Medio Rural prevé axudas no 2018 para deslindes de montes veciñais

A Consellería anuncia no debate parlamentario dos seus orzamentos que destinará 500.000 euros a cofinanciar a fixación dos límites de comunidades de montes que aínda non teñan ben definida a súa superficie

Publicidade
Medio Rural prevé axudas no 2018 para deslindes de montes veciñais

Os orzamentos da Xunta para o 2018 estanse a debatir no Parlamento de Galicia, onde compareceu esta semana a conselleira do Medio Rural para desgranar as contas do seu departamento. Unha das novidades que anunciou Ángeles Vázquez para o 2018 é a apertura dunha liña de axudas de 500.000 euros para impulsar os deslindes de montes veciñais que teñan aínda sen clarificar a súa superficie, segundo informa a Consellería en nota de prensa.

Esa liña de axudas para deslindes súmase á outra anunciada este mes para os montes veciñais que estean pendentes de dotarse dun instrumento de ordenación forestal. Ambas convocatorias eran agardadas desde hai anos polo sector forestal e xa foran comprometidas o pasado inverno pola Xunta.

Respecto á revisión do plan forestal de Galicia, a conselleira sinalou que se abrirá un periodo de exposición pública de xeito inminente para recibir aportacións de colectivos sociais e cidadáns.

Para o 2018, Medio Rural disporá dun total de 500 millóns de euros, un 4% máis que o anterior exercicio.

Mobilización de terras
Outro dos apartados sobre os que incidiu a conselleira para o 2018 apunta á mobilización de terras improdutivas. Vázquez falou no Parlamento de actuacións de recuperación de soutos tradicionais de castaña no concello de Folgoso do Courel, de praderías na comarca de Ancares, de terras para produción de pasto no concello de Sober, de terras para produción de viñedo ou pequenos froitos nas zonas vitícolas de Ourense e para produción de pemento en Arnoia.

Tamén traballa nun proxecto de recuperación de terras afectadas por lumes en Cualedro e Oímbra, segundo informa a Consellería en nota de prensa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información