Sindicato Labrego e Upa detectan “importantes lagoas” no borrador de decreto sobre etiquetado do leite

Sindicato Labrego e Upa detectan “importantes lagoas” no borrador de decreto sobre etiquetado do leite

O Slg pide que se inclúa o sistema de alimentación da vaca

O Sindicato Labrego Galego ven de rexistrar cinco alegacións ao proxecto de real decreto sobre a etiquetaxe dos lácteos. Nestas alegacións, pídeselle á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que a información nos envases e etiquetas do leite e dos derivados lácteos, sen excepcións, inclúa datos como o Estado e a comunidade autónoma de orixe.

Ademais, dende o Sindicato Labrego rexeitan totalmente a proposta de informar sobre a orixe do produto con fórmulas xenéricas do estilo “países da UE, países fóra da UE” e solicitan, expresamente, que se retire este apartado do decreto.

A maiores, tamén demandan un maior control, revisando o sistema de trazabilidade e incluíndo no decreto “un sistema de verificación habitual, por parte das autoridades competentes, de todas as entradas e saídas de produtos nas industrias que aporte garantías adicionais para unha trazabilidade total en caso de problemas de seguridade alimentaria”.

Finalmente, aproveitando o proceso para regular a etiquetaxe, dende o Slg demándanlle ao Ministerio de Agricultura que “responda con esta normativa ás crecentes demandas da sociedade en canto a saúde, transparencia e compromiso social”. Por iso, avogan por que as etiquetas e envases do leite e dos seus derivados recollan tamén información referente a parámetros como a alimentación do gando, o tipo de procesado e mesmo a porcentaxe de remuneración que lle corresponde aos gandeiros e gandeiras con respecto ao prezo pagado polos consumidores e consumidoras.

Upa critica que o borrador do Ministerio deixa fóra o leite en po ou os xeados

Pola súa banda, a Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (Upa), organización da que forma parte Unións Agrarias, considera que o borrador é “incompleto”, pois deixa fóra “demasiados produtos”. En concreto, cren que se deberían incluír aqueles produtos lácteos cun alto contido en leite, como os xeados -que roldan un 40% de leite-.

Upa-Unións Agrarias demanda tamén que se etiquete a orixe daqueles produtos elaborados a partir de leite en po. España importa máis de 70.000 toneladas de leite en po, que se utiliza como ingrediente en moitos produtos lácteos, polo que “sería conveniente dar valor ao leite en po producida no noso país. A fabricación en España de produtos lácteos industriais debe ser impulsada”.

Sobre os queixos, a pesar de estar incluídos, unha parte queda fóra por estar adscritos a figuras de calidade e outra parte importante tamén porque veñen de fóra. Ademais dos queixos, o resto de produtos importados tampouco quedan incluídos na normativa. En opinión de UPA, debería establecerse un sistema de “recoñecemento mutuo” con outros países.

“Coa etiquetaxe do leite que se propón podería pasar o mesmo que co mel”

Do mesmo xeito que o Sindicato Labrego, en Upa tamén están en desacordo coas mencións que se poderían utilizar no caso de que as operacións de muxido e transformación ocorran en varios países. “Podería dar lugar a confusión e darse unha situación parecida á que ocorre co mel chinés”, afirman. UPA suxeriu tamén que ligado á obrigación de etiquetar a orixe do leite láncese unha campaña informativa cara ao consumidor.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información