A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Recomendacións de encalado: o valor diferencial das calizas de Calfensa

Recomendacións de encalado: o valor diferencial das calizas de Calfensa

O encalado é clave nos solos ácidos para aumentar o rendemento dos cultivos

Noutro artigo xa falamos da importancia de encalar antes da sementeira do millo para corrixir a acidez común nos solos de Galicia e incrementar desta forma o aproveitamento dos nutrientes pola planta. Encalar é por tanto un investimento para obter mellores colleitas por parte do agricultor.

En Calfensa levamos dende 1966 ofrecendo produtos encalantes adaptadas ás necesidades específicas dos solos de Galicia e innovando para adaptarnos ás demandas dos nosos agricultores e gandeiros.

Neste momento ofrecemos os seguintes produtos encalantes:

Caliza Agrícola de Calfensa, preséntase en forma de Carbonato Cálcico extraído de calcita. Diferénciase dos carbonatos provenientes de dolomita, en que o efecto da calcita é de máis rápida acción que o da dolomita.

A rapidez de acción vén, en grande medida, definida polo tamaño da partícula no que se presenta. A caliza de Calfensa vén, nun 75%, en partículas dun tamaño inferior aos 0,06 mm, o que permite a súa case completa acción nun período de tres semanas. Cun 90% mínimo de Carbonato Cálcico, representa unha equivalencia en Óxido de Calcio do 50%, o que define un Valor Neutralizante de 50.

Por outra banda, Calfensa ofrece o que deu en denominar Caliza Magnesiana, que respectando as características do material que constitúe a Caliza Agrícola, aporta un 20% de Óxido de Magnesio, obtido a partir da calcinación de carbonato de magnesio finamente triturado. Corríxese así tamén as carencias en magnesio presentes en boa parte dos solos agrícolas galegos.

A Caliza Magnesiana componse de 60% Carbonato Cálcico e un 20% de Óxido de Magnesio, o que se corresponde cunha equivalencia en óxido dun 30% por parte do carbonato e o 20% por parte do Óxido de Magnesio, cun Valor Neutralizante de 60.

Doses de encalado

Calfensa recomenda sempre a realización de análises de solo para dispoñer de información suficiente que axude a calcular as doses de emenda a utilizar.

Recentemente veñen aparecendo no mercado novos produtos granulados que soben o pH do terreo. Véndense como produtos encalantes porque, efectivamente, teñen unha base de caliza.

Ademais do seu formato esférico, que os diferenza doutras emendas, hai outra diferenza substancial: a dose de aplicación. Normalmente, para a utilización deses novos produtos, recoméndanse cantidades que se sitúan en torno aos 500 kilos por hectárea.

Neste sentido, cómpre salientar un aspecto importante en canto a esa dosificación: Un dos parámetros que marca a dose a aplicar dun encalante é o denominado Valor Neutralizante. Canto maior é a cifra que describe ese Valor Neutralizante, menor é a cantidade a aplicar de produto. Aqueles encalantes que teñen como base a caliza, ben sexan granulados ou en po, dispoñen dun Valor Neutralizante que se move ao redor de 50 (Expresado en CaO. En produtos que proveñen de Portugal con base de caliza poden figurar Valores Neutralizantes superiores, do 85, porque veñen expresados en carbonato cálcico, o que trasladado á lexislación española serían os valores de 50 indicados anteriormente).

Isto quere dicir que se para un produto en po temos que usar 2000 kg por hectárea, dun produto granulado con base na caliza deberemos utilizar tamén esa mesma cantidade.

 “En calquera produto a partir de caliza para que sexa efectivo a dose debe ser duns 2.000 kilos por hectárea”

Un dos argumentos máis empregados para defender a postura de doses inferiores, é que dispoñen doutros elementos nutricionais que melloran e enriquecen o solo. Sen cuestionar que iso sexa certo, estanse introducindo conceptos diferentes que gardan certa relación pero que se deben considerar por separado. Eses dous conceptos son o encalado e o abonado. Un produto encalante ten unha función principal que é a de subir o pH do terreo, para o que son precisas doses elevadas. Outra cousa é o abonado que, en función das Unidades Fertilizantes do abono a empregar, as súas doses serán máis moderadas.

É dicir, que un produto encalante aporte ou non outros nutrientes, non inflúe en absoluto na dose real a aplicar do mesmo, polo que un produto granulado, con elementos nutrientes, debería ser aportado a doses en torno a 2000 kg por hectárea para que o encalado sexa efectivo. Doutra forma, con doses inferiores, nunca estaremos modificando o pH aos niveis desexados.

Aspectos xerais sobre os efectos do encalado:

1.- A acidez do solo prodúcese debido aos diferentes tipos de reaccións químicas que rematan liberando ións de hidróxeno (H+). O CO2 resultante da descomposición da materia orgánica, en presenza de auga, libera eses ións de hidróxeno. Incluso a achega de certos nutrientes (nitratos, urea, fosfato amónico, sulfato amónico,…) producen a acidificación do solo.

