Preocupación no sector do viño polo Brexit e as medidas de Trump

A suba arancelaria do 25% nos EEUU, que entra en vigor este venres, e a incertidume do Brexit ameazan a internacionalización das adegas galegas, que apostaron en moitos casos nos últimos anos por abrir mercados fóra. O maior prexuizo estaría nas Rías Baixas, cun maior volume de exportación aos Estados Unidos e Inglaterra.

Publicidade
A D.O. Rías Baixas exporta neste momento o 30% da súa produción con EEUU e Reino Unido como principais destinos

A D.O. Rías Baixas exporta neste momento o 30% da súa produción, con EEUU e Reino Unido como principais destinos

Representantes das cinco Denominacións de Orixe galegas mostran a súa fonda preocupación por como poden acabar afectando aos adegueiros da comunidade as medidas proteccionistas que se aveciñan nos Estados Unidos e no Reino Unido, dous dos países de destino dos viños galegos, que foron incrementando a súa cota de mercado exterior nos últimos anos.

Alén de supoñer un freo ás exportacións a estes países polo encarecemento do produto, as distintas marcas terán que respostar ao cambio de condicións aplicando distintas medidas en función da marxe comercial coa que conten neste momento, reducindo nalgúns casos a rendibilidade existente ou buscando outros mercados que poidan asumir o volume de viño destinado a eses dous mercados.

Aínda que a suba arancelaria afectará en teoría máis a aqueles produtos con menor valor engadido, é dicir, de menor prezo ou menor marxe de venda, e no caso das exportacións de viños galegos sitúanse no lado contrario, ao tratarse de viños dun segmento medio alto ubicados en moitos casos nun mercado máis gourmet, cun prezo medio de exportación maior que a media dos viños españois exportados, os efectos do incremento impositivo acabarán deixándose sentir tamén.

Rías Baixas exporta o 30% da súa produción total por un valor de 40 millóns de euros

A maior ou menor afectación terá que ver co volume exportado de xeito individual por cada adega e tamén co peso que para cada unha delas supoñen os mercados de EEUU e Reino Unido. No conxunto das Denominacións de Orixe, a máis afectada será Rías Baixas, que destina á exportación xa neste momento o 30% da súa produción total. Ademais, para os viños albariños galegos os mercados estadounidense e británico son vitais, pois en conxunto representan máis da metade das súas vendas no exterior. En total, 9.579.273 de botellas de Rías Baixas vendéronse nos mercados de exportación durante 2018, que supoñen algo máis de 7 millóns de litros, dos que 3,8 millóns de litros viaxaron cara a EEUU e Reino Unido.

“O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados. Se che incrementan os prezos en destino vía aranceis vólveste menos competitivo e prevemos que iso poida afectar ás vendas cun descenso importante”, recoñecen no Consello Regulador.

Os problemas para vender en Estados Unidos e Inglaterra a partir de agora engádense a unha colleita que non foi boa en canto a cantidade, cun descenso importante este ano na produción de uva, o que por outra banda sen embargo pode mitigar dalgún xeito o efecto do descenso previsto nas exportacións, ao producírense este ano nas Rías Baixas uns 4 millóns de litros de viño menos que na colleita do 2018, unha cantidade equivalente ao volume de exportación a EEUU e Reino Unido.

O oco deixado poderían ocupalo viños italianos ou californianos

No caso dos EEUU as novas condicións fixadas pola Administración Trump están claras: incremento adicional dos aranceis vixentes nun 25% ás importacións de determinados produtos agroalimentarios (viño envasado, aceite, queixos, carne de porco, embutidos, zumes e froitas) procedentes da maioría dos países da UE, entre os que se atopa España, Francia, Reino Unido e Alemania, como integrantes do consorcio Airbus, pero non Italia, por exemplo.

“O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados” (Agustín Lago, D.O. Rías Baixas)

Isto supón que o posible oco que deixasen os viños galegos podería ser ocupado por competidores italianos, por exemplo, aos que non afectarían os novos aranceis (no caso italiano a suba de aranceis só afectaría aos licores, pero non aos viños), ou mesmo por viños norteamericanos, da zona de California, por exemplo.

