O Goberno proxecta reducir un 20% as queimas de restos de poda

Prevé incentivar por medio de axudas o picado de pólas e a súa incorporación ó solo tanto en viñedo coma en cultivos de froiteiras. Outra alternativa valorada pasa pola recollida do material vexetal para o seu procesado en empresas de péllets

O Goberno proxecta reducir un 20% as queimas de restos de poda

O Goberno prevé axudas para incentivar o picado e incorporación ó solo dos restos de poda.

A queima de restos de poda, unha práctica habitual tanto en viñedo coma nos cultivos froiteiros, terá que reducirse ata un 20% antes do 2030. Esa é a previsión que manexa o borrador do plan nacional contra a contaminación atmosférica, elaborado polo Ministerio de Transición Ecológica, que marca obxectivos de reducción de emisións tanto para o agro como para o resto de sectores.

A redución de emisións de gases no agro estase a situar nos últimos meses como unha prioridade para as institucións. Malia que a actividade agrícola e gandeira aporta unha pequena parte do total de gases producidos, arredor do 10%, os obxectivos marcados pola UE para reducir a contaminación atmosférica e as emisións que propician o cambio climático levarán ineludiblemente a unha agricultura máis verde na próxima década.

O obxectivo de reducir as fogueiras de restos de poda enmárcase na mesma lóxica doutras medidas que se están a implantar, como as restriccións nas aplicacións de xurros. Coa redución das queimas, o Goberno busca reducir as emisións de dióxido de carbono e doutros contaminantes, coma óxido nitroso e partículas. A alternativa que se propón pasa polo picado dos restos e a súa incorporación ó solo, o que tería beneficios colaterais, como a mellora de estrutura e fertilidade da terra.

Para incentivar a sustitución das queimas polo picado dos restos, o Goberno valora o establecemento de axudas, ben agroambientais, para o caso de perceptores de axudas directas da PAC, ben por medio de convocatorias financiadas con cargo ós fondos dos Programas de Desenvolvemento Rurais (PDRs) . Son cuestións que aparecen previstas no borrador do plan nacional de contaminación atmosférica e que se terán que concretar no Plan Estratéxico da PAC, agora en fase de elaboración a nivel estatal.

Uso en péllets
Outra posibilidade pasa pola recollida de restos para a produción de péllets ou para a súa queima en instalacións de produción de enerxía eléctrica. En ámbolos casos considérase que as emisións serían menores que coa queima libre dos restos de poda. É unha alternativa que o Goberno considera especialmente viable no caso de olivar, onde prevé liñas de axudas para tal fin sempre e cando existan instalacións de procesado da biomasa nun radio de 50 quilómetros.

En Galicia, o proxecto Biomasa-Ap valorou nos últimos anos a posibilidade de empregar restos de poda do viñedo e kiwis con destino a péllets de uso industria, unha opción que se considera factible.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información