Os gandeiros perden de media 2,3 céntimos por litro de leite

O estudo da cadea de valor da Interprofesional Láctea revela marxes negativas na parte produtora e tamén na industrial. A gran distribución presenta o mellor balance

Os gandeiros perden de media 2,3 céntimos por litro de leite

Reunión da Interprofesional Láctea co Ministerio. / Arquivo.

A mellora do prezo en orixe do leite está atascado na transición entre industria e distribución, segundo revelan os últimos datos do estudo da cadea de valor de leite da Interprofesional Láctea (Inlac). O documento conclúe que os gandeiros están a ter perdas medias de ata 2,3 céntimos por litro de leite e que os números vermellos tamén son habituais na parte industrial. Só a distribución logra un balance equilibrado.

O estudo da cadea de valor, que a Interprofesional xa lle remitiu ó Ministerio de Agricultura e ás cadeas de distribución, analiza os custos e ingresos de cada eslabón da cadea, cun arco de valores mínimos e máximos en cada caso. Para estimar os prezos de venda do leite Uht entre fabricante e distribución, así como o prezo de venda ó público nos supermercados, o traballo pondera a marca de distribución e a marca de fabricante tendo en conta as súas cotas de mercado en España.

O estudo axuda a respostar a cuestións clave. Cal é o prezo sostible do leite?

O documento, elaborado por unha consultora para a Inlac, ofrece uns números claros, actualizados a 26 de outubro do 2015. Os custos de producir un litro de leite no campo sitúanse entre 33,8 e 39,5 céntimos por litro, en tanto que os ingresos dunha granxa móvense entre 31,5 e 39,8 céntimos por litro. Desde o sector produtor, aínda que deron o visto bo ó estudo, discuten estas cifras, pois outras referencias, como as da Rede Nacional de Granxas Típicas (Rengrati), calculan custos máis altos para algúns factores de produción.

Na industria, os custos ascenden a un mínimo de 51,4 e a un máximo de 61,2 céntimos por litro, en tanto os ingresos totais sitúanse entre 51,8 e 58,1 céntimos o litro.

As contas da distribución preséntanse como as máis equilibradas, cuns custos entre 60 e 71,4 céntimos; e uns ingresos entre 63 e 68,3 céntimos. Máis alá das cifras, o valor do traballo radica na súa utilidade como elemento de debate entre as partes e coa Administración.

Interrogantes
O estudo da Inlac, cuxa parte principal pechouse en xullo, inclúe elementos para dar resposta a dous dos interrogantes que se desprenden do acordo lácteo, asinado o pasado 23 de setembro. O texto do acordo di que as industrias deben aplicar prezos de compra que garantan a sostiblidade das explotacións. Do mesmo xeito, sinala que a distribución ten que aplicar modalidades de compra de leite líquido que contribúan a manter o valor do leite nos primeiros escalóns da cadea. Pero cal é o prezo sostible que deben percibir os gandeiros?, e en que valor se debe situar o prezo de cesión entre industria e distribución?

CADEA DE VALOR NAS EXPLOTACIÓNS LÁCTEAS (Valores en euros/100 litros)
Prezos, ingresos e custos

Valor
mínimo

Valor
máximo
Venda de leite crudo 27 31,5
Venda de animais (becerros, recría, desvelle) 2 4
Subvencións (PAC e outras) 2 2,8
Venda de cultivos e outros produtos 0,5 1,5
Ingresos totais 31,5 39,8
Custos totais 33,8 39,5
Alimentación do gando 19,1 21
Custos de reprodución, sanidade e estabulación 1,9 2,3
Outros custos de produción (enerxía, outros) 2,6 3,2
Custos fixos da explotación (alugueres, amortizacións, seguros,
man de obra non familiar)
7,7 8,8
Custos financieiros 0,5 0,9
Custo de oportunidade (man de obra familiar, outros) 2 3,3
MARXE FINAL -2,3 0,3
 
CADEA DE VALOR NAS INDUSTRIAS ELABORADORAS DE LEITE UHT
Prezos, ingresos e custos Valor
mínimo
Valor
máximo
Ingresos pola venda de leite 46,5 51
Ingresos pola venda de nata 4,8 6,3
Outros ingresos 0,5 0,8
Ingresos totais 51,8 58,1
Custos totais 51,4 61,2
Prezo pagado ó gandeiro 27 31,5
Envases e embalaxes 11,3 12
Custos varios (Recollida, man de obra, fabricación, etc.) 11,1 14,7
Loxística a plataforma 2 3
MARXES NETOS 0,4 -3,1
 
CADEA DE VALOR NA DISTRIBUCIÓN MINORISTA
Prezos, ingresos, custos Valor
mínimo
Valor
máximo
Venda de leite uht clásico (prezo sen Ive) 62,5 66,8
Outros ingresos na estrutura de comercialización 0,5 1,5
Ingresos totais 63 68,3
Custos totais 60 71,4
Prezo de cesión da industria á distribución 46,5 51
Custo da plataforma loxística 3 4,8
Transporte a tenda 1 1,4
Custos da tenda 9,5 14,2
Marxe final resultante 3 -3,1

Conclusións
A análise da Interprofesional Láctea, organismo que agrupa a industrias, cooperativas e organizacións agrarias, constitúe un punto de partida para o debate, pero permite tirar algunhas conclusións iniciais.

– En xeral, non é posible que as explotacións lácteas gañen cartos con custos de produción baixos se os ingresos son tamén baixos. Por tanto, as explotacións galegas, co prezo medio do leite máis baixo do Estado, atravesan unha situación xeralizada de perdas.

As industrias dependen de afinar custos. Non son capaces de xerar ingresos para cubrir aumentos do gasto

– Os beneficios da industria dependen de afinar moito os custos de produción. Con custos de produción altos, as fábricas perden cartos, pois non son capaces de xerar ingresos que cubran eses gastos.

– A distribución é a única parte da cadea que saca beneficio claro nun escenario de ingresos baixos, que se corresponden con prezos de venda baixos no supermercado. Os demais perden.

– Con custos de produción baixos e ingresos baixos, a cadea de valor presenta un beneficio global de 1,4 céntimos, repartidos do seguinte xeito: distribución ( +3), industria (+ 0,4), gandeiros (-2,3).

– O beneficio é escaso en toda a cadea de valor do leite, pero os grupos de supermercados teñen marxe para mellorar o prezo de compra á industria. Outra posibilidade pasa polo aumento do prezo no supermercado, de xeito que se mellore a remuneración de toda a cadea.

– Con custos de produción altos e ingresos altos, hai perdas para toda a cadea, distribuidas do seguinte xeito: distribución (-3,1), industria (-3,1) e gandeiros (+0,3). Afinar custos é unha obriga para todos.

Perspectivas
Desde o Ministerio de Agricultura confíase en que as cadeas de distribución vaian modificando os seus contratos actuais coas industrias lácteas, de xeito que se eliminen as subastas á baixa e se establezan contratos a longo prazo a prezos que permitan maiores marxes para industrias e gandeiros. Ese foi o compromiso asinado pola distribución en setembro pasado.

A industria, pola súa banda, comprometeuse tamén a trasladar esas subas ó sector produtor. Agricultura conta con que no primeiro trimestre do 2016 estea publicado o decreto que obrigará a monitorear o prezo de cesión entre industria e distribución. Será entón cando se saiba se distribución e industria cumpren ou non.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información