debeuse a un erro.

Gadis retira as ofertas de leite a 49 e 51 céntimos

Gadis retirou as ofertas da marca Rosina.

A cadea de supermercados Gadis vén de retirar as promocións da marca de leite Rosina, que estivo á venda a 51 céntimos, logo das críticas feitas públicas por Unións Agrarias e polo Sindicato Labrego. Gadis tiña ademais prevista unha oferta a 49 céntimos da mesma marca entre o 2 e o 8 de marzo, que tamén retirou.

As organizacións agrarias lembran que os grupos da distribución se comprometeran no acordo lácteo de setembro do 2015 a evitar ofertas que puidesen repercutir en baixadas do prezo do leite ó longo de toda a cadea láctea, ata chegar ás granxas. Desde o Sindicato Labrego consideran que a promoción de Gadis é unha proba máis de que as cadeas de supermercados aínda se están “esmendrellando de risa” con aquel acordo, baseado “únicamente en compromisos de boa vontade”, segundo lembra a organización agraria.

Gadis, en nota de prensa emitida tras as críticas de Unións e do Sindicato Labrego, asegura que mantén o compromiso co asinado no acordo lácteo para garantir a sostibilidade do sector lácteo. A cadea de supermercados informa de que procedeu a retirar a promoción do leite de marca Rosina, que estaba prevista que continuase ata o 8 de marzo. Gadis sostén que tal oferta debeuse a un erro.

A cadea tivo á venda esta semana leite da marca Rosina (Leche Río) a 51 céntimos e a partir do xoves 2 e ata o 8 de marzo tiña prevista unha oferta a 49 céntimos, segundo figuraba nos seus folletos promocionais.

A empresa di lamentar e pedir disculpas polos transtornos que puidese ter causado como consecuencia do erro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información