Dez medidas para o monte das que só se fala cando hai vagas de lumes

Dez medidas para o monte das que só se fala cando hai vagas de lumes

Extinción do lume en Ribas de Sil. / Imaxe: @BrifLaza.

En 72 horas de outubro ardeu en Galicia case o dobre do queimado en todo o ano 2016, arredor de 35.500 hectáreas, e morreron catro persoas. Unha acumulación de factores desencadeou unha tormenta perfecta de incendios que quedou fóra das posibilidades de control dos servizos de extinción. En plena vaga de lumes, as análises sobre as causas dos incendios sucédense. Que se pode facer para que a próxima vaga de lumes teña menores consecuencias?

Estas son 10 medidas das que está a falar estes días o sector forestal. Moitas delas xa estaban no debate público hai unha década, cando os incendios do 2006.

1) Rematar coa impunidade dos incendiarios

O monte en Galicia arde basicamente porque hai incendiarios. A Xunta ten catalogadas 73 parroquias de alta actividade incendiaria nas que se rexistraron milleiros de lumes nos últimos cinco anos. “Que diría a sociedade se tivésemos un cento de puntos negros localizados nas estradas galegas e non fixeramos nada para eliminalos?”, pregúntase o director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, cando se aborda esta cuestión.

Galicia ten 73 parroquias de alta actividade incendiaria que acumulan milleiros de incendios nos últimos anos

O sector forestal considera que a persecución e disuasión dos incendiarios debe convertirse nunha prioridade, acorde co problema que causan. “Nos lugares conflictivos, as forzas de seguridade poden investigar ao longo de todo o ano quen pode ser o que está prendendo lume. Iso con frecuencia sábese e esa información é obtible da colaboración cidadá se hai unha aposta firme”, valora Jacobo Feijoo, responsable de Asefoga, un colectivo forestal ligado a Unións Agrarias.

A presión policial sobre os incendiarios debe complementarse cun labor de disuasión, segundo a proposta de Jacobo Feijoo: “Cando se abre a fiestra climática do triple 30, ventos de máis de 30 Km/hora, temperaturas de máis de 30 graos e menos dun 30% de humidade ambiente, hai que facer un despliegue policial sen contemplacións nas zonas máis conflictivas para seguir e presionar ás persoas que se teñan identificadas como potenciais incendiarios”, defende.

Acabaríase así cos lumes? “Non cos lumes que hai ao longo de todo o ano por múltiples causas, pero si con parte dos que se prenden de xeito simultáneo durante unha vaga de lumes con fins criminais”, sostén o responsable de Asefoga.

2) Manter franxas de separación entre monte e núcleos de poboación

Desde hai unha década, a lexislación autonómica establece a obriga de manter zonas defensivas sen mato e sen arborado en torno ós núcleos de poboación e as vivendas. Na práctica, é escaso o control e son poucos os propietarios forestais que asumen a normativa.

“Temos que ser serios ou o problema queda sen solución. Non é de recibo que tódolos anos os concellos e a Xunta se pasen a pelota sobre quen ten a responsabilidade de controlar e actuar”, cuestiona Francisco Dans.

3) Ordenar o territorio

A progresiva perda de superficies agrarias en torno ás aldeas representa un problema en caso de lumes, pois os prados e terras de labor actúan de cortalumes natural. Se esas superficies se abandonan ou se forestan de xeito ilegal, facilitarán a aproximación dos lumes ás casas. O sector agrario leva anos demandando un control eficaz da plantación ilegal de praderías con eucaliptos ou piñeiros.

Outra cuestión a debate son os monocultivos forestais de eucalipto ou piñeiro, pois considérase que favorecen un avance máis veloz dos incendios. Tódolos grupos que forman parte da comisión de Agricultura do Parlamento estiveron de acordo recentemente en que os monocultivos representaban un problema en caso de incendios.

Desde o sector forestal lembran tamén que nunha situación de vaga de lumes arden todas as especies, como se viu esta fin de semana no gran lume de Cervantes, nos Ancares, no que castiñeiros e outras frondosas caducifolias quedaron arrasados.

