O Ingavi impartirá en Oporto un novo diploma de viños galegos e españois

Publicidade
O Ingavi impartirá en Oporto un novo diploma de viños galegos e españois

Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño

O director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, e o xerente do mesmo, Jorge Vila, presentaron o novo Diploma de Viños Galegos e Españois organizado polo INGAVI en colaboración co IVDP e Vinideas. O acto tivo lugar o pasado día 20 de outubro na sede do IVDP en Oporto.

Este novo diploma organizado polo Instituto Galego do Viño ofrece unha formación feita a medida para os profesionais que desexen reforzar o seu coñecemento sobre os viños galegos e españois, afondando nos elementos do terroir.

Preséntase como un programa esixente, non dispoñible anteriormente en Portugal, conducido por profesores do Instituto Galego do Viño, que durante anos teñen dirixido con gran éxito o Curso Superior de Sumiller Profesional en Santiago de Compostela, e ilustrado coa cata de 50 viños seleccionados que percorren a xeografía de España e Galicia.

Este diploma, que comeza o 12 de decembro na sede do IVDP en Oporto, organizarase en catro días en sesións de 6 horas (9:30 a 13:00 e 14:30 a 17:00 horas), facendo un total de 24 horas de formación intensiva. Os días 12 e 13 de decembro adicaranse ao estudo dos viños galegos, e o 6 e 7 de febreiro trataránse os viños españois.

Os interesados poden inscribirse en http://institutodovinho.com/, gozando dun prezo reducido se formalizan a matrícula antes do 15 de novembro.

A formación, clave para favorecer a exportación dos viños galegos

Este curso enmárcase dentro dunha nova liña de traballo do INGAVI orientada a formar aos profesionais do eido vitivinícola dos países que marcan a tendencia gastronómica e vinícola a nivel mundial, co obxectivo de potenciar o coñecemento e exportación dos viños galegos a novos mercados. Deste xeito, Oporto é unha das paradas dunha ampla folla de ruta na que se inclúen destinos tan potentes como Bogotá, México, Lima ou Nova York.

Seguindo esta tendencia á internacionalización «irmandarse con Portugal, e en particular co IVDP, era obrigado» comenta Cannas, quen destaca que «a formación é imprescindible para entender e divulgar polo mundo os grandes viños que se están facendo en Galicia; o viño é un excelente embaixador xa que recolle dentro dunha botella o mellor de cada terra».

O Instituto dos Vinhos do Douro e do Porto

O Instituto dos Vinhos do Douro e do Porto (IVDP) é un instituto público de natureza interprofesional que ten por misión promover o control da calidade e cantidade dos viños de Porto, regulando o proceso produtivo e velando pola protección das denominacións de orixe Douro e Porto e das indicacións xeográficas Duriense. Entre as labores desde prestixioso organismo, creado en 1757, destacan a planificación estratéxica e executiva da política vitivinícola da rexión, a defensa dos intereses da produción e do comercio, o control da produción e comercialización dos viños producidos na RDD, a estimulación do desenvolvemento tecnolóxico e das boas prácticas, a xestión do arquivo das parcelas de viña, así como o fomento e defensa das denominacións de orixe e indicación xeográfica e demais viños e produtos vínicos.

Vinideas

Vinideas é a empresa portuguesa líder en formación media e superior dentro do sector vitivinícola. A súa labor principal é divulgar e facer accesible a información técnico-científica do eido vitivinícola. Todos os seus programas están orientados a dar resposta e apoiar aos enólogos e viticultores no seu traballo diario, de ahí o seu lema: FOR WINE PEOPLE BY WINE PEOPLE.

Da actividade desta empresa cómpre destacar: a edición en lingua portuguesa da revista INFOWINE, editada en 6 idiomas, sendo a revista técnica na área dos viños máis lida do mundo, con aproximadamente 55.0000 lectores; a formación a medida e a promoción e organización de eventos; os traballos de apoio ás empresas, como traducións técnicas; e a interacción co mundo vitivinícola a través da organización de visitas, tanto en Portugal como no estranxeiro, con profesionais do sector, nacionais ou internacionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información