As xeadas e a seca ameazan coa ruína aos produtores da montaña de Ourense

Os gandeiros, produtores de castaña e apicultores do oriente de Ourense padecen os efectos dunha tormenta perfecta de xeadas e seca que ameaza con arruinalos. Masiva tractorada este venres en Viana do Bolo para que a Xunta e o Ministerio establezan axudas de mínimis.

As xeadas e a seca ameazan coa ruína aos produtores da montaña de Ourense

Tractorada este venres en Viana do Bolo

Os gandeiros, produtores de castaña e apicultores do oriente da provincia de Ourense viven unha situación desesperada debido aos graves danos provocados pola seca e polas xeadas. Nestas comarcas da montaña ourensá, que engloba aos concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, A Gudiña e Chandrexa de Queixa, o habitual é compatibilizar dúas ou máis producións como castaña, produción de mel e gandería de carne.

Sen embargo, as xeadas de finais de abril e a seca prolongada provocaron non só a perda dos pastos, da herba seca e de boa parte do centeo de primavera, senón que a xeada queimou tamén as gromos dos castiñeiros e a flor da queiruga, deixando sen alimento para as abellas ao puxante sector apícola da comarca.

Unha tormenta perfecta que ameaza coa ruína a máis de 600 familias desta zona que teñen a agricultura, a castaña e a gandería como actividade principal ou complementaria.

Tractorada en Viana do Bolo para denunciar o “abandono” da Xunta e reclamar axudas

Neste sentido, máis de 150 tractores participaron este venres nunha marcha en Viana do Bolo para denunciar o que consideran “abandono” por parte das Administracións e reclamar á Xunta de Galicia que estableza axudas de mínimis para os produtores.

A tractorada, que partiu pasadas as 11 horas e na que participaron labregos de toda a comarca, concluíu a mediodía coa lectura dun manifesto por parte de María Páez, gandeira e produtora de castaña, ademais de responsable comarcal de Unións Agrarias.

 María Páez (Unións Agrarias): “O problema é que este ano aquí fallaron todas as producións”

“Nesta zona as perdas de herba e de pasto, de produción do castiñeiro ou do centeo de primavera van do 80 ao 100% polo que os produtores necesitamos axudas para poder aguantar este ano”, asegura María Páez.

“O problema -advirte- é que este ano fallou todo: o pasto, o centeo, a produción de castaña e o mel, polo que nunca foi máis necesario que a Consellería do Medio Rural estableza axudas directas”.

De momento, a Xunta e Ministerio seguen opóndose a esta medida, pero dende Madrid anuncian unha orde de axudas para o acceso a créditos. A presión de agricultores e gandeiros podería facer que a Administración acceda a estudar novas medidas de axudas.

Testemuños:

Lina García, gandeira de Viana: “A única solución é que a Consellería estableza axudas de mínimis”

Unha das gandeiras afectadas pola seca e as xeadas nesta comarca é Lina García, unha moza que se incorporou recentemente á actividade nunha explotación con 55 cabezas de vacún de carne, das razas Rubia Galega e Blonda de Aquitania, que compatibiliza coa produción de castaña.

“O problema é que debido á seca non houbo pasto e agora estamos tendo que alimentar as vacas co silo de herba que tiñamos para o verán e co pouco pasto que hai nos prados que tiñamos que gardar para coller a herba seca”, asegura. “E o centeo de primavera queimouno a xeada”, engade.

Unha situación que se agrava coa crecente especulación nos prezos dos cereais e das forraxes. “O que ten cereal ou herba seca non a vende porque sabe que van subir os prezos, ou chegan a pedirche máis de 25 euros por un rolo de herba seca, sen portes”, explica esta gandeira.

 Lina García: “Precisamos axudas para dar de comer aos animais”

En canto aos seguros, unha medida á que se aferran Xunta e Ministerio como única solución posible para estas calamidades climatolóxicas, Lina García considera que “non valen para solucionar o urxente, que é dar de comer aos animais”.

“A única solución realista e eficaz -conclúe- é que se establezan axudas de mínimis para os produtores, como xa fixeron cos viticultores da Ribeira Sacra o pasado ano”.