O encalado neutraliza eses H+, liberando hidroxilo (OH-) que, como veremos, axudarán a reducir a concentración de aluminio (Al3+).

2.- Neutralización e precipitación do Al3+ polos ións OH-

CO32- + H2O ↔ HCO3- + OH-
HCO3- + H2O ↔ H2CO3 + OH-
Al3+ + 3OH- ↔ Al(OH)3↓

3.- Substitución do aluminio no complexo de cambio por carbonato cálcico e óxido de magnesio.

-Este feito produce unha redución na toxicidade do aluminio para as plantas, así como a do ferro e do manganeso que tamén poden estar en concentracións moi tóxicas para determinados cultivos.

-A acción do encalado evita o bloqueo e fixación dos fosfatos, ao formarse compostos de calcio máis doadamente asimilables polas plantas que os de ferro e de aluminio, máis frecuentes en chans con niveis baixos de pH.

Favorece, sempre que se atope presente no chan, a absorción de Molibdeno (Mo) por parte das plantas. No caso concreto de leguminosas, considerando as altas necesidades que presentan estas plantas, a facilidade de absorción de Mo incentiva o seu crecemento.

-A estrutura do solo mellora indirectamente outras propiedades físicas debido ao forte carácter floculante do Calcio sobre os coloides e a maior estabilidade que proporciona aos humatos.

“O encalado axuda a aumentar a microfauna do solo”

-Estimúlase a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e transformación da materia orgánica, o que implica un aumento na dispoñibilidade de nutrientes. O encalado axuda a aumentar a microfauna do solo.

-Mellora o nivel nutritivo da disolución do chan, ao aportar Ca e Mg.

-Contribúe ao bo desenvolvemento e distribución das raíces das plantas, o que aumenta o volume de solo explorado, co que se pon a disposición das plantas máis nutrientes e máis auga. Tamén adoita mellorar a resistencia das plantas ás enfermidades.

calfensa boimorto 1

Novo veículo de Calfensa equipado con brazos dosificadores, un dispositivo que reduce as perdas por vento

Outras consideracións a ter en conta na obtención de forraxes, froitos e a alimentación animal:

-É moi importante o control da cantidade de aluminio presente no solo, xa que unha alta concentración de aluminio na alimentación animal, transmitida polo solo, pode reducir, até nun 20%, a ganancia de peso diaria do animal.

-En praderías mixtas (gramíneas e leguminosas), as emendas calizas aumentan o contido de proteína no pasto, ao favorecer o desenvolvemento do trevo.

-A relación Potasio/(Ca+Mg) no pasto foi descrita como determinante nos requirimentos nutritivos do animal para evitar a hipomagnesemia. Considérase que o valor deste cociente non debe ser maior de 2,2.

-En canto á relación Ca/P non debe superar o valor de 1,5, tendo en conta a importancia que pode ter na saúde dos animais.

-No que respecta a experiencias concretas, observouse un mellor control de malas herbas, concretamente Raphanus sativus L., Spergula arvensis L. e Polygonum persicaria L., en campos de trigo utilizando metsulfuron metil como herbicida, naquelas fincas con pH corrixido con doses elevadas de Carbonato Cálcico.

-En solos corrixidos con Calizas Agrícolas e Calizas Magnesianas finamente moídas, obsérvanse, en análises foliares, unha maior concentración de Ca e Mg, o que resulta importante en todo tipo de cultivos, pero máis concretamente naqueles que, como o Kiwi precisan para un correcto estado sanitario concentracións en folla do 0,6 – 0,7 % de Mg. Ademais dun valor de pH no solo que oscile entre o 6 e o 7.

-Os produtos de Calfensa están recoñecidos polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Bibliografía:

-Bernier, René; Alfaro, Marta (2006) Acidez de los suelos y efecto del encalado.

-Campillo, Ricardo; Sadzawka, Angélica. Las enmiendas calcáreas. Un insumo tecnológico vital para los suelos acidificados del sur de Chile.

-Fuentes, Ricardo; Jerez, Gabriel; Pinochet, Dante (2005) Efecto de enmiendas calcáreas sobre la eficacia de metsulfuron-metil en el control de malezas en trigo.

-Hernáez Mañas, José Luis (2003) La fertilización del viñedo.

-Magra, Gustavo; Ausilio, Alfredo (2004) Corrección de la acidez de los suelos.

-Mansilla, J.P.; Vázquez R.A.; Abelleira, A.; Salinero M.C. (1998) Problemática fitosanitaria de la actinidia en Galicia.

-Mezquita Rivera, Francisco (2002) El Calcio y el Magnesio en la vid.

-Mufarrege, Demetrio; Corrientes, Mercedes (2001) El Magnesio en la alimentación del ganado bovino para carne.

-Pérez, Susana (2010) pH: Influencia en la calidad del vino y factores de control en la viña.

-Rodríguez Soalleiro, Roque (2004).- Condiciones de las masas forestales y su relación con las propiedades de los suelos I.

-Viadé, Ana (2005).- Utilización de caliza con distintas granulometrías en una rotación pradera/maíz: efectos sobre las propiedades químicas del suelo y la producción.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información