A falta de que este venres se publique a lista definitiva de produtos (as novas condicións arancelarias entrarían en vigor a partir desa mesma data), o novo gravame incrementado nun 25% aplicaríase aos viños embotellados cun volume de até 2 litros e unha graduación inferior aos 14 grados.

Outras denominacións, menos afectadas

O resto de denominacións de orixe galegas tamén se verán prexudicadas polo incremento de taxas norteamericana, pero veranse menos afectadas debido ao seu menor volume de exportación, agás algún caso individual dalgunha adega concreta.

A media de exportación no resto de denominacións ronda o 10%, con lixeiras variacións: entre o 8 e o 10% no Ribeiro, o 12% en Monterrrei e entre o 10 e o 11% no caso de Valdeorras. O volume de venda no exterior para as 96 adegas inscritas no Consello Regulador da Ribeira Sacra sitúase no 10%. Igual que no caso das Rías Baixas, os Estados Unidos e o Reino Unido son dous dos principais destinos, supoñendo tamén neste caso máis da metade das exportacións.

Con todo, o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, relativiza os posibles efectos sobre os viños da Ribeira Sacra. “No noso caso non vai ser moi relevante, porque estamos menos expostos que os que traballan con marxes moi pequenas nos que uns céntimos de incremento arancelario pode supoñer quedar por baixo do límite da rendibilidade. A suba de taxas aduaneiras afecta sempre máis aos viños máis baratos do centro de España, que son tamén os que máis se exportan, que aos viños de calidade galegos, porque afecta máis aos viños que se moven por prezo”, di.

“Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños” (Jorge Mazaira, D.O. Valdeorras)

Na mesma situación están en Valdeorras. Na denominación que preside José Luis García Pando exportan un volume que está entre o 10 e o 11% da produción total das 40 adegas inscritas, con EEUU, Reino Unido e Alemania como principais destinos. “Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños”, recoñece Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador.

“Unha suba arancelaria do 25% como a que se plantexa en EEUU vai incrementar os custos e se vas cun prezo moi xusto vas ter menos capacidade de asumir ese incremento, polo que as medidas anunciadas por Trump van afectar máis ou menos en función da política de prezos levada a cabo por cada adega nos últimos anos e a marxe de beneficio coa que traballen”, explica.

“Son mercados globais, onde vendes aquí e alí, e este tipo de medidas aféctannos a todos en maior ou menor medida, aínda que seguramente haberá outras denominacións máis afectadas que a nosa por unha simple cuestión de volume de exportación”, argumenta o responsable técnico dos viños de Valdeorras.

Reorientar a política de internacionalización das adegas

O mercado galego asume o 70% da produción de viño do Ribeiro e o resto do Estado arredor doutro 20%. Exportan, polo tanto, entre un 8 e un 10% da súa produción anual. Os viños do Ribeiro viaxan principalmente cara ao Reino Unido e centroeuropa dentro da UE, tamén cara a Asia e Xapón e cara a EEUU, México e Colombia no continente americano.

“O Reino Unido é un país onde case non hai viño, polo que a incidencia dos novos aranceis tralo Brexit vai afectar a todos por igual, tanto aos viños galegos como aos franceses, aos italianos ou aos da Rioja” (José Manuel Rodríguez, D.O. Ribeira Sacra)

“Coido que para nós os efectos das medidas en Estados Unidos non van ser tan importantes como noutras denominacións, porque temos exportación a EEUU pero non é relevante. A exportación ao Reino Unido si que é máis relevante que aos Estados Unidos”, recoñece Juan Casares, presidente do Consello Regulador.

“As empresas terán que adaptarse a esas novas taxas, facer unha reflexión e reorientar a política de internacionalización das adegas cara a novos nichos de mercado”, considera, porque “cun arancel do 25% máis vai ser moi difícil competir”, opina.

O presidente dos viños do Ribeiro afirma que “o Brexit tampouco é unha boa nova” e rexeita o modo de actuar tanto de Donald Trump como de Boris Johnson. “Cada país é soberano, pero non comparto as medidas ultraproteccionistas que van contra a lóxica dos mercados neste momento e que prexudica ás dúas partes, porque saen perdendo os exportadores pero tamén os consumidores deses países, que se ven privados dunha variedade de produtos que van deixar de ter”, razoa.

