Unha investigación prevé que o nematodo do piñeiro colonice o sur galego desde o 2022

A praga, detectada por primeira vez en Europa nas inmediacións de Lisboa no 1999, expándese cara o norte de Portugal e xa se sitúa a uns 20 quilómetros da fronteira con Galicia

Unha investigación prevé que o nematodo do piñeiro colonice o sur galego desde o 2022

Pés infectados polo nematodo do piñeiro en Portugal. / Imaxe: CIF.

Os dous casos illados de nematodo do piñeiro que se rexistraron ata o de agora en Galicia, nas Neves e Salvaterra do Miño (Pontevedra), poden quedar nunha anécdota a partir do 2022, cando se espera que a praga comece unha importante expansión no sur galego, segundo se desprende dun estudo da Universidade Politécnica de Madrid dirixido por Begoña de la Fuente.

A investigación deseñou un modelo para predecir a velocidade de propagación natural do nematodo do piñeiro, así como as áreas potencialmente afectadas na ausencia de medidas de contención. A praga detectouse por primeira vez en Portugal no 1999, nas inmediacións de Lisboa, e desde aquela expándese como unha mancha de aceite por tódolos piñeirais do país veciño.

Prevese unha alta presión da praga na fronteira de Portugal, á altura da comarca de Verín, arredor do 2022

A Galicia entrará previsiblemente pola fronteira ourensana no 2022, data na que se espera que haxa unha alta presenza da praga no límite da comarca de Verín con Portugal, e para o 2028 prevese que estea expandida pola provincia de Ourense e polo sureste da provincia de Pontevedra, onde entrará tamén procedente de Portugal, segundo o modelo deseñado polos investigadores.

Velocidade de expansión

O nematodo, un verme microscópico que causa a seca dos piñeiros, expándese de xeito natural por medio dun insecto vector, o ‘Monochamus galloprovincialis’, para o que se calcula unha capacidade de dispersión principal de 1,5 quilómetros. Esa limitada dispersión do vector fai que a velocidade de avance do nematodo en ningún caso supere os 15 quilómetros anuais, salvo que o insecto vector se desprace a longas distancias favorecido por medios humanos, coma por exemplo veículos de transporte de madeira. Foi o que xa sucedeu en Portugal, cando no 2008 apareceu un foco a case 300 quilómetros do anterior foco máis próximo.

Na actualidade, os puntos máis septentrionais da praga sitúanse no país veciño en puntos que quedan a arredor de 20 quilómetros de Galicia, no límite da franxa tampón sometida a especial vixilancia. As perspectivas apuntan a que o problema entrará de cheo en menos de 5 anos en Galicia, onde polo de agora só se detectaron dous casos illados, nas Neves e Salvaterra (Pontevedra).

Para o 2028, o pronóstico apunta a que a praga estará amplamente difundida no sur ourensán, desde a Baixa Limia ata Vilardevós, e que tamén afectará de cheo ó sureste da provincia de Pontevedra, no entorno dos dous casos que xa se detectaran no pasado.

Necesidades climáticas
Con todo, a expansión do problema en Galicia espérase que se vexa limitada polos requerimentos de temperatura que ten o nematodo do piñeiro, pois con temperaturas medias inferiores a 19,3º no periodo xuño – agosto non son previsibles danos, o que en principio fai que a perigosidade de expansión da praga cara as provincias da Coruña e de Lugo sexa escasa no medio prazo, segundo o modelo de expansión da praga desenvolto pola Universidade Politécnica de Madrid.

Peor é o escenario no resto de España, pois espérase tamén que para o 2022 a praga colonice a serra de Gata, no límite de Castilla y León e Extremadura, iniciando unha expansión cara o centro da península polos piñeirais próximos ó Sistema Central, agardándose que a praga poida chegar ós Pirineos.

Trampa para capturar ó insecto vector do nematodo.

Trampa para capturar ó insecto vector do nematodo.

Medidas de contención
Para retrasar a expansión do problema, os investigadores recomendan aplicar trampeos masivos do insecto vector, así coma eliminar as árbores decaidas ou sintomáticas nas áreas máis próximas ós casos que se detecten. A corta de tódalas árbores arredor dos casos detectados demóstrase por si soa insuficiente. Talar tódalas árbores nun radio de 3 quilómetros serviría só para retrasar a expansión da praga 1 ano, segundo o modelo de expansión do nematodo desenvolto. É precisa, por tanto, unha acción integral que teña en conta o trampeo dos insectos vectores e a eliminación de pés sintomáticos ou decaidos.

En Galicia, hai establecido un sistema de trampeo tanto na franxa tampón con Portugal coma arredor dos dous casos detectados. Tamén hai un plan para eliminar os pés sintomáticos ou decaidos, susceptibles de ser diana fácil para a praga, se ben situacións coma os lumes do pasado outubro deixaron unha situación complicada no monte, con moita madeira queimada que en moitos casos non se puido eliminar antes da primavera, cando comeza a voar o ‘Monochamus galloprovincialis’, o insecto vector da praga.

Árbores tolerantes
O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán iniciou tamén un estudo sobre 91 familias galegas de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e sobre 55 de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) co fin de identificar familias tolerantes ou con resistencias á praga. É un traballo que xa permitiu identificar opcións de interese para desenvolver un programa de mellora xenética do piñeiro. O obxectivo é producir árbores resistentes á praga, como xa fan países que levan décadas convivindo co problema, caso de Xapón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información