Cinco prioridades no control do nematodo do piñeiro

Repasamos aspectos claves para conter a expansión da praga que afecta ós piñeirais do sur de Pontevedra, así coma erros cometidos. Falamos tamén con representantes do sector forestal para coñecer a súa valoración

Cinco prioridades no control do nematodo do piñeiro

Árbores afectadas polo nematodo do piñeiro en Portugal. / Imaxe: Arquivo CIF Lourizán.

O nematodo, o peor pesadelo dos piñeirais, chegou a Galicia no 2010 para quedarse. O primeiro foco, que apareceu nas Neves, foi seguido doutro en Salvaterra do Miño (2016), a tres quilómetros daquel, e esta semana confirmouse unha importante expansión da praga nun radio de 20 quilómetros ó primeiro caso, con sete novos positivos, que están concentrados en torno a cinco puntos en Tui, O Porriño (2), Ponteareas e Salvaterra. Que se pode facer para controlar o problema?

Dada a falta de cura para os pés afectados polo nematodo, que acaban morrendo nunha alta porcentaxe, a única vía para enfrontar a praga pasa polas medidas de prevención. A normativa comunitaria obriga a seguir un protocolo que inclúe a eliminación do monte de todos os pés decaídos na zona demarcada, así coma o trampeo do insecto vector do nematodo, o ‘Monochamus galloprovincialis’.

Coas trampas dispostas arredor do positivo de Salvaterra do 2016, é probable que só se capturasen un 20% dos insectos vectores

A cuestión é que, de acordo, cunha auditoria europea publicada o pasado ano, os controis en Galicia presentaban “importantes deficiencias”. Analizamos as prioridades de loita contra o nematodo e algúns dos erros cometidos nos últimos anos.

1) Executar un trampeo efectivo do insecto vector da praga

As trampas contra o ‘Monochamus galloprovincialis’, o insecto que transporta a praga entre piñeiros, cobran especial importancia arredor dos focos detectados ata o de agora. Calcúlase que o ‘Monochamus’, que voa entre abril e outubro, desprázase un máximo de 3 quilómetros de xeito natural cada ano, polo que as medidas de control nun radio de tres quilómetros a cada foco son decisivas.

Trampa para o insecto vector do nematodo.

Trampa para o insecto vector do nematodo.

Arredor do foco de Salvaterra (2016), a Xunta colocou no seu día un total de 175 trampas nun radio de 3 quilómetros, o que supón unha densidade de 0,1 trampas por hectárea. De acordo cunha investigación realizada en Castilla y León, con esa densidade de trampeo, só se capturan un 20% dos ‘Monochamus’.

Para lograr un control eficaz do insecto vector, de ata un 95% dos exemplares, é precisa unha densidade de 0,8 trampas por hectárea, segundo a mesma investigación.

Eficacia do trampeo
Outra cuestión a ter en conta nas trampas é o seu funcionamento. En Galicia, alomenos ata o 2016, o trampeo que se estaba a practicar era ineficaz, pois as trampas capturaban escasos exemplares de ‘Monochamus’, ata o punto de que desde Sanidade Vexetal da Xunta se chegou a valorar que a presenza do insecto vector en Galicia era moi escasa.

Unha investigadora de Castilla y León advertiu daquela nunhas xornadas en Lourizán de que era preciso recubrir o interior das trampas para o ‘Monochamus’ con teflón, pois do contrario o insecto era capaz de saír da trampa en menos dun minuto, segundo se comprobara en probas de laboratorio.

2) Eliminar as árbores decaídas no monte

As árbores decaídas constitúen un foco de atractivo para o ‘Monochamus galloprovincialis’ e presentan maior vulnerabilidade á entrada do nematodo do piñeiro. A normativa comunitaria obriga a eliminar os pés vulnerables na zona demarcada e na franxa tampón con Portugal –unha faixa de 20 quilómetros a partir da fronteira-. Esa eliminación debe facerse preferentemente antes do 1 de abril, data na que comeza o periodo de voo do insecto vector.

No 2016, a eliminación dos pés decaídos chegouse a retrasar ata xullo, cando o insecto vector da praga levaba máis de 3 meses de voo

En Galicia, a auditoria europea detectou que os traballos non comezaron no 2016 ata mediados de xullo, en tanto que no 2015 comezaron en maio. O problema, derivado de trámites administrativos, está solucionado desde o 2017, segundo a Xunta, que asegura que agora a empresa contratada para os traballos (Tragsa) pode operar desde o 1 de xaneiro.

Expansión do problema

Os erros atopados en Galicia no protocolo de control do nematodo levaron ós auditores europeos a determinar que o segundo foco detectado en Galicia -Salvaterra do Miño (2016)-, era unha extensión do primeiro foco do 2010 e non unha contaminación nova procedente de Portugal, como argumentaba a Xunta.

Cos focos actuais, a Administración galega volveu apuntar a hipótese de que os novos casos poidan proceder de Portugal, se ben a proximidade dos novos positivos ós casos das Neves e Salvaterra xeran dúbidas sobre tal posibilidade.

