A DO Valdeorras cifra as perdas das treboadas nun 20%, en tanto na DO Monterrei foron dun 4%

Os viñedos máis perxudicados de ambas denominacións teñen danos importantes, pero o resto salvou a situación sen a penas perdas

Publicidade
A DO Valdeorras cifra as perdas das treboadas nun 20%, en tanto na DO Monterrei foron dun 4%

Boa parte dos viñedos de Valdeorras e Monterrei lograrán boas vendimas.

Tralas treboadas e saraibadas caídas hai uns días, os consellos reguladores das denominacións de orixe afectadas, Valdeorras e Monterrei, xa fixeron un balance da situación. O escenario é moi diverso dentro de cada denominación, pois hai zonas nas que os viñedos non sufriron ningún dano, e outras nas que as perdas oscilan entre o 80 e o 100%, o que representa un grave problema para os viticultores e adegas máis afectados.

En Valdeorras, as perdas medias estímanse nun 15-20%, se ben dado que a colleita presumíase boa, con máis de 10.000 Kg. por hectárea, espérase que as cifras globais da vendima na denominación non se resintan sensiblemente en relación a outros anos.

Hai en Valdeorras zonas con perdas importantes no concello de Rubiá, O Bolo ou en Santa Cruz (Carballeda de Valdeorras). Tamén en A Rúa hai viñedos que se viron danados por unha treboada o xoves 4, anterior á desta semana. Desde o consello regulador de Valdeorras sinalan que nos viñedos máis tocados pola saraiba, producíronse perdas que poden chegar ó 80-90%, aínda que outros moitos viñedos teñen perdas mínimas. A gran maioría dos viticultores aplicaron ademais tratamentos estes días, co cal unha boa vendima media semella garantida.

Na DO Monterrei, o consello regulador cifra o impacto das treboadas nun 4% da superficie da denominación. Son arredor dunha vintena de hectáreas da denominación, principalmente no concello de Monterrei, en zonas como A Salgueira, Infesta e en zonas puntuais de Albarellos ou Guimarei. Alí os danos foron moi importantes nos viñedos, véndose tamén algunha adega afectada por anegamento das súas instalacións, como foi o caso de Crego e Monaguillo. Pero o resto da denominación salvou a situación e a campaña presúmese normalizada.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información