danos monterrei treboadas

Importantes perdas polas treboadas nos viñedos de Monterrei e Valdeorras

Unións Agrarias calcula danos en máis de 300 hectáreas das dúas denominacións de orixe, así coma en producións de horta. A organización agraria demanda axudas áxiles para os afectados

As treboadas torrenciais que caeron en parte da provincia de Ourense causaron serias perdas no concello de Monterrei, afectando ós viñedos da denominación de orixe do mesmo nome, e tamén provocaron importantes danos en Valdeorras, en especial nas viñas da zona do Bolo. Esa é a conclusión da primeira análise que fai Unións Agrarias tralas chuvias e saraibadas caídas onte. A organización agraria calcula que hai máis de 300 hectáreas de viñedos afectados.

Unións informa en nota de prensa de que os seus técnicos están a recoller datos do nivel de afectación, pero confirma que se están a detectar casos de extrema gravidade, con produtores que van perder toda a colleita. O responsable de viña da organización, José Ramón González, destaca que é prioritario un cálculo áxil e eficiente dos danos, de cara a reclamar da Xunta a habilitación de partidas para compensar ós afectados.

“Imos solicitar un catálogo de medidas para aliviar as perdas, tanto axudas directas como a diminución da carga tributaria dos agricultores afectados e outras como a concesión de créditos preferentes para manter a competitividade da explotación, así como a flexibilización do cumprimento das obrigas de pagamento da Seguridade Social”, indica González.

Cómpre lembrar que no 2016, ante perdas causadas por unha saraibada en Ribeira Sacra, a Xunta convocara unha liña de axudas para os viticultores afectados.

Desde o ámbito político, formacións da oposición como o Bng xa demandaron a declaración de zona catastrófica e a habilitación de axudas, tanto para paliar danos en vivendas e infraestruturas coma no ámbito agrario.

ACTUALIZACIÓN (17.35 h.)
O conselleiro do Medio Rural, José González, achegouse esta tarde ao concello do Barco de Valdeorras e está previsto que visite tamén ás 19.30 horas o de Monterrei para coñecer de primeira man os danos rexistrados como consecuencia das fortes treboadas e pedrazo que se produciron onte.

No Barco, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Alfredo García, o conselleiro indicou que ao longo deste día, os técnicos das oficinas agrarias comarcais máis próximas aos concellos afectados identificaron e avaliaron os danos sobre o terreo para coñecer as consecuencias destes episodios meteorolóxicos adversos. No caso concreto dos viticultores, José González sinalou que tamén se está en contacto cos consellos reguladores de Valdeorras e Monterrei para facer unha avaliación conxunta. Desde o consello regulador de Valdeorras, indicáronlle ós medios que calculaban unha afección máxima do 20%.

O conselleiro, pola súa banda, animou ós viticultores a utilizar os correspondentes produtos cicatrizantes nas vides, pois considera que poden ter un efecto moi positivo. González lembrou ademais a importancia da contratación de seguros agrarios de cara a facer fronte a imprevisibles coma os temporais e outras cuestións relativas á meteoroloxía, como o acontecido na tarde de onte. Deste xeito, insistiu, “é a forma máis segura que teñen as explotacións para estar cubertos en caso de que se produzan danos” e minimizar así as perdas ocasionadas.

Máis información
Balance final de afectación por parte dos consellos reguladores.