Prevese unha menor produción de faba de Lourenzá pero de mellor calidade

Cos retos da profesionalización, a aposta pola calidade e trazabilidade do produto e a estabilidade dos prezos, os 40 produtores incluidos na IXP inician unha campaña na que agardan comercializar máis de 12 toneladas de faba certificada

José Cuadrado, nas instalacións da cooperativa Terras da Mariña

José Cuadrado, nas instalacións da cooperativa Terras da Mariña

Os produtores de Faba de Lourenzá da comarca da Mariña están a iniciar a campaña de recollida cunhas previsións de menor produción con respecto a 2018 pero dunha calidade excelente. José Cuadrado Oural, Pepe, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida e da cooperativa Terras da Mariña, estima que haberá “menos produción que o ano pasado pero coido que de mellor calidade”. “É algo no que estamos mellorando cada ano”, asegura.

A campaña vén moi desigual, cunhas fincas máis adiantadas e outras moi atrasadas

A IXP foi creada no 2008 e a cooperativa de produtores seis anos despois. Na actualidade forman parte da IXP 40 produtores nos 15 concellos da comarca da Mariña que abrangue (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove), cunha superficie de cultivo certificada de 40,5 hectáreas.

Deles, 5 produtores de Lourenzá, das parroquias de Santo Tomé e Santo Adrao (Xoias do Val, Fabas O Pontigo, Fabas Maruxa, Fabas Francisca e Fabas Alma do Val), e un de Cedofeita, en Ribadeo (Horta Valego), envasan con marca propia, ademais da propia cooperativa Terras da Mariña, que reúne a 16 produtores de toda a comarca e comercializa coa marca Mariña Selecta.

De 2010 a 2018 multiplicouse por tres a produción vendida baixo aa etiqueta da IXP, superando as 12 toneladas na última campaña, cun volume de negocio que supera os 100.000 euros

Aínda que o incremento da faba certificada foi unha constante nos últimos anos, esta segue aínda a ser a grande asignatura pendente da faba que se produce en Lourenzá. De 2010 a 2018 multiplicouse por tres a produción vendida baixo a etiqueta da IXP, superando as 12 toneladas na última campaña, cun volume de negocio que supera os 100.000 euros. Pero o presidente do Consello Regulador recoñece que “véndese aínda máis faba sen IXP que con ela”. “Hai un problema de sobreprodución de faba que leva o nome de Lourenzá pero que sae sen a etiqueta da IXP”, di. “É un problema de concienciación, tanto do consumidor, para que saiba o que está está mercando, como dos propios produtores”, engade.

Profesionalización

Tradicionalmente o cultivo de faba na Mariña era un complemento a outras actividades familiares, tanto agrarias como de persoas adicadas a outros sectores. Hoxe aínda se calcula que existen máis de 200 produtores individuais en toda a comarca que non pertencen á IXP e que venden os seus excedentes a granel a uns prezos inferiores aos do mercado.

A superficie destinada a produción de faba estabilizouse nos últimos anos, cun repunte no ano 2017 como consecuencia da prohibición de plantar patacas na comarca. A produción media está entre 1.500 e 1.800 quilos de faba por hectárea. En paralelo, nos últimos anos estase a dar unha reconversión no sector, entrando novos produtores que se profesionalizan en substitución doutros que tiñan simplemente na produción de fabas un complemento económico e que o van deixando, en moitos casos por cuestión de idade.

“Todos os esforzos van dirixidos a aumentar a venda de faba certificada e baixar a venda a granel” (José Cuadrado, presidente da IXP)

“Non estamos en contra de que un xubilado produza fabas, pero temos que conciencialos para que se non se suman á IXP, polo menos teñan a súa explotación dada de alta no REAGA e declaren as súas vendas como se fai en calquera outra actividade”, reclama. E pide os mesmos controis para todos. “Parece que neste sector todo vale e todo o mundo se pode poñer a producir alimentos así sen máis e falamos de cousas moi serias, porque somos empresas que producimos alimentos e hai que garantir unha trazabilidade e un control no uso de fitosanitarios, tanto nas doses como nos prazos de seguridade, porque esas fabas vai comelas alguén. Nós estamos dacordo en que nos controlen e nos auditen para ter un produto de calidade, pero todo o mundo debe ter os mesmos controis que se nos esixen a nós”, defende.

