O 97% dos consumidores reclama que sexa obrigatorio indicar o país de orixe do leite

Así se desprende dunha enquisa realizada pola Unión de Consumidores de Galicia entre máis de 1.400 persoas. Sindicato Labrego e Unións Agrarias urxen ao Ministerio a impulsar a etiquetaxe obrigatoria e temen que o decreto quede descafeinado.

O 97% dos consumidores reclama que sexa obrigatorio indicar o país de orixe do leite

Isalbel Vilalba, Miguel López Crespo e Roberto García durante a presentación dos resultados da enquisa.

O 97% dos consumidores reclama que sexa obrigatorio indicar a orixe do leite na etiqueta tanto do leite como dos derivados lácteos (queixos, iogures…etc). Así se desprende da enquisa elaborada pola Unión de Consumidores de Galicia nos últimos meses e á que responderon un total de 1.414 persoas.

Os resultados do inquérito, o primeiro que se realiza en Galicia, foron presentados esta mañá en Santiago de Compostela polo secretario xeral da Unión de Consumidores, Miguel López Crespo. Na presentación tamén participaron a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. Estas dúas organizacións agrarias, xunto a Asaja Galicia, constituíron a comezos de 2016 un grupo de traballo xunto coa organización de consumidores para buscar liñas de traballo que axuden ao sector lácteo galego.

En canto aos resultados concretos da enquisa, da que unha 60% das respostas foron de consumidores urbanos e o 40% restante do ámbito rural, chama a atención que o 97,38% das persoas enquisadas reclame que a información sobre o país de orixe do leite debería incluírse de forma obrigatoria na etiqueta.

“Os resultados son contundentes e extrapolables ao resto de España. Non hai excusa para non aprobar esta norma”

En España o Ministerio leva dende hai ano e medio tramitando un borrador de decreto para regular a etiquetaxe obrigatoria da orixe dos produtos lácteos que non acaba de ver a luz polas presións de boa parte da industria e da distribución, así como as reticencias da Comisión Europa. Sen embargo, países como Francia, Italia, Grecia ou Portugal xa aprobaron lexislación no mesmo sentido, para cumprir co dereito dos consumidores a dispor de información e protexer ao seus produtores lácteos.

A este respecto, Miguel López Crespo advertiu de que “estes resultados de Galicia son contundentes e extrapolables ao resto de España, polo que o Goberno non pode seguir utilizando como excusa aos consumidores, no sentido de que non é un tema que non nos preocupe, para non poñer en marcha esta medida de etiquetaxe obrigatoria do país de orixe do leite”.

Case o 78% dos consumidores considera que a información da etiqueta dos produtos lácteos non permite coñecer a forma na que foron producidos

Outra das preguntas que se formulou na enquisa é se se considera que a etiquetaxe dos produtos lácteos (queixos, iogures, manteiga…etc) permite coñecer o seu contido e a forma na que foron producidos.

“Neste sentido, o 77% dos enquisados contestan que resulta complicado ou difícil de entender, o cal resulta preocupante”, subliñou o secretario xeral da Unión de Consumidores.

Os consumidores piden máis información sobre a alimentación das vacas ou o tipo de procesado do leite

Polo demais, a enquisa tamén ofrece información sobre outros aspectos que preocupan aos consumidores. Así, case o 76% dos máis de 1.400 enquisados piden que se debería informar na etiqueta sobre o tipo de alimentación do gando; case un 95% reclama información sobre o tipo de procesado ao que se someteu o leite e arredor dun 80% pide que figure na etiqueta como se reparte o prezo entre gandeiros, industria e distribución.

“A enquisa revela claramente que o consumidor reclama unha etiquetaxe do leite e dos produtos lácteos con máis información e distinta á que se ofrece neste momento”, concluíu Miguel López Crespo.

Sindicato Labrego e Unións Agrarias demandan ao Ministerio que aprobe o decreto sobre etiquetaxe obrigatoria

Unhas demandas de máis información que debería contemplar o borrador de decreto que dende hai case ano e medio permanece aparcado por parte do Ministerio de Agricultura e que actualmente atópase en fase de alegacións.

A este respecto, tanto o Sindicato Labrego Galego como Unións Agrarias reclamaron ao Ministerio que aprobe con carácter de urxencia a normativa, aínda que con matices.

Así, dende o Sindicato Labrego, Isabel Vilalba advertiu de que “o borrador actual é totalmente insatisfactorio para produtores e consumidores, xa que  a norma permitirá identificar os productos lácteos fabricados en España con leite importado, pero non haberá que destacar a procedencia foránea de queixos e bricks importados”.

“Inclúense denominacións xenéricas como países da UE ou de fóra da UE e mesmo de mestura de UE e non UE, co que se seguiría sen clarificar a orixe de leite”, criticou Isabel Vilalba.

Roberto García: “En Francia coa etiquetaxe obrigatoria revalorizouse o prezo da nata francesa”

Pola súa parte, Roberto García, asegurou que “para nós o máis urxente e prioritario é que entre en vigor o decreto o 1 de xullo”. En canto ás alegacións ao borrador, o secretario xeral de Unións asegurou que “se centrarán en esixir que tamén se identifique a orixe das 800.000 toneladas de leite en poo que cada ano entran en España e que se destinan a produtos de repostería”.

Ademais, salientou que a experiencia doutros países como Francia, nos que levan varios meses aplicando a etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite, “demostra que hai unha revalorización do leite e dos derivados lácteos nacionais, como ocorre coa nata francesa, que xa se paga máis que a importada, algo que tamén sucedería en España, máxime cando a nosa produción de leite non cubre o 70% da demanda nacional”.

 

Descarga aquí os resultados da enquisa da Unión de Consumidores de Galicia sobre a etiquetaxe do leite.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información