Os gandeiros de Ourense quedan sós ante a peor seca en décadas

Cunha colleita de herba ata un 70% inferior, con pastos agostados un mes antes do normal e con problemas para asegurar a auga para o gando, as explotacións gandeiras do Oriente de Ourense afrontan o peor verán en décadas. Denuncian o abandono e a falta de apoio por parte da Xunta e do Ministerio.

Os gandeiros de Ourense quedan sós ante a peor seca en décadas

Prados secos un mes antes do habitual en Viana do Bolo.

As algo máis de 200 explotacións gandeiras dos concellos da montaña oriental de Ourense (Viana do Bolo, Vilariño, A Veiga ou A Gudiña) afrontan soas os estragos da peor seca que se recorda en anos. A gandería, xunto coa castaña e coa apicultura, é un dos poucos motores económicos da zona e a que frea o despoboamento e o abandono do rural. Pero este ano está a ser especialmente duro, e sen que se albisquen medidas de apoios por parte da Xunta e do Ministerio, a pesar da tractorada celebrada no mes de maio en Viana do Bolo.

Meteogalicia: “É a primavera máis seca na zona da serie histórica”

Segundo datos de Meteogalicia, nesta primavera choveu nesta zona menos do 50% do normal, converténdoa na máis seca da serie histórica, que vai dende o ano 1983. Por poñer un exemplo, no mes de marzo choveu menos do 40% da media, en abril só o 10% do que ven sendo habitual e aínda que en maio as precipitacións achegáronse á media, non compensaron a forte seca que se arrastra nesta comarca dende o verán pasado. En xuño, os datos de Aemet indican que choveu tan só o 20% dun ano normal.

“E as predicións indican que non vai haber choivas significativas a curto e medio prazo, como moito chuvascos tormentosos, pero nada máis”, sinala María Souto, de Meteogalicia.

A falta de precipitacións xunto a unhas temperaturas anormalmente altas estanse a traducir en que a produción de herba -a base da alimentación do gando nesta zona- caeu drásticamente: unha media dun 70% na herba seca e cos prados agostados un mes antes do habitual. A isto úneselle a perda da colleita de centeo, o cereal co que ceban os becerros e os cordeiros, debido ás xeadas. O máis grave aínda pode estar por chegar: a falta de auga para o gando, que xa empeza a escasear nalgunhas zonas.

Velaquí algúns testemuños:

Xoán, gandeiro de ovino: “A administración tennos totalmente abandonados”

Xoán é un gandeiro mozo de 25 anos que decidiu incorporarse este ano á fronte dun rabaño de 300 ovellas. A súa foi unha decisión vocacional, xa que a súa familia non era gandeira. “Son de Vilariño de Conso e sempre me gustou a gandería. Conto co apoio da miña familia e despois de formarme en Sergude, facendo o ciclo de Xestión de Explotación Agropecuarias, decidín incorporarme este ano”, explica.

Sen embargo, a seca estalle a poñer as cousas moi difíciles. “Este ano está a vir moi fastidiado pois na vida se recorda unha seca coma esta. Tiñamos que ensilar uns 200 rolos e facer unhas 300 alpacas e non chegaremos nin ao 30%”, recoñece.

Ante este panorama vai ter que recorrer a mercar forraxe, “prácticamente ao prezo que pidan”, e a reducir cabana gandeira.

Xoán, que nestas semanas colgou nas redes sociais un vídeo para denunciar a situación dos gandeiros desta zona, critica que “o goberno da Xunta nos teña totalmente abandonados á nosa sorte”. “Aos bancos si que os rescatan ou ás concesionarias das autopistas, pero aos gandeiros que estamos mantendo vivo o medio rural e producindo alimentos de forma sustentable e limpando o monte déixannos abandonados ante este desastre climatolóxico”, denuncia.

Gregorio, gandeiro da Gudiña: “Conto recoller un 75% menos de herba”

Gregorio é un gandeiro de O Canizo, unha aldea do concello da Gudiña. As súas 70 vacas de carne de raza Limousin pastorean unhas 120 hectáreas, tanto de prado como de monte baixo, desempeñando unha labor esencial para previr os incendios forestais.

Sen embargo, este ano asegura que “a seca deixounos sen pastos prácticamente un mes antes do normal, e ao non chover na primavera o rendemento da herba, tanto para ensilar en verde como para herba seca, baixou ata un 75%”.

No seu caso úneselle tamén os danos das xeadas, que botaron a perder as 10 hectáreas de centeo que tiña sementadas, e coas que fornecía de palla para os camas e de grao para o cebo dos xatos. “Somos unha zona moi desfavorecida, o prezo que nos pagan polos becerros é 40 céntimos menos por quilo que en 2013, e nun ano tan malo coma este sería preciso que a Administración nos botase unha man, por exemplo no tema das cotizacións á Seguridade Social”, asegura este gandeiro.

María Páez, gandeira de Viana: “Non nos dá para pagar tamén seguro de herba”

María Páez ten unha pequena gandería de 25 vacas de carne de razas autóctonas en Viana do Bolo. Os efectos da seca resúmeos cunha cifra: “Seguei a herba en dúas fincas, na que no ano pasado collera 19 rolos este ano collín 7, e noutra 4, cando o pasado ano recollera 11. É dicir, un 70% menos”.

No seu caso tamén a xeada lle estragou o centeo, pero un problema que prevé será a auga para o gando durante o verán. “As fontes no monte e nos prados xa secaron, cando iso solía pasar en agosto, e hai compañeiros que lla están a levar ás vacas en cisternas”, explica.

En canto aos seguros de herba, cuxa contratación en Galicia é anecdótica, María Páez recoñece que “se ademais do gando tivese que asegurar os pastos e a herba, a gandería deixaría de ser viable”. Propón como alternativa “un seguro combinado de explotación e razoablemente económico, que tamén cubra a herba, pero para iso a administración debería incrementar a súa subvención aos seguros”, que na actualidade está en arredor dun 40%, cando a normativa europea permite aumentar a porcentaxe ata o 65%.

“É triste que a estas alturas do ano non viñera onda nós ninguén da Administración para coñecer a nosa situación”, conclúe.

María Páez cortando a escasa herba que hai este ano nos prados:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información