“Non estamos en contra de que un xubilado produza fabas, pero deben esixírselle os mesmos controis e condicións á hora de vendelas”

“Temos que intentar profesionalizar o sector o máximo posible. E buscamos sobre todo un relevo xeracional nas familias que se adican a isto, evitar o despoboamento do rural e sobre todo demostrarlles aos máis novos que aquí teñen unha alternativa de futuro, porque dependemos da xente máis nova para que o sector primario e o rural se revalorice e perdure no tempo”, argumenta o presidente da IXP.

Pepe é un deses exemplos de novos agricultores que apostan pola faba. Aprendeu a cultivalas dos seus pais e agora, con 35 anos, forma parte desa segunda xeración que quere profesionalizar o oficio. Igual ca el, o seu veciño Alfonso Cartoy tamén está a apostar pola faba en Santo Tomé, o mesmo que outros novos produtores incorporados nos últimos anos na comarca como Diego Geada, de Finca as Carballas de O Valadouro; Javier Monasterio, de Sante, en Trabada; Rocío Maseda en Mondoñedo ou Javier Miranda en Riotorto.

Fraude na entrada de produto de Bolivia

Están a detectar ademais, nas últimas campañas, a entrada de produto foráneo ao mercado galego, que chega sobre todo de países como Bolivia, e que pasa desapercibida a simple vista para moitos consumidores, pero que é de moita peor calidade. “Non ten a pel fina que caracteriza á faba de Lourenzá, nin a mantecosidade, nin a elevada capacidade de absorción de auga, superior ao 100%, que fai que a nosa faba teña ese comportamento excepcional na cocción. Pero moita xente merca esa outra faba que ven de fóra pensando que é faba de Lourenzá e iso afecta despois ao nome da nosa”, explica.

“Está a entrar faba foránea que o consumidor merca pensando que é de Lourenzá”, denuncian os produtores, que se ven abocados a vender parte da súa produción vía Asturias

“É importante concienciar ao consumidor”, di Pepe, porque nos últimos anos son cada vez máis as familias que apostan polo cultivo da faba como unha opción de futuro e como a súa actividade principal e este intrusismo, tanto na produción e venda de faba a granel como coa venda de faba de importación, dificulta este proceso.

O presidente da IXP recoñece, con todo, a dificultade para dar saída a toda a produción da comarca como faba certificada neste momento. Segue marchando moita faba de Lourenzá vía Asturias, a través dos compradores, intermediarios e distribuidores que durante décadas controlaron o mercado da faba en España pero “a idea é potenciar cada vez máis a venda certificada e baixar a venda a granel, que aínda é moi importante, e todos os esforzos van dirixidos a iso”, asegura. “Estabamos acostumados a que nos viñeran mercar á casa, un sistema no que o intermediario puña as condicións. Temos que cambiar o sistema e sair nós a vender poñendo nós as condicións”, defende.

Mellora da semente

Semente base de Faba Galaica cultivada nas instalacións da Misión Biolóxica de Galicia

Semente base de Faba Galaica cultivada nas instalacións da Misión Biolóxica de Galicia

Os produtores de Faba de Lourenzá están tamén inmersos nun proxecto para a mellora da semente que cultivan. A cooperativa Terras da Mariña recibiu no mes de febrero sementes base da variedade Faba Galaica, colleitada polo CSIC tras máis de vinte anos de investigación. “É semente certificada que nos transfiere o CSIC. A cooperativa Terras da Mariña, que é a que recibe esa semente, multiplícaa para a súa posterior posta a disposición dos agricultores inscritos na IXP”, explica Pepe.

A intención é unificar a variedade da especie Phaseolus vulgaris L que se sementa na zona. Está permitido dentro da IXP o uso dun ano para outro de semente da propia explotación ou de reemprazo procecente doutras plantacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador. “Pero a semente vaise deteriorando”, recoñece o presidente da IXP, así que se trata de “garantir unha semente 100% e unificar a variedade para pechar deste xeito o ciclo da trazabilidade”. Agardan deste xeito dar “un salto de calidade”.

