Gran colleita de uva en toda Galicia, agás en Rías Baixas

Este ano a vendima en Galicia rematará acadando os 63,3 millóns de quilos de uva, lixeiramente por debaixo dos 63,9 do pasado ano. Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra aumentaron a uva recollida, mentre que Rías Baixas foi a única que baixou. Así está a situación en cada Denominación de Orixe

Publicidade
Gran colleita de uva en toda Galicia, agás en Rías Baixas

Catro das cinco denominacións de orixe galegas incrementarán este ano os quilos de uva recollidos, nalgúns casos con cantidades históricas, como é o caso da Ribeira Sacra, e noutros con cifras que superan nun terzo as obtidas o ano pasado, un exercicio que fora malo en cantidade para algunhas delas como Valdeorras ou o Ribeiro.

En total, en Galicia recolléronse este ano 63,3 millóns de quilos de uva, o que supón unha lixeira merma con respecto ao ano pasado, no que se lograron 63,9 millóns de quilos. Os incrementos importantes no caso do Ribeiro, Valdeorras ou a Ribeira Sacra e o mantemento da producción en Monterrei compensaron a menor cantidade de uva nas Rías Baixas.

O bo tempo permitiu alongar a vendima, que nalgún caso está a durar máis de mes e medio

Tan só a maior das denominacións de orixe galegas vai notar un descenso importante con respecto a 2018, no que se pechara a vendima con 38,6 millóns de quilos. Este ano a cifra estará arredor dos 32,2 millóns, aínda que a colleita será boa en canto a calidade. A cantidade colleitada finalmente foi menor á estimación que había para este ano por mor da falta de chuvias en agosto, que fixo que os acios, ademais de ser máis pequenos, pesasen tamén menos.

No Ribeiro, lograrán este ano 11,8 millóns de quilos logo de dous anos de escasa produción. A cifra alcalzada nesta campaña, que está lonxe de rexistros históricos nos que se superaron os 15 millóns de quilos, marca a nova realidade da Denominación de Orixe logo dos cambios efectuados nas dúas últimas campañas tanto na actualización do rexistro vitícola como no novo prego de condicións aprobado.

Superou as súas expectativas a Ribeira Sacra, que vai pechar unha vendima histórica con 7,2 millóns de quilos de uva, o mellor rexistro desde que existe a Denominación de Orixe. A cifra non ten en conta a produción para autoconsumo, que representa dous terzos da produción total. O mencía nos tintos e o godello nos brancos seguen sendo as castes predominantes e acaparando a meirande parte da produción das 96 adegas rexistradas.

Os prezos incrementáronse un 10% no Ribeiro e na Ribeira Sacra e mantivéronse cun leve descenso en Valdeorras

En Valdeorras, as 40 adegas da denominación de orixe agardan recoller 6,5 millóns de quilos, o que supón volver aos niveis habituais logo de 3 anos con cantidades moi baixas por mor de factores como as xeadas ou o mildiu, o que limitou a produción en 2017 e 2018 a só 4,5 e 4,7 millóns de quilos respectivamente.

A D.O. Monterrei prevé repetir as cifras do ano pasado que supuxeran un incremento do 17% no volume de uva, na que fora a mellor campaña da súa historia. As boas condicións meteorolóxicas están a permitir alongar a vendima, que dura xa máis dun mes, e que rematará nos vindeiros días cunha previsión de 5,6 millóns de quilos.

En canto aos prezos, o incremento nos quilos de uva na maioría das zonas non supuxo unha caída aparellada nas cotizacións, senón que houbo incrementos medios do 10% nos casos do Ribeiro ou a Ribeira Sacra, mentres que noutros casos como en Valdeorras os descensos foron pouco significativos con respecto ao ano pasado, cando a falta de uva provocou unha alza nos prezos.

Vexamos con máis detalle como están a rematar as vendimas nas 5 Denominacións de Orixe galegas:

Rías Baixas: Descenso dun 16% en cantidade pero un ano de viños moi aromáticos

vendima 2019 Rias BaixasEsta semana rematan a vendima na maior das Denominacións de Orixe galegas, na que colleitaron este año 32,2 millóns de quilos. Os últimos en rematar sempre son os viticultores das castes tintas, como o sousón, o brancellao ou o caíño tinto, na subzona do Condado do Tea, aínda que as variedades tintas só representan o 0,8% do total colleitado no territorio da denominación, onde predominan as castes brancas, sobre todo o albariño, que segue a ser a predominante.

