A empresa pública Xenética Fontao está a trasladar dende comezos de ano aos gandeiros unha rebaixa media do 30% no custe das doses de seme, que no caso das ganderías en Control Leiteiro chega ao 50%.
Esta modificación nos custos dos servizos puido levarse a cabo grazas aos bos resultados económicos rexistrados por Xenética Fontao o pasado ano e que supuxeron un balance positivo de 400.000 euros.
Así llo trasladou esta mañá o director do centro, Jesús Vázquez, á conselleira Ángeles Vázquez durante a reunión que mantiveron en Santiago para facer balance das contas económicas do pasado ano.
“Os bos resultados do 2016, que agora estamos trasladando aos gandeiros, foron posibles grazas á gran contribución das 3.000 explotacións que están en Control Leiteiro, ao bo comportamento das exportacións e ao gran traballo do Laboratorio de Xenética Molecular”, destaca Jesús Vázquez.
Xenética Fontao é unha empresa pública creada en 1998 e ten financiamento conxunto da Xunta, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e as asociacións gandeiras como Federación Frisona Gallega (Fegriga) e a Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de la Raza Rubia Gallega (Acruga).
Encárgase da xestión do centro de selección e reprodución animal de Galicia e conta con 320 sementais de razas holstein, na que destaca por ter os touros españois coas máximas cualificacións de Conafe, rubia galega, blanco azul belga e limusina. Conta ademais co Laboratorio de Xenética Molecular, a través do que presta servizos mediante biotecnoloxía do ADN nos campos da sanidade e produción agropecuaria.