A semente entregada en febreiro foi plantada na primavera en distintas fincas, que levaban cando menos 2 anos sen fabas, para evitar posibles contaxios ou contaminación cruzada da semente, e o resultado desa multiplicación distribuirase o vindeiro ano entre os produtores interesados en facerse con ela.

A Misión Biolóxica de Galicia entregará durante os vindeiros 4 anos fabas que a cooperativa Terras da Mariña reproducirá para entregar aos produtores da IXP. Trátase de unificar a variedade e lograr unha semente 100% libre de enfermidades

Segundo o acordo do CSIC, este proceso vaise repetir durante os vindeiros anos. A Misión Biolóxica de Galicia vai plantar nas súas instalacións semente base da mesma variedade de Faba Galaica libre de enfermidades e cun grao de pureza 100% que irá entregando á cooperativa Terras da Mariña para que esta a reproduza e a reparta entre os produtores.

En paralelo ao proceso de mellora da semente estase a levar tamén a cabo un traballo de transferencia tecnolóxica en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo para realizar campos de ensaio e demostración e a cooperativa pon a disposición dos socios servizos de carácter técnico e asesoramento permanente, ademais de facilitar tamén planta procedente de dous invernadoiros para semilleiros que teñen instalados en Santo Adrao (Lourenzá) e Arante (Ribadeo).

Terras da Mariña, unha cooperativa para traballar en conxunto

Integrantes da cooperativa procesando faba fresca para conxelar

Integrantes da cooperativa procesando faba fresca para conxelar, que reciben a diario

A cooperativa Terras da Mariña foi creada en 2014 coa intención de traballar en conxunto e estabilizar os prezos e comercializa anualmente 20 toneladas de fabas, un terzo delas dentro da IXP e o resto faba branca sen certificar ou doutras variedades, como verdina, faba pinta ou faba do caldo. Sen embargo, a produción estimada dos seus socios é maior, próxima ás 35 toneladas, xa que os integrantes teñen a liberdade de comercializar parte da súa producción ben directamente ou por outras canles.

Ampliar o número de socios, diversificar producións, sacar ao mercado novos produtos elaborados listos para consumir e lograr estabilidade nos prezos, garantía e trazabilidade son algúns dos obxectivos nos que están a traballar en Terras da Mariña.

Os productores traballan coa incertidume dos altibaixos nos prezos e non teñen un prezo mínimo garantido de referencia cando fan a sementeira no mes de maio

Os altibaixos nos prezos son unha incertidume coa que traballan os produtores, que non teñen garantido un prezo mínimo ou de referencia cando fan a sementeira no mes de maio. “Os prezos sufriron bastantes variacións nos últimos dous anos, cunha baixada importante no prezo ao agricultor, aínda que semella que empeza a repuntar de novo. Un precio digno e estable que debera recibir o agricultor poderia ser entre os 6,50 e 7,50 € o quilo”, considera. Ainda que Pepe non é precisamente unha persoa conformista e defende un prezo maior para o produto, recoñece que “se se lograra estabilizar nese intervalo o prezo varios anos xa seria un logro importante”. Acabar coas fluctuacións nos prezos é precisamente unha das teimas da cooperativa desde a súa formación.

Diversificación

A idea da cooperativa Terras da Mariña é ir aumentando tanto o número de socios como a superficie destinada a fabas e, ao mesmo tempo, “ir poñendo tamén os ollos noutros produtos de horta que sexan compatibles”. “Até agora a produción da cooperativa estaba centrada no monocultivo de fabas pero a partir deste ano queremos diversificar cultivos que xexan compatibles coa faba para diversificar tamén os ingresos dos socios e favorecer a rotación de cultivos nas terras”, explica Pepe.

No seu afán de poñer en valor os produtos galegos de calidade diferenciada, a cooperativa vai dar un paso máis unha vez recollidas as fabas deste ano e iniciar un novo proxecto de produción e comercialización de nabizas e grelos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia.