4) Adaptar a xestión forestal ó cambio climático

A vaga de lumes de outubro presenta elementos novos que obrigan a repensar a xestión forestal. É previsible que os incendios aumenten en intensidade e velocidade de propagación ao longo das próximas décadas.

“Tiveramos días de moitos lumes en épocas secas, incendios en días de ventos fortes ou lumes concentrados en áreas perirubanas, pero o que nunca tiveramos é que todos eses elementos se desen de forma simultánea” -reflexiona o decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, Juan Picos.- “O resultado é importante e está claro que o cambio climático non vai vir ben”.

5) Formar ás persoas na súa autoprotección

Imaxes da pasada fin de semana, como o túnel da A-52 na Cañiza bloqueado polos coches, revelan a falta de preparación da sociedade para actuar ante grandes lumes. “É necesario ensinarlle á xente como manexar estas situacións porque é algo que pode salvar vidas, chegado o momento”, valora Juan Picos.

“En autovías, á hora de circular nunha situación de lumes, é conveniente deixar o carril esquerdo libre” (Juan Picos)

“Sería positivo que a Administración divulgase unhas pautas para que esteamos máis preparados para a próxima vaga de lumes” -sinala Picos-. “En autovías, por exemplo, á hora de circular nunha situación de lume, é conveniente deixar o carril esquerdo libre, tanto para facilitar o paso dos veículos de emerxencia como por se nun determinado intre hai que dar a volta”.

O sector forestal tamén considera precisos plans de autoprotección para os núcleos rurais, establecendo puntos de seguridade e rutas de escape.

6) Promover o asociacionismo forestal

En Galicia hai máis de 600.000 propietarios de parcelas forestais, a maioría desvinculados do aproveitamento da terra. Cada un deles ten de media arredor de 2 hectáreas de propiedade dividida nunhas 20 parcelas. Ese minifundio imposibilita unha xestión racional.

Desde hai unha década búscanse fórmulas para promover o asociacionismo forestal de pequenos propietarios, de xeito que xestionen en conxunto as súas terras, pero os resultados son escasos. Só hai cinco Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) constituídas en Galicia. Visto o resultado das Sofor, o sector forestal avoga por buscar outra figura xurídica que incentive o asociacionismo.

7) Poñer en produción os montes veciñais inactivos

A Xunta calcula que hai un milleiro de comunidades de montes veciñais que permanecen inactivas, ben polo despoboamento ou por falta de relevo xeneracional. Que facer con eses montes que quedan no abandono? A lexislación permite que a Xunta asuma temporalmente a súa xestión, pero nunca se fixo ata o de agora.

Ben é certo tamén que a peor parte da vaga de lumes de outubro afectou a unha das comarcas nas que as comunidades de montes están máis activas e cunha mellor xestión, como é o Val Miñor e a zona das Neves, Salvaterra e Ponteareas. “Son montes que eran un exemplo de bo facer, como o de Xinzo, en Ponteareas, así que é unha situación triste por partida dobre”, explica Francisco Dans.

8) Levar á práctica políticas forestais consensuadas

O sector forestal é especialmente crítico coa xestión das medidas de prevención forestal, pois a maioría das accións da Xunta adoitan realizarse na última parte do verán ou no outono. “O lume apágase no inverno con prevención e a solución ós lumes pasa por outra política forestal”, reclama o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira.

“É preciso que cheguemos a un consenso coa Administración na xestión forestal. Se todos estamos de acordo en que é necesario un plan de defensa contra incendios con maior participación do sector forestal e en que as medidas de prevención teñen que executarse na súa maioría antes do verán, hai que plasmalo na práctica. Non podemos estar esperando a que a solución ós lumes sexa a choiva”, cuestiona Pereira. Nunha liña similar pronúnciase o Sindicato Labrego Galego.

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes sinalan que pedirán a creación dunha comisión no Parlamento para traballar nunha nova política forestal.

9) Priorizar a prevención sobre a extinción

O custo do operativo de extinción que xestiona a Xunta supón un gasto de arredor de 100 millóns de euros ó ano. Desde o sector forestal acéptase que ese operativo é agora necesario para a extinción de lumes, pero advírtese tamén de que o obxectivo pasa por un trasvase progresivo dos gastos de extinción ós de prevención.

