O III Festival do Leite, que se celebrou este sábado en Pontevedra, repetiu o éxito de edicións anteriores. A fórmula estase a demostrar eficaz para atraer ó público. Entrada de balde, con concertos e actividades infantís, e bandas só galegas como único e gran reclamo.
Se algo demostra cada edición do Festival do Leite é que a música galega ten o aprecio do público. Foron milleiros de persoas as que onte pasaron polo evento, organizado pola marca Deleite Galego, co concerto de Sés como punto culminante da tarde. Era o concerto máis esperado, probablemente xunto co de De Vacas, que fora horas antes. Ambas formacións fixéronse un nome na escena galega nos últimos anos e teñen un público fiel, se ben outras bandas máis descoñecidas para o gran público, como The Limboos, amosaron tamén un dos sons máis sólidos e redondos da noite.
O Festival pechou de madrugada, tras máis de 12 horas ininterrumpidas de música coas que a marca Deleite, impulsada por un grupo de gandeiros galegos, ten un dobre propósito: apoiar a música galega e chamar a atención sobre a importancia estratéxica do sector lácteo en Galicia. O evento cumpriu ambos obxectivos con creces: satisfacción entre o multitudinario público, artistas e a propia organización.