Cando apañen as fabas deste ano van plantar grelos que comercializarán dentro da IXP Grelos de Galicia coa intención de diversificar os ingresos dos socios e favorecer a rotación de cultivos

“É un produto con moita demanda e moi interesante tamén para optimizar as nosas terras e facer unha rotación de cultivos, compatible coa produción da nosa Faba Verdina, que se apaña antes, e incluso a Faba de Lourenzá, e permitirá poñer a producir fincas que están quedando en abandono e significará un complemento ás explotacións hortícolas”, explica. Segundo as previsións que manexan, a gran maioría dos socios da cooperativa van participar na plantación de grelos, que está aberta tamén a outros agricultores ou gandeiros que non formen parte da cooperativa.

Trazabilidade

plantacion fabas

A produción por hectárea está entre os 1.500 e os 1.800 quilos de faba

Aparte da aposta pola calidade, como cooperativa fan especial fincapé na trazabilidade e a seguridade dos seus produtos. A través dun programa de trazabilidade levan un control moi estrito de todo o proceso produtivo da faba para que os seus clientes poidan saber quen producíu esa faba, en que leira, que tratamentos e fertilizantes se usaron, a data de sementeira e recollida e cando foi envasada.

Nunca mesturan as fabas dun socio coas doutro e dentro da produción dun mesmo socio, sempre envasan cada leira por separado, garantindo así que as fabas de cada envase responden a unha calidade uniforme e que todas se van a comportar de igual forma á hora de cocelas.

Cada leira envásase por separado e non se mesturan as fabas dun socio coas doutro

Por iso, levan un control extricto da trazabilidade para dar máxima garantía ao consumidor. A faba da IXP véndese envasada en saquiños dun quilo e só se permite envasar en sacos de 5, 10 e 25 quilos, tamén etiquetados, para vender á hostalaría, pero nunca a venda a granel, “porque nun saco aberto o consumidor non sabe se o que realmente contén é faba de Lourenzá ou doutra procedencia diferente”, insiste.

Posicionarse no mercado gourmet

Terras da Mariña vende tamén produtos elaborados con fabas baixo o selo Galicia Calidade

Terras da Mariña fai produtos elaborados con fabas baixo o selo Galicia Calidade

Ademais da mellora do sector mediante a produción e venda en conxunto, a promoción representa para a cooperativa un piar fundamental no seu proxecto de futuro. “Producir faba de calidade é importante pero tamén é importante promocionar o noso produto, gañar visibilidade e mercado”, defende Pepe.

E para iso hai que “sair da casa”. Nos últimos anos Terras da Mariña leva realizado múltiples accións de promoción da faba de Lourenzá en diferentes feiras dentro e fóra de Galicia. Pretenden posicionarse no mercado gourmet e delicatessen, “porque é onde merece estar este produto e é tamén onde maior rendibilidade pode obter o produtor”, di, aínda admitindo que “son nichos de mercado que absorben pouco volume de produto”.

Buscan estar en tendas delicatessen e en negocios de restauración de alta gama aínda que son nichos de mercado que absorben pouco volume

Unha das vías é a de introducir a faba de Lourenzá na alta cociña e nos negocios de restauración de media e alta gama. Importantes chefs galegos do Grupo Nove, como Héctor López, Lucia Freitas ou Yayo Daporta ou cociñeiros como Jorge López, David Maredo ou Bruno Pena, pertencentes á Asociación de Cociñeiros da Mariña empregan xa a faba de Lourenzá nas súas creacións e colaboran nas presentacións e showcookings organizados en diferentes puntos do Estado. A cooperativa forma parte de Galicia Calidade, un distintivo que agardan lles sexa útil tamén para a promoción exterior, que encetaron no último ano coa presenza en distintas feiras internacionais.

A todas estas citas a cooperativa vai tamén cos seus produtos elaborados (ensalada de fabas de Lourenzá, fabas con bacallau, fabas con setas, fabas con pulpo e fabas con callos), cinco conservas en lata feitas a base de fabas da IXP e elaboradas dunha maneira totalmente artesá. Seguen traballando para ampliar esta gama de produtos en conserva e tamén probando novas aplicacións para esta legume, como por exemplo un pan elaborado con fariña de faba presentado este ano no Forum Gastronómico.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información