Agardando polas condicións finais do Brexit

Outras denominacións tampouco se verían moi afectadas polas medidas de Trump pero seguen con atención os acontecementos relativos ao Brexit. Os viños da D.O. Monterrei teñen no Reino Unido o seu principal destino exterior. En conxunto, o volume de exportación dos viños desta denominación sitúase no 12% e 10 serían as adegas máis afectadas. “Estados Unidos supón para nós pouca porcentaxe de vendas, pero o Reino Unido si que absorbe unha cantidade importante, de feito, o ano pasado foi o principal país de destino dos nosos viños polo que unha suba brusca de aranceis neste caso si que sería máis problemático”, indican no Consello Regulador.

“Inglaterra foi o ano pasado o principal destino dos noso viños, pero até que non saibamos como quedan finalmente as condicións trala saída do Reino Unido da Unión Europea non saberemos cal vai ser a indicencia real do Brexit” (Miguel López, D.O. Monterrei)

Os viños de Monterrei están aumentando nos últimos anos as súas vendas no exterior, aínda que os seus principais destinos están dentro da Unión Europea, co Reino Unido á cabeza, seguido de Holanda, Bélxica ou Alemania. “En EEUU xa sabemos que ao subirnos os aranceis vainos prexudicar na exportación, pero a incidencia non será moi significativa porque o volume de exportación a ese país tampouco é moi elevado, pero no caso do Brexit, que nos collería máis de cheo, aínda non temos unha idea clara de como vai afectar porque non sabemos como vai quedar, non o saben nin sequera eles, e até que non saibamos como quedan finalmente as condicións para a exportación de viños non saberemos a incidencia real que poida ter o Brexit”, razoa Miguel López, o director técnico da denomiación.

Como vai afectar aos competidores?

Tralo acordo alcanzado nas últimas horas entre a Comisión Europea e o Goberno de Boris Johnson para unha saída pactada a partir do vindeiro 31 de outubro, falta por coñecer a letra pequena do acordo, así como as condicións para o periodo de transición previsto até finais de 2020.

Estados Unidos é un país onde se produce viño, polo que as medidas proteccionistas poderían incentivar o consumo interno de viño. Pero o caso do Reino Unido é diferente. “Inglaterra é un país onde case non hai viño e as novas condicións tralo Brexit van afectar por igual a todos os nosos competidores, por exemplo, os franceses ou os italianos, á hora de enviar os seus viños ao Reino Unido”, razoa José Manuel Rodríguez.

Galicia exportou o pasado ano 20 millóns de litros de viño por valor de 45 millóns de euros

Evolución das exportacións de viño de Galicia.

Evolución das exportacións de viño de Galicia.

As cinco Denominacións de Orixe galegas exportaron o pasado ano 20 millóns de litros de viño, por valor de 45 millóns de euros, logrando un prezo medio de 2,21 euros por litro. Desde o ano 2000 o valor das exportacións dos viños galegos multiplicouse por tres, pasando de 17 millóns de euros a comezos deste século a 50 millóns no ano 2017, o exercicio de máis facturación até o momento.

Ao longo destes anos, as exportacións foron diversificándose e ampliando o abano de países aos que se dirixen. Os principais destinos dos viños galegos hoxe en día son Estados Unidos, o Reino Unido, China e Canadá onde as vendas sumaron 19,6 millóns no 2018. Norteamérica, que xa no 2000 era un dos principais mercados para os viños galegos, continúa afianzándose e as ventas no pasado ano alcanzaron os 14 millóns de euros.

As adegas galegas están a exportar en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido. Se a isto engadimos China, a cifra sobe até o 50%. Galicia ocupa na actualidade o 12º lugar en volume e o 13º en valor do conxunto das Comunidades Autónomas. As tres primeiras comunidades por valor na categoría de viños brancos envasados son Castela e León, Cataluña e Galicia, cos viños albariños das Rías Baixas como punta de lanza.

Ademáis, a recuperación do mercado británico dende 2016 e o crecemento do de Estados Unidos e Alemania dende o 2014 potenciou as exportacións da Denominación Rías Baixas. Na actualidade, das 184 adegas adscritas a denominación Rías Baixas, 103 atópanse en plans de exportación. Destas, medio cento exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños desta denominación con 2.468.535,50 litros no 2017 e 2.373.862,93 litros o pasado ano. En total, España exporta a Estados Unidos 300 millóns de euros anuais en viño.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información