Cuestionan a falta de execución dos traballos de prevención de lumes

O Sindicato Labrego, a Organización Galega de Comunidades de Montes e dous colectivos ecoloxistas sosteñen que os traballos de prevención contratados pola Xunta están a iniciarse este mes, “coincidindo coas primeiras choivas”

Cuestionan a falta de execución dos traballos de prevención de lumes

O mantemento de devasas e cortalumes é unha das tarefas de prevención para a que se pide maior axilidade.

Os traballos de prevención de incendios que contrata directamente a Xunta para o mantemento de cortalumes e para a execución de rozas de mato en camiños e devasas chegan con retraso, segundo sosteñen en nota de prensa cinco colectivos ligados ó sector forestal. O Sindicato Labrego, Frouma, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega critican que a prevención se estea a iniciar estes días, “coincidindo coas primeiras choivas outonales”.

O responsable do sector forestal do Sindicato Labrego, Diego Sánchez, defende que é necesario que os traballos de prevención estean realizados ao seu debido tempo, “antes do verán”. “En lugar diso, os traballos de prevención contratados pola Xunta foron, na súa maioría, adxudicados recentemente e están a iniciarse estes días”, cuestiona Sánchez.

Outra parte dos traballos de prevención, os ligados ás axudas concedidas a montes veciñais, si iniciaron a súa execución antes do verán. A finais de xuño, Medio Rural cifraba nun 30% os montes veciñais con axudas que tiñan autorización para iniciar as labores. Desde o Sindicato Labrego recoñecen que efectivamente houbo comunidades de montes que afrontaron os traballos a comezos do verán, pero destacan que hai unha gran parte de comunidades que aínda está agora rematando de acometer as actuacións subvencionadas, nalgúns casos con prórrogas concedidas ata o 15 de outubro”.

As organizacións asinantes da nota de prensa consideran “inútil” o gasto en prevención que se está a executar este mes e piden que tanto as adxudicacións contratadas pola Xunta como as axudas a montes veciñais se resolvan en tempo antes do verán, de xeito que a campaña de lumes comece coas labores de prevención rematadas. Demandan de Medio Rural que active as mesas de traballo que se levan pedindo desde hai anos no Consello Forestal, a fin de traballar nestas cuestións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información