No lado contrario, onde antes remataron a vendima este ano foi na subzona do Salnés, adiantando ao resto de subzonas, mesmo a aquelas que foron máis madrugadoras ou que acaban antes habitualmente. O Salnés mantén a súa hexemonía en canto a produción, con máis do 60% do total da uva producida na Denominación de Orixe, seguida polo Condado do Tea (20%), o Rosal (10%), a Ribeira do Ulla e Soutomaior.

Segundo explica Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, a campaña desenvolveuse a bo ritmo nun viñedo que se atopaba nun bo estado sanitario e vexetativo. “Este foi un bo ano en canto a pragas, que son sempre os nosos principais problemas, sobre todo o mildiu e a botrite no tramo final, pero este ano a uva chegou en moi boas condicións”, explica. “O resultado é unha uva sá e con boas graduacións, o que fai presaxiar un ano de viños de calidade e moi aromáticos”, indica.

A falta de chuvias en agosto fixo que os racimos, ademais de ser máis pequenos, pesasen tamén menos

Rías Baixas producirá este ano uns 22 millóns de litros de viño, 4 millóns menos que o ano pasado. “En xullo xa se desenvolvera o ciclo vexetativo das vides e xa previamos un descenso na produción, pero non estimabamos que fose tanto como o que ao final foi. Xa viamos que os acios eran máis pequenos pero tamén pesaron menos pola falta de auga no treito final. De feito, a falta de chuvias en agosto e mesmo a principios de setembro é o que motivou finalmente que a merma final en quilos fose maior do que previamos no mes de xullo”, explica.

A produción final deste ano, 32,2 millóns de quilos, supón un descenso do 16% con respecto á vendima de 2018, na que se alcanzou a cifra de 38,6 millóns de quilos, supoñendo o ano pasado un leve descenso do 1,9% con respecto a 2017.

Este ano o Consello Regulador Rías Baixas conta con 177 adegas inscritas, 5 menos que fai un ano. A superficie vendimada aumentou sen embargo en 10 hectáreas con respecto á pasada campaña, chegando ás 4.053, repartidas en 21.877 parcelas. A vendima moveu este ano a 5.177 persoas fronte aos 5.265 viticultores do pasado ano, cando se cultivaron 4.043 hectáreas repartidas en 21.722 parcelas. O prego de condicións establece que a colleita de Rías Baixas debe facerse toda á man e en caixas normalizadas de 20 quilos. Un total de 25 auditores velaron polo seu cumprimento durante esta campaña.

Ribeiro: 11,8 millóns de quilos trala actualizacion do rexistro vitícola e a aprobación do novo prego de condicións

FOTO: Xurxo Lobato

FOTO: Xurxo Lobato

No Ribeiro a vendima está practicamente rematada. Quedan aínda 6 adegas pequenas abertas, algunhas delas porque queren facer experiencias de vendimas tardías e o tempo este ano estallo a permitir, pero a maior parte das adegas xa rematou unha campaña que algunhas comezaron mesmo antes do 15 de setembro.

En conxunto, os quilos de uva recollidos chegarán aos 11,8 millóns, o que supón un incremento importante a respecto das colleitas de 2018 e 2019, aínda que os dous últimos anos foron malos en canto a cantidade e calidade por mor das xeadas, a seca e a saraiba de fai dous anos e á afección de enfermidades fúnxicas o pasado ano.

Por contra, este ano tanto a calidade como o estado sanitario é moi bo e incrementouse a produción. A vendima transcurriu con normalidade e sen ningunha incidencia pero o verán atípico deste ano provocou unha grande variabilidade no tempo que precisou a uva para obter o seu punto de maduración óptima. “Debido ás circunstancias climatolóxicas que se produciron, houbo unha distribución irregular do estado de maduración e a uva non evolucionou de xeito uniforme, é dicir, non en todos os sitios madurou por igual, houbo variacións importantes dependendo do lugar”, explica Juan Casares, o presidente do Consello Regulador.

Malia os bos datos da vendima de 2019, afirma que “este exercicio non é comparable a ningún outro, porque o ano pasado foi malo e porque hai unha nova realidade no Ribeiro desde fai dous anos á que todos nos temos que adaptar”, indica o responsable da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Este é o segundo ano que se vendima co novo prego de condicións, un documento que baixou moito os rendementos por hectárea. No caso do xerez, por exemplo, pasou de 30.000 a 19.000. Tamén se traballa na denominación de orixe cun novo rexistro vitícola actualizado que deixou o número de viticultores inscritos en 1.700 e o número de hectáreas en menos de 1.400.

“A nova realidade do Ribeiro é esta, haise que esquecer daquelas cifras de 15 ou 16 millóns de quilos”, afirma o presidente do Consello Regulador

Por iso, indica Juan, “haise que esquecer das cifras de anos atrás de 14, 15 ou 16 millóns de quilos, porque a nova situación non é comparable aos rexistros históricos e a realidade do Ribeiro a partir de agora vai estar arredor das cifras de produción deste ano”, asegura.

