A empresa Custom Drinks, con sede en Chantada (Lugo) e fabricante da coñecida sidra Maeloc prevé incrementar este ano a súa colleita de mazá galega, nunha campaña que cualifica como “excepcional”, tanto por cantidade como por calidade.
E é que se o pasado ano, esta empresa pertencente a Estrella Galicia, procesou uns 1,8 millóns de quilos de mazá galega, as previsións para esta campaña apuntan a que se superarán os 3 millóns de quilos.
Este xoves a sidrería abriu as súas instalacións a numerosos recolectores e transportistas que entregarán mazás sidreiras ao longo das próximas semanas.
Concretamente, máis de 1.000 pequenos cultivadores procedentes de toda Galicia proverán as mazás coas que a empresa elabora a súa sidra 100% galega Maeloc.
A colleita céntrase principalmente en variedades autóctonas como Rabiosa, Pero, Jamardo, Marafonsa, Ollo Mouro e Ollo Landoi.
Dende a empresa destacan que “unha vez finalizada a colleita, a sidra é elaborada seguindo as prácticas tradicionais, sen adición de azucres e procedendo exclusivamente de mostro fresco de mazá e non de concentrado”.
O 30% das mazás que adquire en Galicia xa son ecolóxicas
Desde hai varios anos, desde Maeloc potenciouse especialmente o cultivo de mazá ecolóxica traballando man a man cos agricultores implicados no proxecto.
Isto permitiu que, a día de hoxe, un 30% da mazá sidreira adquirida e procesada por Maeloc para a elaboración das súas sidras conte co certificado do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica en Galicia. Isto permítelle a elaboración da súa Sidra Extra, a súa Sidra Natural e a súa Sidra Doce, todas elas ecolóxicas.
Maeloc lidera o sector español de sidras con sabores grazas ás súas variedades de pera, moura, amorodo e piña&pera, ademais das súas xa consolidadas Sidra Natural, Sidra Extra, Sidra Seca ou Sidra Doce, ás que se suma a súa versión sen alcol, Maeloc SIN.