Medio Rural destinará 4 millóns de euros a proxectos de ordenación de montes

A Consellería ultima a orde de axudas, con cargo ós presupostos do 2018 e 2019. A Xunta lembra que desde maio do 2020 só se autorizarán cortas en montes que dispoñan dun plan de xestión

Medio Rural destinará 4 millóns de euros a proxectos de ordenación de montes

En maio do 2020, tódolos montes deberán contar con instrumentos de ordenación.

A Xunta convocará en breve unha liña de axudas para financiar proxectos de ordenación de montes. Medio Rural ten previsto adicar a ese fin catro millóns de euros, dous no 2018 e outros dous no 2019. As axudas financiarán a redacción dos instrumentos de ordenación, tales como proxectos de ordenación, documentos simples ou compartidos de xestión.

A Consellería lembra que desde maio do 2020, todos aqueles montes que non teñan un instrumento de ordenación non poderán executar cortas. A redacción dos proxectos de ordenación é así imprescindible no caso de comunidades de montes veciñais, sociedades de fomento forestal (Sofor) ou grandes propietarios.

Para o caso dos pequenos propietarios individuais, a alternativa máis sinxela pasa pola adhesión ós modelos silvícolas deseñados pola Xunta, que marcan pautas de manexo para unha vintena de especies (marcos de plantación, rozas, rareos, etc.).

Coa esixencia de instrumentos de ordenación, a Administración busca impulsar ferramentas técnicas que permitan organizar os recursos forestais e garantir unha xestión sustentable do monte. O borrador da orde de axudas, que se analizou onte no Consello da Xunta, establece catro liñas de axudas:

– A primeira para zonas declaradas de alto ou medio risco de lumes.

– A segunda para os montes que se atopen parcialmente cubertos por masas consolidadas de frondosas autóctonas, que estean en Rede Natura 2000 ou situados en zonas de policía dun río (ata os 100 metros) de áreas de potencial significativo de inundacións (Arpsi).

– As liñas 3 e 4 son de aplicación para montes con terreos produtivos de masas de crecemento rápido polo menos no 50% da súa superficie.

Desde Medio Rural destacan tamén que as sociedades de fomento forestal (Sofor) contarán con liñas preferentes, a fin de favorecer o impulso do asociacionismo forestal dos pequenos propietarios.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información