Desde o Consello Regulador califican de “boa” a colleita e o seu presidente móstrase “moi satisfeito pero sen triunfalismo de ningún tipo”. “Imos polo bo camiño nas medidas de control e actualización que se están a poñer en marcha e que están dando os seus froitos e cumprindo os seus obxectivos”, di.

Detalla, neste sentido, que “as medidas implementadas nos dous últimos anos, 2018 e 2019, con inspeccións de viñedo prevendima, o cambio na tarxeta de viticultor e o operativo de control durante a campaña, que este ano estivo formado por 24 persoas, foron moi positivas para garantir a orixe da uva, enviar unha mensaxe de confianza e seguridade ao consumidor e facer que o viticultor vise aumentado o prezo”. Segundo os cálculos do Consello Regulador, o incremento medio dos prezos foi este ano dun 10%, destacando que subiron todas as variedades.

Do mesmo xeito, Juan Casares avisa de que “a limpeza e actualización do rexistro vitícola vai estar aberto de maneira permanente e vanse seguir facendo inspeccións unha vez rematada a vendima e durante todo o ano”.

Ribeira Sacra: a mellor colleita da historia da Denominación de Orixe con 7,2 millóns de quilos

vendima Ribeira Sacra2 2019Tamén está a piques de rematar a vendima na Ribeira Sacra, que se iniciara oficialmente o 19 de setembro, aínda que algunhas bodegas xa fixeran a primeira vendima na última semana de agosto. As datas para a finalización serán as habituais. “Independentemente de cando se empece, nesta zona non se acaba de vendimar nunca antes do Pilar”, explica o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez.

Segundo os datos actualizados que manexan, neste momento van recollidos xa 7,1 millóns de quilos e prevén chegar aos 7,2 millóns cando se peche a campaña. “Quedan vendimas puntuais en sitios determinados ben por uvas tardías ou ben por elaboracións especiais coas que algunha bodega está a experimentar”, explica José Manuel.

Coas cifras deste ano constátase que a Ribeira Sacra está a aumentar a súa produción e que os 7,2 millóns de quilos totais farán que a deste ano sexa a mellor colleita desde que existe a Denominación de Orixe tanto en cantidade como tamén en calidade. “Cando a vendima se fai con tempo seco a calidade é sempre boa, porque igual que a cantidade a marca sempre a primavera e o verán, a calidade márcaa o mes da vendima”, di.

A pesar do aumento de produción, houbo un incremento no prezo e a uva pagouse este ano en adega a 1,20 euros o quilo

En canto ao valor da uva, o prezo medio en bodega da uva incrementouse este ano un 10% até 1,20 euros por quilo, un “incremento importante”, destaca o presidente a Denominación, se se ten en conta que se produciu un incremento importante tamén no número de quilos recollidos. “Parece que a relación lóxica que se podería pensar entre moita oferta e baixada de prezos non se deu, o que quere dicir que as bodegas decidiron voluntariamente pagar máis pola uva”, valora.

No territorio da Denominación de Orixe contabilízanse un total de 1.200 hectáreas, unha boa parte delas para autoconsumo, que reprensenta dous terzos da producción total. Este ano vendiman baixo o amparo da D.O. Ribeira Sacra un total de 96 adegas. As variedades máis abundantes son a mencía en canto aos tintos, que representan case 6 dos 7,2 millóns de quilos recollidos, mentres que nos brancos destaca o godello con case medio millón de quilos.

Valdeorras: Un 40% máis de uva este ano para volver aos niveis habituais logo de 3 colleitas malas

vendima valdeorras2 2019Entre esta semana e a seguinte rematarán a vendima en Valdeorras. Levan xa case mes e medio vendimando nunha campaña que se iniciou o 29 de agosto e que vai a ser unha das máis duradeiras que se recordan nunha zona na que acostuman alongarse entre 40 e 45 días pero que este ano durará máis. “Somos de vendimas longas pero este ano vai ser das máis duradeiras”, explica Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador.

As 40 adegas adscritas á Denominación de Orixe agardan obter uns 6,5 millóns de quilos de uva, o que supón un incremento considerable con respecto ao ano pasado, no que só se lograron 4,7 millóns, co que se recuperan os niveis de produción habituais nesta zona. “O normal é estar entre 6 e medio e 7 millóns de quilos, este ano andaremos de novo nesas cifras, o que supón que as necesidades das bodegas van estar cubertas. Vimos de tres ou catro anos moi malos por culpa de cuestións como as xeadas ou o mildiu”, lembra Jorge.

