A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Recomendacións de Calfensa para a campaña de millo

A caliza preséntase como o mellor aliado para optimizar o aproveitamento do abono. Analizamos a gama de produtos e consellos de aplicación a ter en conta

Recomendacións de Calfensa para a campaña de millo

Calfensa incorpora esta campaña un novo veículo á súa flota de aplicación de calizas con brazos dosificadores.

Nos solos galegos, de carácter ácido, a caliza é un aliado fundamental para optimizar a nutrición dos cultivos, pois contribúen a que as plantas capten e asimilen os nutrientes aportados por abonos e xurros. Repasamos da man de Calfensa a gama de produtos dispoñible no mercado e consellos de aplicación para a campaña de millo.

Gama de produtos

Caliza agrícola
O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan.

“Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

“Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico.

Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa.

No mercado das calizas, hai ademais mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda.

Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40.

Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa.

Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)
Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico.

A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. A empresa conta con tres equipos aplicadores, cos que responder ós picos de demanda da primavera, e tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores.

Óxido de calcio e óxido de magnesio
Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o da dolomía calcinada (óxido de calcio e óxido de magnesio) en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa.

Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

Consellos de aplicación

Incorporación ó solo
Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo.

Suba do pH
Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo.

Aplicación de xurros e abonos
No posible, é conveniente esperar unhas semanas a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Contacto Calfensa

  • Teléfono: 982 30 59 02

Principais beneficios das calizas

  • Evítase o bloqueo e fixación dos fosfatos, ao formarse compostos de calcio máis asimilables polas plantas.
  • Redúcese a toxicidade de determinados minerais para as plantas, como o aluminio, o ferro ou o manganeso.
  • Favorécese a absorción de Molibdeno (Mo) presente no solo por parte das plantas, algo que é especialmente positivo nas leguminosas, que presentan altas necesidades do mineral.
  • Mellora a estrutura do solo e as súas propiedades físicas.
  • Estimúlase a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor transformación da materia orgánica e nunha maior dispoñibilidade de nutrientes.
  • Contribúe ó bo desenvolvemento e distribución das raíces das plantas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *