O cambio climático obriga a repensar a xestión forestal en Galicia

Os modelos de simulación de lumes forestais apuntan a que os incendios gañarán en intensidade e velocidade de propagación como consecuencia do aumento da temperatura e da reducción de choivas. Unha xornada da asociación Iniciativa Comunales aborda experiencias prácticas para mellorar a prevención

O cambio climático obriga a repensar a xestión forestal en Galicia

Xornada organizada en Pontevedra por Iniciativa Comunales.

O pronóstico dos lumes que se declaran en Galicia empeora co paso dos anos, pois o cambio climático xa é unha realidade que agrava factores de risco. A temperatura tende a ser maior, as precipitacións menores e o monte está máis seco. Ante esta realidade e vista a traxedia de Pedragao Grande, en Portugal, a asociación Iniciativa Comunales desenvolveu unha xornada en Pontevedra para analizar como mellorar a prevención nos montes veciñais galegos.

O evento congregou a comunidades de montes, investigadores, técnicos e persoas interesadas no ámbito forestal co obxectivo común de coñecer experiencias prácticas nos montes veciñais e de reflexionar sobre o camiño que debe seguir a xestión forestal. Desde a asociación Iniciativas Comunales trátan de poñer sobre a mesa propostas prácticas sobre as que poida haber un consenso en Galicia.

A reducción da humidade do combustible forestal desencadea unha maior velocidade de avance do lume e aumenta o risco de focos secundarios

De debuxar o escenario que se aveciña no monte encargouse o investigador José Antonio Vega, que foi creador do Laboratorio de Lumes do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en tanto as comunidades de montes de Baroña (Porto do Son), Teis (Vigo) e Meira (Moaña) presentaron as súas experiencias.

Índices de perigosidade
A análise de Vega comezou polo que sucedeu nas últimas décadas, nas que se constatou un aumento dos índices de perigo. No periodo 1961-2006, o proxecto de investigación Cligal concluíu que se produciu unha diminución da humidade dos combustibles finos mortos. “A reducción da humidade leva a unha maior velocidade de avance dos lumes e a que haxa máis probabilidades de que unha pavesa prenda. Tamén aumenta os perigos de danos e dificulta os traballos de extinción”, repasa José Antonio Vega.

Os índices de risco agrávanse en Galicia en dirección Norte – Sur e Oeste – Este

O aumento da sequía no solo provoca ademais maiores danos do lume sobre o chan, cos perigos de erosión que iso leva consigo: “O problema xerado pola reducción da humidade non é uniforme en todo o territorio, senón que hai dous gradientes de aumento de perigo: do norte ó sur e do oeste ó leste”, apuntou Vega.

Impacto do cambio climático
E que sucederá no futuro co cambio climático? “As perspectivas apuntan a que teremos veráns con temperaturas máis elevadas e con menores precipitacións. Esa situación aumentará o estrés da vexetación, que terá menor humidade nas partes vivas e secas. Os modelos de simulación que utilizamos apuntan a que os lumes, nesas circunstancias, serán máis rápidos, máis intensos e con maior lonxitude de lapa”, resume José Antonio Vega.

Mesa de debate das xornadas de Iniciativas Comunales.

Mesa de debate das xornadas de Iniciativas Comunales.

Propostas

Con ese escenario de maior perigosidade dos lumes, que se pode facer para mitigar os efectos? As xornadas deixaron unha serie de propostas, recopiladas polos organizadores a modo de conclusións. Resumimos a continuación algunhas das cuestións que se apuntaron:

“É importante que os veciños sintamos o monte como noso”

– É preciso diminuír o número de incendios e continuar coa tendencia da última década. “A educación sobre a importancia do monte, a vixilancia disuasoria e o rexeitamento social do incendiario no rural son cuestións básicas”, valorou José Antonio Vega. Desde as comunidades de montes incidiron na importancia de divulgar o seu traballo e de implicar ós veciños no monte. “É importante que os veciños sintamos o monte coma noso”, destacaron.

– A xestión forestal debe orientarse a impulsar unha selvicultura preventiva que, entre outras cuestións, reduza a carga de combustible do monte, pois en situacións extremas, os cortalumes son insuficientes para conter o avance dos incendios. Medidas como o aumento de rozas, o emprego de gando no monte, a diversificación de especies forestais ou o impulso a novos aproveitamentos (resina, micoloxía) foron algunhas das cuestións planteadas.

Recoméndase o aumento de rozas, o uso de gando no monte, a diversificación de especies forestais e o impulso a novos aproveitamentos e usos

A comunidade de montes de Baroña (Porto do Son), que fai unha xestión na que combina rozas, silvopastoreo e aproveitamentos complementarios como o resineiro, expuxo a súa experiencia na xornada. O seu presidente, Ovidio Queiruga, destacou que no lume do ano pasado, que arrasou máis de mil hectáreas en Porto do Son en terreos veciños, eles só perderon 2.000 metros cadrados.

Vega lembrou tamén que existen desde hai anos modelos de simulación que permiten concretar nun monte os puntos onde é máis rendible intervir con tratamentos de vexetación, a efectos de reducir os riscos dos lumes.

– Os acordos de colaboración con propietarios particulares lindantes preséntanse como unha vía para realizar actuacións conxuntas coas que reducir a perigosidade dos lumes forestais. Nas xornadas, a comunidade de montes de Teis (Vigo) expuxo o traballo que está a desenvolver con propietarios lindantes para crear masas de frondosas autóctonas e reducir a poboación de especies invasoras e pirófitas, como a acacia negra.

En Galicia, no ano 2006 houbo nunha semana 800 quilómetros de lume nunha interfaz urbán – forestal

– É preciso que as comunidades de montes compartan experiencias prácticas na ordenación e prevención de lumes no seu territorio. Tamén que haxa unha transferencia dos resultados das investigacións sobre lumes e cambio climático cara montes veciñais, propietarios particulares e sociedade en xeral.

– Mellora na eficacia da extinción de lumes. Cómpre capitalizar a experiencia e aumentar a formación e especialización do persoal.

– En zonas con alto risco e onde hai maior probabilidade de lumes forestais nunha interfaz urbán-forestal, é preciso establecer protocolos e ferramentas como plans de autoprotección. En caso da chegada do lume a un núcleo urbán, recoméndase retirar materiais combustibles do entorno das casas, refrescar o seu exterior con auga (se é posible) e protexerse no interior. A traxedia de Portugal puxo de manifesto o perigo de accidentes durante a fuga.

En Galicia, no ano 2006 houbo nunha semana 800 quilómetros de lume en terreos de interfaz urbán-forestal. Unha intensidade incendiaria como aquela, combinada co aumento de riscos que deixa o cambio climático, apunta a escenarios amenazadores a ter en conta.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información