En total, vendimaranse este ano un total de 1.200 hectáreas de viñedo, unha cifra similar á do ano pasado porque as novas plantacións, procedentes sobre todo de adegas que están ampliando e restruturando a súa produción, compensan os descensos motivados por produtores que se xubilan.

O godello é a variedade que máis quilos de uva aporta pero aínda habería mercado para máis, aseguran no Consello Regulador

O godello volverá ser a variedade que máis quilos de uva aporte pero aínda así habería mercado para máis. “Faríanos falta aínda algo máis se temos en conta as expectativas de venda que existen para esta variedade”, indican no Consello Regulador que preside José Luis García Pando.

Ademais de boa en cantidade, a colleita deste ano vai ser excelente tamén en calidade. “O tempo foi bárbaro para a maduración e a recollida, o que vai aportar unha boa maduración fenólica e de pulpa, polo que a calidade vai ser moi moi boa”, avanza o director técnico.

As últimas adegas en rematar serán Rafael Palacios e Joaquín Rebolledo, que están a apurar a vendima mentres o tempo o permite. A campaña está a ser moi tranquila precisamente polas condicións meteorolóxicas. O problema das néboas das primeiras horas disípase en canto sae o sol, pero se chove existe o risco de que a uva poida pudrir e nese caso terán que apurar o remate da vendima. En canto ás treboadas do mes de xullo, Jorge explica que “a chuvia nesta zona caeu suave e non houbo danos, mesmo serviu para correxir a falta de rendemento do mosto nalgunhas parcelas máis secas ás que lles veu ben”.

A pesares de ter introducido este ano algunhas medidas para maior garantía na procedencia da uva, desde o Consello Regulador destacan que non se produciu ningunha incidencia. En relación aos prezos, constátase que son un pouco máis baixos que os do ano pasado, no que a falta de materia prima fixo que a uva se cotizase, “pero aínda así están a ser equilibrados e aceptables”, indican.

Monterrei: 5,3 millóns de quilos a falta de acabar de vendimar esta semana as variedades máis serodias

foto adega Couto Mixto MonterreiAs previsións dunha boa colleita en cantidade e calidade estanse a cumprir na D.O. Monterrei tras máis dun mes de vendima. Segundo explica o director técnico do Consello Regulador, Miguel López, a día de hoxe van recollidos 5.350.000 quilos de uva. Faltan por contabilizar aquelas variedades máis serodias, como poden ser a treixadura en branco e o tempranillo ou araúxo en tinto, co que os cálculos finais estarán arredor dos 5,6 millóns de quilos recollidos o ano pasado na que foi a mellor vendima da historia até o momento nesta denominación de orixe e que supuxo un incremento do 17% con respecto a outros exercicios.

O inicio oficial da vendima foi o 7 de setembro e a maioría das 27 adegas pertencentes á denominación de orixe contan rematala esta semana, aínda que “pode que quede algunha agardando uns días máis porque as condicións son moi favorables, sen choiva e con temperaturas que están a ser moi altas polo día, máis do habitual nesta época, o que é excelente tanto para a maduración da uva como para a propia vendima, e que é o que está a permitir que se estea alongando no tempo até poder recoller a uva no seu punto óptimo de maduración, algo que outros anos non era posible facer polo tempo e por iso remataba antes”, explica Miguel. Igual que o ano pasado, cando arrincou o 15 de setembro e rematou o 19 de outubro, nesta campaña a vendima alongarase máis dun mes e será unha das máis longas da historia da denominación que preside Lara Da Silva.

Hai unha adega máis que o ano pasado na D.O. e vendimáronse 582 hectáreas, 16 máis que no 2018

En total, nos 6 concellos pertencentes á D.O. (Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val) estanse a vendimar este ano 582 hectáreas, 16 máis que o ano pasado. Tamén hai unha adega máis con respecto a 2018. Os prezos volven ser unha cuestión individual, polo que non hai datos oficiais. “No prezo non intervimos, é unha negociación directa entre comprador e vendedor na que nós descoñecemos o prezo de compravenda”, indican na denominación de orixe.

Por variedades, o godello en branco e o mencía en tinto volven a ser as variedades que aportan maior volume de quilos de uva recollidos. Este ano non houbo enfermidades polo que “o estado fitosanitario das vides é excelente e a calidade da uva moi boa, polo que con boa uva agardemos que se obteñan uns viños moi bos tamén”, aseguran no Consello Regulador.

O pedrazo do mes de xullo afectou a unha pequena parte do territorio da denominación, pero caeu en concellos onde non hai moito viñedo, polo que a afectación final vai ser pouco significativa no conxunto da vendima.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información