As choivas outonais poden provocar un importante arrastre de terra e cinzas dos montes queimados, sobre todo nas áreas máis pendentes e nas que tiveron maior intensidade do lume. Para evitar esa erosión, que afectaría á capacidade produtiva do monte, a Administración e as propias comunidades de montes veciñais afectadas xa están a tomar medidas. Durante os últimos días, comuneiros de montes de Vigo e doutras zonas afectadas por lumes estiveron a esparcir palla para frear o arrastre da terra.
A Xunta, pola súa banda, mantivo onte unha reunión da mesa técnica de coordinación post-incendios, na que se acordou acometer tarefas de restauración, con prioridade para os lumes de máis de 300 hectáreas e para aqueles que afectaron a áreas sensibles.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, incidiu en que se está a estudar o uso de técnicas de protección do chan, como o ‘mulching’ con palla e a instalación de barreiras e mallas textís en áreas a carón do mar, co obxectivo de protexer os bancos marisqueiros das cinzas. Nestes traballos participarán os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que axudarán a determinar as zonas e medidas de actuación.
Malestar pola falta de medios
Entre os colectivos de propietarios forestais, estase facendo estos días unha valoración de danos e das medidas de restauración que son precisas. A Asociación Forestal de Galicia mantivo un encontro con afectados o pasado venres en Ponteareas no que constatou a dimensión do impacto dos incendios. Só entre comunidades de montes e propietarios ligados á Asociación na provincia de Pontevedra superan as 8.000 hectáreas calcinadas.
As comunidades de montes, na valoración que fixeron na reunión, amosaron o seu malestar pola falta de medios, tanto dos servizos de defensa contra incendios forestais como das forzas de seguridade. Consideran ademais “incomprensible” a falta de previsión, dadas as circunstancias meteorolóxicas, e a “lenta resposta” de medios a nivel estatal, segundo informa a Asociación Forestal de Galicia (AFG) nunha nota de prensa.
A AFG considera que para evitar futuras vagas de lumes, Galicia precisa avanzar en tres frontes: axeitada ordenación do territorio, ordenación forestal que aposte pola diversificación de especies e revisión dos protocolos de seguridade.
En canto á restauración dos montes afectados a curto prazo, o colectivo pide a coordinación da Xunta con comunidades de montes e concellos. Suxire tamén que se trate de aproveitar a disposición de miles de cidadáns dispostos a colaborar na restauración dos montes. De cara ó futuro, agarda un plan de reforestación dos montes queimados con financiación pública.
Reunións en Cervantes
Unións Agrarias convoca a tódolos afectados polos incendios en Cervantes a unhas asembleas abertas. O obxectivo é facer unha valoración definitiva dos danos e informar sobre as posibles axudas para os mesmos.
Os encontros serán este xoves 26 no colexio de Doiras (12 horas) e no colexio de Donís (16 horas).