Néstor Ogando, apicultor: “Debido ás xeadas perdín máis de 25.000 euros”

Néstor Ogando é un apicultor profesional da Gudiña con máis de 500 colmeas, un sector que nos últimos anos está a experimentar unha expansión nesta comarca, coa incorporación de moita xente moza.

No seu caso, as principais perdas foron debidas ás fortes xeadas de finais do mes pasado, que queimaron a flor da queiruga e, sobre todo, os gromos do castiñeiro, outro sector con pulo nesta zona.

“A xeada queimou os gromos das principais fontes de alimentación das abellas nesta zona: carballos, silvas, queirugas e, sobre todo, do castiñeiro, que non sabemos se renovará e botará algo de cadea ou non”, explica.

Isto provocou que os apicultores non só perderan boa parte das principais floracións, e polo tanto de mel e de pole, senón que mesmo teñan que estar gastando diñeiro en mercar alimentación suplementaria para as abellas, “algo totalmente inusual no mes de maio”.

“No meu caso as perdas polas xeadas superan os 25.000 euros e calculo que nos 35 apicultores profesionais que hai na comarca superan o millón de euros, unhas perdas que serán maiores se non se logra a floración do castiñeiro”, advirte.

En canto ás solucións, Néstor Ogando coincide en que “é imprescindible que a Administración estableza axudas de mínimis, polo menos para pagar a alimentación que lle estamos comprando para as abellas”.

En canto aos seguros, lembra que “só cubren incendios ou roubos, pero non perda de produción das colmeas por adversidades climáticas”.

Xunta e Ministerio seguen opóndose a establecer axudas directas pero anuncian unha orde de axudas para o acceso a créditos

Tanto a Consellería do Medio Rural como o Ministerio de Agricultura seguen opóndose a establecer axudas de mínimis para os produtores afectados pola seca e polas xeadas.

As axudas de mínimis son concedidas pola Unión Europea para poder paliar situacións excepcionais que afecten á renda de agricultores e gandeiros e teñen un límite de 15.000 euros por explotación.

O pasado ano a propia Xunta e o Ministerio establecéronas para os titulares de explotacións de vacún de leite e de carne de coello, para paliar os baixos prezos do mercado, así como para compensar polas perdas da saraiba no concello de Sober, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, só no caso de Galicia.

Sen embargo, Xunta e Ministerio seguen opóndose a establecelas, algo no que pode pesar o importante desembolso que suporían, ao afectar os danos a case todo o territorio español, e ás condicións impostas pola Troika para que o Goberno Español non incremente o seu gasto público.

Así se puxo de manifesto este venres na Mesa da Seca que se celebrou en Madrid. As organizacións agrarias, como Upa ou Coag, levaban propostas con medidas lexislativas, fiscais e crediticias, así como axudas directas para os agricultores e gandeiros a título principal, moduladas en función do seu tamaño e a intensidade coa que estean sufrindo os efectos da seca.

O Ministerio anuncia unha orde de axudas para acceder a créditos

Pola súa parte, o Ministerio de Agricultura anunciou como resposta a esta situación de crise a inminente convocatoria dunha Orde de axudas para o acceso a financiamento, que permitirá inxectar liquidez a todas as explotacións afectadas, en préstamos de ata 40.000 euros e 5 anos, cun de carencia. O volume inicial da convocatoria será de 90 millóns de euros, que poderán ser ampliados en caso de esgotarse.

Por outra banda o Ministerio asegura que está a solicitar toda a información requirida para propoñer os axustes fiscais necesarios. Finalmente, informan de que tamén están en contacto permanente con Agroseguro co fin de axilizar ao máximo as peritacións e indemnizacións do seguro agrario.

Horas despois da reunión da Mesa da Seca, a ministra de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, recoñecía que no caso de que houbera máis demanda polas perdas ocasionadas pola seca, tramitaríanse “axudas específicas”. Pero matizando que só serían no caso de “algunhas excepcións que hai que tomar en axudas agroambientais ou doutro tipo, que teñan en conta as situacións climatolóxicas deste ano e iso non dificulte o ingreso por parte dos agricultores doutras medidas adicionais dentro do desenvolvemento rural das medidas agroambientais”.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información