“Desde os lumes de 1989 gastamos arredor de 2.500 millóns de euros en extinción e seguimos na situación de partida. Cando hai unha situación meteorolóxica adversa, as vagas de lumes son catastróficas”, valora Jacobo Feijoo.

“A situación é peor incluso que no 1989, pois a estrutura da biomasa cambiou pola perda de actividade no sector agroforestal” -advirte o responsable de Asefoga.- “Hai que intervir sobre o combustible forestal, ben aumentando as rozas, incluíndo perímetros de vivendas, cortalumes e áreas de repoboación forestal, ben fomentando unha maior actividade agraria e forestal”.

10) Promover un medio rural activo

O mantemento dun medio rural activo, non abandonado, é un dos mellores sistemas de prevención contra os grandes lumes: “O mesmo efecto que se pode lograr coas medidas de prevención lograríase a través do mantemento de pastos, cultivos e terras de labor en activo; así como con montes ordenados en producción coas súas pistas, devasas e puntos de auga operativos”, valora Jacobo Feijoo.

Desde o grupo de investigación en sistemas silvopastorais da Universidade de Santiago avogan tamén por maiores apoios e plans para a introdución de gando no monte.


Nota: Información actualizada o 18-10-2017 ás 20.30 horas coas primeiras estimacións oficiais de superficie afectada polo lume.

image_print

3 ideas sobre “Dez medidas para o monte das que só se fala cando hai vagas de lumes

  1. Dos santos francisco

    Ai que obigar a los proprietarios a limpiar sus parcelas y los montes publico que sean limpios por las personas que recibem las ajudas sociales porque recibir dinero publico podem aser trabagos de orden publica a um le ase falta lenha para la chaminea y los presidentes de juntas no te la dan ai se poderia limpiar los montes comunales

    Contestar
  2. Luis de Lugo

    Xa hai normas que nos OBLIGAN a todos os propietarios de terras limpar as zonas preto das vivendas, pero somos os propios cidadáns GALEGOS propietarios deses terreos os que nos pasamos a norma polos “……”. Nin a Xunta nin os concellos en realidade están a controlar nin a esixir que se cumpra, por que? moi fácil porque como galegos que somos si ven calquera administración e nos pon una multa por NON CUMPLIR A LEI parécenos moi mal, poñemos o grito no ceo, chamámoslle ó alcalde (ou a quen sexa) mil insultos e o final decimos “… pois non voto máis por él …”, así hai que recoñecer que se eu fose alcalde tamén pasaba de todo …
    En fin, todos temos a culpa, todos na nosa parte, eu como cidadán e propietario que son tamén, non nos gusta cumplir a lei, pero cando veñen os apuros … sólo lle botamos a culpa os demais.

    Por outra parte tamén hai que recoñecer que a población no rural é a que é, asi resumindo pouca e moita vella, ¿quen vai limpar?, ¿os poucos que quedamos?, ¿a xunta? …. a administración non se vai a meter na propiedade privada, a que en Galicia lle temos tanto “cariño”, é máis complicado do que parece.

    Digo esto, pero a min tampouco se me ocorre ninguna solución así a medio prazo.

    Contestar
  3. Pablo

    Eu penso que a medida estelar ten que ser 9. Priorizar a prevención fronte a extinción.

    Creo ter leido que a inversión do operativo contraimcendios en Galicia aumentou nos últimos anos de uns 130 millons no 2003 a mais de 180 no último exerxicio e iso pasando por unha tremenda crisis polo medio que se non seguramente fose maior ainda.

    Como cal, ainda que soe triste, un “negocio” de case 200 millons non vai ser “interesante” que desaparezca para moita xente.

    Os montes non arden normalmente por ter eucaliptos, tan criticados, se non por que alguen lles prende lume. E como xa dixen con un negocio de 200 millons e moi fácil que aparezca ese alguen.

    Sen embargo se xiramos os recursos a prevención reduciriamos os potenciais incendiarios

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información