Árbores queimadas nos incendios do 2017
A eliminación de árbores débiles ou mortas do monte constitúe un problema de primeira orde no sur da provincia de Pontevedra, onde os incendios do outono do 2017 calcinaron miles de hectáreas. A Administración calcula que aínda permanecen no monte alomenos 1.000 hectáreas afectadas polos incendios pendentes de corta, unha tarefa que haberá que afrontar nos próximos meses.

3) Desenvolver unha axeitada vixilancia na fronteira con Portugal

O nematodo do piñeiro, detectado en Europa por primeira vez no 1999, nas proximidades de Lisboa (Portugal), avanza imparable ano a ano cara o norte de Portugal. De acordo coa modelización de expansión da praga que elaborou a investigadora Begoña de la Fuente, a expansión natural do nematodo pode chegar ó sur de Ourense no 2022 e afectar nos seguintes anos a todo o sur ourensán.

Espérase a chegada natural da praga procedente de Portugal ó sur ourensán no 2022 e posteriormente ó sur de Pontevedra

Na provincia de Pontevedra, a presión fronteiriza da praga tamén aumentará ó longo da próxima década e espérase que entre de xeito natural en Galicia, máis alá dos casos puntuais detectados ata o de agora. Todas estas previsións poden verse alteradas polas medidas de control que se desenvolvan tanto en Portugal como en Galicia, polo que a actuación na chamada zona tampón, unha faixa de 20 quilómetros a partir da fronteira, é fundamental para reducir problemas.

4) Controlar a saída de madeira da zona demarcada

A Administración está a vixilar tódolos movementos de madeira que saen da zona demarcada, a fin de evitar que saia piñeiro sen o preceptivo tratamento térmico e que a praga poida chegar así a outras zonas de Galicia.

Toda a madeira que saia da zona demarcada, que comprende todo o sur da provincia de Pontevedra, deberá ser sometida a un tratamento a 56º centígrados durante 30 minutos.

5) Obter piñeiros resistentes ó nematodo

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán está a traballar desde o 2013 na identificación de familias galegas de piñeiro que sexan tolerantes ó nematodo. De cara ás futuras plantacións que acometan os propietarios forestais e comunidades de montes, resulta fundamental contar con material tolerante á praga no menor prazo.

Outra alternativa pode pasar pola promoción de plantacións de coníferas resistentes ó nematodo, coma o ‘Pinus taeda’, que segundo probas realizadas por Lourizán parece adaptarse ben a Galicia, a sequoia ou a ‘Criptomeria japonica’.


Valoracións do sector forestal

Elier Ojea – Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia

“É un xarro de auga fría para todos os actores forestais”

O presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia, Elier Ojea, recoñece que os novos positivos de nematodo do piñeiro son un “xarro de auga fría” para todo o sector. Elier anuncia unha próxima reunión das empresas da madeira con Medio Rural para abordar a situación. “Será un encontro aberto tanto ás empresas da zona demarcada como ás de fóra, pois había moitas empresas doutros puntos que estaban mercando madeira nesa zona”, explica o responsable de Fearmaga.

Desde a patronal dos aserradoiros avogan por un plan de apoio ás industrias, que se terán que dotar de secadoiros axeitados para o tratamento da madeira no caso de que aínda non dispoñan deles.

Francisco Dans – Asociación Forestal de Galicia (AFG)

“Pasamos dun problema coxuntural a un problema estrutural”

O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, valora tamén con “moita preocupación” os novos positivos de nematodo do piñeiro e a ampliación da zona demarcada pola praga. “A primeira impresión é que isto está pasando dun problema coxuntural a un problema estrutural co que imos ter que convivir”, destaca. “Esa situación ten unhas implicacións silvícolas e económicas importantes, que teremos que analizar e para as que haberá que propoñer solucións”.

Por parte da Asociación Forestal de Galicia tamén se está á espera dunha reunión específica da Xunta cos colectivos de propietarios forestais para abordar a situación.

Jacobo Feijoo – Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga)

“Cómpre dar información e apoio a propietarios e empresas”

O director da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias, coincide tamén na gravidade da situación, se ben avoga por “mandar unha mensaxe de tranquilidade”. “Cómpre proporcionarlle información axeitada e apoio a propietarios forestais e empresas”, incide.

“Con respecto á Administración, Sanidade Vexetal debe fortalecer o control sobre a praga e hai que reforzar as liñas de investigación, de cara a lograr tanto un maior control do ‘Monochamus’ coma piñeiros que sexan resistentes”, subliña Feijoo, que tamén advirte da necesidade de intervir na propiedade privada para eliminar toda árbore sintomática do monte se o propietario non actúa. “Estamos ante o patóxeno máis perigoso para os piñeiros”, lembra.

image_print

Una idea sobre “Cinco prioridades no control do nematodo do piñeiro

  1. salvador rodriguez groba

    ?ERA VISTO¿Primeiro pagaron os da Zona de As Neves e Salvaterra e era un problema que chegou de outro lado pero en realidade se fixeron ben as cousas por parte de todos,e isto non e de fai uns anos xa ben de largo ,pero eche o conto de sempre solo se toman medidas (se alguen e xastre) cando e tarde como en Politica pois nos xa tiñamos pensado etc,e o Becho sempre estivo ahi ?quen velou por el¿Os Entendidos que non o viron hay caseque corenta anos?asi nos vai en este Noso Pais.Que desastre.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información