Recomendacións básicas do encalado

O encalado debería ser unha práctica habitual na maior parte dos solos de Galicia. Neste artigo, Alberte Momán Noval, Enxeñeiro Técnico Agrícola e membro do Departamento Comercial de Calfensa, fai unhas recomendacións básicas de encalado.

Recomendacións básicas do encalado

Camión de Calfensa encalando

O encalado debería ser unha práctica habitual na maior parte dos solos de Galicia, pois análises de terras de explotacións de vacún de leite feitas en distintos centros de investigación de Galicia (CIAM…) mostran unha elevada acidez en moitos solos.

Os beneficios agronómicos do encalado son múltiples:

  • Corrixe a acidez do solo neutralizando a toxicidade do aluminio permitindo un mellor desenvolvemento das raíces o que permitirá aproveitar mellor os nutrientes aplicados cos fertilizantes.

  • Mellora a estrutura do solo, permitindo unha mellor aireación e infiltración da auga.

  • Mellora a actividade microbiolóxica que é a que descompón a materia orgánica aportada co xurro ou co esterco, liberando lentamente os nutrientes.

A porcentaxe de alumino presente no complexo de cambio é un bo indicador da acidez e para obter unha boa produción a porcentaxe de aluminio debe situarse por debaixo do 10%. Segundo os estudos realizados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), as doses de encalante (en forma de caliza ou óxido de calcio cun 100% de riqueza) recomendadas para corrixir a acidez do solo para os cultivos forraxeiros en Galicia móstranse na seguinte táboa:

Produtos encalantes

Óxido de calcio: reacción moi rápida, cáustico e alto custe.

Hidróxido de calcio: Cal apagada. Reacción moi rápida. Alto custe.

Carbonato cálcico (Calcita): Reacción máis lenta que os anteriores. Moi empregado. Baixo custe, non cáustico.

Carbonato cálcico magnésico (Dolomita): A de reacción máis lenta. Moi empregado. Baixo custe, non cáustico.
O material encalante debe soterrarse despois da aplicación, mesturando ben co solo. Débese evitar tamén o contacto inmediato con fertilizantes nitroxenados amoniacales, e con superfosfatos para evitar que se produzan reaccións químicas indesexables e prexudiciais para o solo. En concreto, os tempos recomendados de aplicación son:

-Cal viva. 1 ou 2 meses antes da sementeira.
-Caliza: 3 meses antes da sementeira.
-Dolomita: 3 a 6 meses antes da sementeira.

Sen embargo, estes prazos poden acurtarse dependendo da calidade do produto encalante, sobre todo do grao de finura, xa que produtos menos moídos, se ben máis baratos, son de reacción máis lenta.

Calidade do produto encalante

Grado de finura: A velocidade de reacción do produto encalante non solo depende da superficie en contacto co chan. Canto máis fino sexa o encalante, máis superficie terá en contacto co solo, polo tanto máis rápida será a s úa reacción.

Na gráfica represéntanse a capacidade para subir o pH nun período de tempo, en función do grosor das partículas. O tamaño das partículas vén representado en mallas, segundo a equivalencia seguinte:

ENCALADO_VELOCIDADEIntervalo entre 8 e 20 mallas.- – entre 2,36 e 0,850 mm
Intervalo entre 20 e 30 mallas.- – entre 0,850 e 0,600 mm
Intervalo entre 40 e 50 mallas.- – entre 0,450 e 0,300 mm
Intervalo entre 60 e 80 mallas.- – entre 0,250 e 0,180 mm
100 mallas.- – 0,125 mm

Valor Neutralizante: Mide a capacidade dun produto encalante para neutralizar os ácidos no solo. A cifra que contabiliza o Valor Neutralizante comprende o intervalo 0- – 100 e expresa a equivalencia do produto encalante co óxido de calcio. Canto maior sexa o VN, maior será a capacidade de acción.

Aporte doutros elementos: Xunto co Ca, sería importante o aporte de Mg, xa que, como vimos, son dous elementos de escasa presenza nos nosos solos, e que resultan de grande interese para a nutrición das plantas.

Incompatibilidades

• O aporte de materia orgánica (en calquera dos seus formatos) deberá facerse despois de que o encalante reaccione co terreo, xa que o contacto entre o encalante e o esterco desprende amoníaco, que é volátil polo que estariamos perdendo N.

• Algo semellante acontece cos abonos minerais: abonos nitroxenados amoniacais (xa que perderiamos N) ou aqueles con contido en fósforo, xa que se pode producir unha retrogradación das formas asimilables de P2 O 5 a fosfato tricálcico, que non é asimilable.

O mellor será sempre aplicar o encalante con suficiente antelación para que non se produzan esas reaccións indesexables.

Doses de encalado

Existen, resumindo, dous criterios para o cálculo da dose de encalado:
– Subir o pH.
– Neutralizar o Al.

En calquera dos dous casos haberá que ter en conta o tipo de terreo sobre o que desexemos actuar, considerando o tamaño das partículas que o compoñen, o que definirá o Efecto Tampón do mesmo. O ET é a capacidade do solo de manter no tempo as condicións de pH.

Un terreo areoso tampona pouco, o que quere dicir que os efectos do encalado serán moi repentinos pero de pouca duración, para o que se recomenda, xeneralizando, menores cantidades de encalante, pero en períodos máis breves de tempo. Mentres que para terreos arxilosos, serán necesarios maiores aportes do material encalante, pero máis distanciados no tempo.

Como norma, para os solos areosos recoméndanse materiais encalantes de acción lenta, mentres que para os arxilosos materiais de acción rápida.

Outra precaución importante, adoita ser a de non subir o nivel de pH máis dun punto con cada aplicación, xa que a subida repentina do pH repercutiría negativamente nos microorganismos beneficiosos.

Aplicación do encalado

Debido a que a acción do encalante é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas.

Tamén poderemos aplicar sobre cuberta, en cultivos pratenses, despois de ter realizado unha sega. Se nas camas do gando temos carbonato cálcico, o xurro será mais rico en calcio e terá poder encalante.

Aplicación online do CIAM para calcular as doses de encalado:

Para coñecer as doses para outros materiais encalantes e/ou porcentaxes de riqueza pode empregarse a aplicación de Recomendación de Encalado (Aplicación REN) da páxina web do CIAM (www.ciam.es).

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información