Murias Maseda, unha das maiores produtoras de faba de Galicia

En plena campaña de recollida, visitamos esta explotación situada no concello de Mondoñedo que debulla á man 20 toneladas de faba da IXP Faba de Lourenzá con destino ao mercado asturiano

Murias Maseda, unha das maiores produtoras de faba de Galicia

Rocío Maseda cultiva 12 hectáreas de Faba en Mondoñedo

Rocío Maseda comezou hai tres anos botando 5 hectáreas de fabas na parroquia de Vilamor, pertencente ao concello de Mondoñedo pero limítrofe con Lourenzá. Nesta campaña xunto ao seu home, Carlos Murias, teñen plantadas 12 hectáreas e son xa os máximos produtores de faba fresca de Galicia.

“Optamos pola faba fresca porque pensamos que é o futuro da comarca. Supón máis gasto que apañala seca, porque require máis man de obra para a recollida e a apertura da baina, que ten que facerse á man, pero é máis rendible que a seca porque pesa o dobre”, consideran.

A explotación de Carlos e Rocío está a supoñer un pequeno revulsivo económico para a parroquia de Vilamor. A metade das fincas que cultivan son alugadas a outros veciños, aos que lles están pagando 500 euros por hectárea. Ademais, neste momento, en plena campaña, dan traballo a unhas 30 persoas, que traballan por peonadas en varias cuadrillas apañando e debullando as fabas.

Unha empresa asturiana págalles entre 5 e 6 euros o quilo de faba fresca e véndeas entre 10 e 11

“A faba fresca hai que sacala toda en dous meses, comezamos a mediados de setembro e rematamos en novembro”, explica Carlos. Unha vez apañados os bagullos cando estes comezan a amarelear pero cando dentro a faba aínda está verde, ábrense un a un para sacar as fabas, que se pesan e embolsan. Pasan entrón a unha cámara de frío onde se conservan a 4 grados de temperatura. “Cada tres días veñen buscar as que tempos recollidas e lévanas para conxelalas”, conta.

O principal cliente de Murias Maseda é unha empresa asturiana, que llela paga entre 5 e 6 euros o quilo. Pero esa mesma faba unha vez conxelada duplica o seu prezo. “Os comercializadores véndena a entre 10 e 11 euros o quilo, o beneficio queda todo neles e iso non pode ser”, considera Carlos.

Queren empezar a conxelar e comercializar directamente as fabas que producen para non depender de intermediarios

Por iso Carlos e Rocío queren empezar a conxelar e comercializar eles directamente as súas fabas, “para non estar baixo o xugo dos intermediarios”. “Queremos empezar a facer venda directa o ano que vén e temos en proxecto a tres anos vista contar cunha nave no polígono para preparado e conxelado de toda a nosa produción e tamén para a recollida e procesado de fabas doutros produtores da zona”, avanzan.

“Na Mariña temos calidade, pero en Asturias teñen imaxe e marca”

fabas3Aínda que pouco a pouco a faba que se produce na Mariña, baixo a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, vai abrindo cada vez máis portas, a faba asturiana seque copando o mercado. “A faba que se produce na Mariña é de tanta calidade ou máis que a asturiana pero o nome téñeno eles e non somos capaces de competir de momento en imaxe de marca, coñecimento e introdución no mercado”, recoñece Carlos.

Ademais de faba fresca, o seu forte, cunha produción dunhas 20 toneladas anuais, Murias Maseda produce tamén outras 7 toneladas de faba branca seca e 3 de faba verdina. Teñen para iso un secadeiro de 1.000 metros cadrados. “Só o secadeiro custounos 30.000 euros e en estacas de madeira tamén temos moito diñeiro metido”, conta Carlos, que estima en 80.000 euros o investimento feito nestes tres anos. “Eu son unha persoa moi dicidida”, recoñece.

Finca de 2 hectáreas con regadío

Os nomes dos seus tres fillos, Diana, Víctor e Alba, identifican as distintas fincas que traballan Carlos e Rocío. Teñen todas máis dunha hectárea de superficie. “Senón é imposible traballalas de xeito eficiente”, aseguran. Unha delas, de dúas hectáreas e situada na veciña parroquia de Masma conta con regadío. É outra das innovacións que introduciron nestes tres anos. “É unha finca máis seca que as que temos en Vilamor, que son máis húmidas e adáptanse moi ben para plantar fabas, e optamos por instalarlle regadío porque senón venche un ano seco e se non regas perdes todo”, conta Carlos.

Dispoñen de dous tractores de dunha máquina hidráulica para facer a plantación, pero a recollida é toda manual, igual que o desbagullado. “De momento non se inventou máquina algunha para iso”, asegura Rocío.

A faba é un cultivo moi estacional (de primavera a outono), polo que Murias Maseda conta tamén para complementar a súa actividade con 2.500 metros cadrados de invernadoiros, onde poñen tomate ou xudía, e plantan tamén ao aire libre repolo e grelo en inverno e leituga no verán.

Esta explotación de Vilamor é un exemplo máis do rexurdir do sector da horta en Mondoñedo nos últimos tempos, apoiado desde o Concello mindoniense con iniciativas como a recente creación dunha marca de calidade. Hai tres anos que Rocio e Carlos comezaron a plantar fabas, pero no cultivo de horta Carlos contaba xa cunha bagaxe familiar importante. Os seus pais, Jaime e Manoli, levaban 25 anos plantando hortalizas e vendéndoas nos mercados da zona. Son fixos aínda todas as semanas en Vilalba, Castro ou Meira.

Unha das fincas que Murias Maseda cultiva en Vilamor

Unha das fincas que Murias Maseda cultiva en Vilamor

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información