O Sindicato Labrego Galego da comarca de Ordes vén de convocar unha asemblea das granxas afectadas polo que considera “incumprimentos de Logística Alimentaria nos contratos, incumprimentos que aínda están a facer máis miserables as condicións de compravenda de leite que tiña pactadas este primeiro comprador coas explotacións que lle venden”.
A xuntanza será no local do SLG en Ordes, na rúa Alfonso Senra 117, ás 16:00 horas do venres, 31 de xullo.
Segundo denuncia a organización agraria nunha nota de prensa , “Logística Alimentaria fixo asinar contratos ás granxas que lle fornecen de leite baixo unhas condicións leoninas: 26 céntimos por litro para o 80% da produción, e o 20% restante a un prezo variable segundo a cotización do leite en po”.
Prezo base de 21 céntimos para o 80% do leite e de 18 céntimos para o 20% restante
Sen embargo, segundo o SLG “e a pesares destes prezos ruinosos que non dan nin para cubrir os custes de produción, a empresa incumpriu flagrantemente as condicións asinadas e pagou o leite de maio e xuño cun prezo base de 21 céntimos para o 80% da produción, e de 18 céntimos para o 20% restante” .
Na asemblea deste venres, o SLG acordará cos gandeiros e coas gandeiras afectadas as medidas legais a emprender, entre as que se baralla denunciar a Logística Alimentaria diante da Interprofesional Láctea (Inlac), que é o mediador acordado nos contratos; ou mesmo diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA).
Logística Alimentaria alega que os prezos dos contratos varían segundo a evolución do mercado
Pola súa parte, o administrador de Logística Alimentaria, Antonio Jurado, lembra que “o noso contrato non di que o prezo sexa fixo para todo o ano, senón que o 80% variará segundo a evolución do prezo medio que publique o Observatorio do Sector Lácteo da Xunta de Galicia, e o 20% restante estará referenciado á cotización da manteiga e do leite en pó que publique o Observatorio do Mercado do Leite da Unión Europea”.
“A realidade é que dende que se asinaron os contratos no mes de abril o prezo do leite está baixando e nós axustámonos a iso. Se sobe nos vindeiros meses tamén teremos que incrementar os prezos que lle pagamos aos gandeiros”, asegura.