A Xunta abrirá axudas para costear deslindes de montes veciñais

A Administración tamén compromete a convocatoria de subvencións para plans de ordenación forestal. Sinala que a creación da Axencia da Industria Forestal está nunha “fase previa de elaboración”

A Xunta abrirá axudas para costear deslindes de montes veciñais

Os montes veciñais dispoñen de tres anos para dotarse de plans de ordenación.

A Consellería do Medio Rural anunciou estes días no Parlamento a próxima apertura dunha liña de axudas para financiar o custo dos deslindes dos montes veciñais, de interese alí onde existan problemas para clarificar os límites. O anuncio fíxose na comisión de Agricultura do Parlamento, onde o grupo popular, a proposta do Bloque, reiterou o seu compromiso coa convocatoria dunha orde de axudas para a ordenación de montes.

Sobre a proposta de axudas para o deslinde dos montes veciñais, houbo consenso de todos os grupos da cámara en apoialas, se ben desde a oposición advertiuse da necesidade de maiores medidas de apoio ós montes veciñais. Así, o grupo da Marea lembrou que hai moitas comunidades con dificultades de xestión ou directamente sen xunta rectora, polo que entenden que as medidas a adoptar deberían ser máis profundas.

Novo prazo para os plans de ordenación
As axudas para plans de ordenación forestal levaban sen convocar desde hai catro anos, unha situación que preocupa nas comunidades, pois a lexislación obrígaas a dotarse dese instrumento de xestión se queren seguir cortando madeira e acceder a axudas públicas.

O prazo límite para que os montes veciñais dispuxesen dun plan de ordenación non estaba moi claro. Segundo interpretaba o Bloque e boa parte do sector, a Lei de Montes obriga a que as comunidades conten con esa ferramenta en marzo do 2018, seis anos despois da entrada en vigor de dita Lei.

A Xunta sitúa o novo prazo para que as comunidades dispoñan dun plan de ordenación no 8 de maio do 2020

No recente Consello Forestal, celebrado o pasado mes, Medio Rural anunciou que regularía unha ampliación do prazo ata inicios do 2019, pero na comisión de Agricultura desta semana púxose sobre a mesa outro escenario.

Desde o grupo popular interprétase agora que o prazo de seis anos que marca a Lei de Montes para que as comunidades se doten dun plan de ordenación forestal comeza a contar non a partir da entrada en vigor da Lei de Montes senón do Decreto 50/2014, polo que se regulan os aproveitamentos forestais. Esa interprestación trasladaría a esixencia do plan de ordenación ó 8 de maio do 2020.

Axencia da Industria Forestal

Sobre a Axencia da Industria Forestal, pola que se interesou o grupo da Marea, o grupo popular sinalou no Parlamento que está nunha “fase previa de elaboración”. A Administración asegurou que escoitará a todas as partes implicadas antes de tomar unha decisión sobre o traspaso de créditos orzamentarios para o novo organismo autónomo.

Tamén deberá decidir o traspaso de persoal público e a probable adscripción do Centro de Investigación Forestal de Lourizán á Axencia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información