O mato e os restos de poda confírmanse aptos para biocombustibles

Un proxecto de investigación desenvolto en Galicia e norte de Portugal optimiza a recollida da biomasa e a súa posterior transformación en pellets e briquetas válidas para un uso industrial

Publicidade
O mato e os restos de poda confírmanse aptos para biocombustibles

Recollida e trituración de mato para elaboración de biocombustibles. / Imaxe e vídeos: Biomasa AP.

Unha hectárea de matogueira contén entre 20 e 50 toneladas de biomasa, o que representa un potencial de enerxía que equivale a 5.000 litros de gasóleo. O cálculo faino Gonzalo Piñeiro, investigador do CIS Madeira (Ourense), unha entidade que está a impulsar o desenvolvemento de biocombustibles a partir de mato e restos de poda de viñedo e kiwi.

O proxecto para valorizar esta biomasa xa chegou a unhas primeiras conclusións que confirman o seu potencial para pellets e briquetas de uso industrial. O CIS Madeira, conxuntamente con outras entidades como Energylab e Feuga, acometeu este ano todo o proceso de creación do biocombustible, desde a recollida da biomasa en monte, viñedos e parcelas de kiwi ata a súa transformación en pellets e briquetas.

As porcentaxes de cinzas son superiores ás dos pellets de madeira, pero lógranse niveis válidos para un uso industrial do biocombustible

Calidades
Un dos problemas habituais nos biocombustibles realizados a partir de mato ou restos de poda radica no seu maior contido en cinzas, que os invalida para o seu uso en caldeiras domésticas. O proxecto desenvolto en Galicia, non obstante, logrou producir pellets que si teñen un potencial uso industrial, sen chegar ás calidades dos pellets de madeira.

“Unha astilla de piñeiro sen casca logra unha porcentaxe de cinzas do 0,3%, que se sitúa por baixo do límite do estándar de calidade, que está no 0,5%. Con mato, logramos pellets cunha porcentaxe de cinzas que se move entre 0,5 e 1% e cos restos de poda e agrícolas andamos no 1,5-2%. Son pellets que teñen un maior contido en cinzas, pero en países como Italia xa están empregando biocombustibles similares a nivel industrial”, valora Gonzalo Piñeiro, que recentemente expuxo os avances do proxecto ‘Biomasa A-P’ nunha xornada celebrada na feira Galiforest.

Proceso de recollida
A iniciativa de aproveitamento da biomasa desenvolveu ensaios de campo para verificar o potencial do mato -principalmente toxos e xestas-, e dos restos de poda de viñedo e de kiwis. A recollida do mato fíxose cun tractor ó que se lle acoplou un cabezal, se ben tamén se desenvolveu un prototipo integral dun único corpo para os traballos, a semellanza de modelos que se empregan en Italia ou Francia.

En viñedo e kiwi, acóplaselle a un tractor viñatero un equipo remolcado que recolle, tritura e almacena os restos. Chega cun tractor de 70-80 cabalos, que a un ritmo de 5-6 km. / hora pode procesar unha hectárea de viñedo en menos dunha hora.

A gran vantaxe do traballo en viñedos ou kiwis en comparación co monte é que atópanse parcelas facilmente mecanizables, nas que o proceso de recollida é sinxelo A desvantaxe é que as cantidades de biomasa recollidas son inferiores ás da matogueira. Fronte ás 20-50 toneladas que se poden lograr nunha hectárea de matogueira, en viñedo róndanse as 2-3 toneladas e algo máis en kiwi.

Tratamento
A biomasa recollida someteuse a procesos de cribado e de secado, a fin de optimizar o seu uso para biocombustibles. Os restos de poda chegaban a presentar máis dun 50% de humidade tras a recollida, unha porcentaxe que no secado logrouse reducir ata un 10-12%.

O proxecto de investigación desenvolto polo CIS Madeira, ligado á Axencia Galega da Industria Forestal, estudou tamén posibles aditivos a empregar nos pellets e nas briquetas para mellorar a súa combustión e reducir as emisións de partículas. A caliza demostrouse como un dos aditivos máis eficaces e baratos.

Perspectivas

As conclusións definitivas do proxecto de investigación estarán listas para o próximo ano, aínda que os investigadores confirman xa as posibilidades de transformar en Galicia mato e restos de poda en biocombustibles.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información