A saída ó mercado de leite en base a pastoreo xera interese nas granxas

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) celebrou unhas xornadas no Deza para abordar as posibilidades de obtención de leite de pastos, unha materia prima que demandan Larsa e Leche Celta

A saída ó mercado de leite en base a pastoreo xera interese nas granxas

Dúas industrias lanzarán a comezos de ano leite obtido en base a pastos.

A decisión de dúas industrias asentadas en Galicia, Leche Celta e Larsa, de sacar ó mercado nos próximos meses un leite en base a pastos, está a xerar un interese entre parte das granxas por valorar a introdución ou mellora do pastoreo das vacas en produción. Ese interese levou á Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) a promover dúas xornadas en Rodeiro e Lalín, na comarca do Deza, para abordar cuestións como a xestión dos pastos ou o proceso de certificación en benestar animal, un selo que lle require Leche Celta ás ganderías en pastoreo.

En ambas xornadas, que congregaron a unha trintena de produtores, falou César Resch, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e coñecedor en profundidade do sistema irlandés de produción de leite en base ó pasto. “Por que se pace menos que antes? Un dos motivos é a incertidume na produción de herba. Os pastos dependen de factores modificables, como o tipo de forraxe ou a fertilización, pero hai outros non modificables, como son a temperatura, a choiva e a luz solar, que condicionan unha maior ou menor produción”, subliña César Resch.

A incertidume meteorolóxica, que condiciona a produción de herba, é un dos factores que desincentiva o uso do pastoreo

Analizando o gráfico de produción de herba dun centro de investigación irlandés, Moorepark, no periodo 1990-2011, obsérvase como a produción de herba para un mesmo mes móvese nun abano de amplas diferenzas. “En abril, podemos ver que hai anos nos que produciron 40 quilos de materia seca por hectárea e anos de 80 quilos”, compara Resch.

As características da climatoloxía de Galicia circunscriben as posibilidades dun pastoreo efectivo á primavera e ó outono, pois as menores choivas do verán deixan ó mínimo o crecemento dos pastos, un problema que non se rexistra en Irlanda. “Estamos a falar de secas estivais, non de secas estruturais, pois en inverno e outono hai chuvia suficiente. Cunha mellor xestión da auga, parte desa chuvia que cae noutras estacións poderíase empregar no verán”, valora Resch.

Debate
Entre os gandeiros que acudiron á charla de Lalín, houbo quen cuestionou se a introdución do pastoreo non era unha volta atrás, fronte á tendencia das últimas décadas a unha maior intensificación e maiores volumes de produción no gando. Desde Agaca e desde Leche Celta e Clas incidiuse, por contra, na oportunidade que representa o leite obtido en base a pastoreo, unha demanda dos consumidores a nivel de toda Europa.

A percepción dos consumidores do pastoreo ligado a un maior benestar animal xera unha demanda deste tipo de produción, o que a súa vez permite que o produto teña un valor diferenciado tanto no supermercado como no campo. “É unha oportunidade de prestixiar a produción galega e de competir no mercado cun produto diferenciado e que ten un prezo a maiores”, destacouse.

Por parte de César Resch, incidiuse tamén na importancia de saber vender que as vacas se alimentan cunha materia prima, a herba, que non entra en competencia coa alimentación humana, unha característica diferencial do sector lácteo entre as producións gandeiras.

Xestión de pastos, un exemplo de cálculos

Charla de César Resch na xornada de Lalín.

Charla de César Resch na xornada de Lalín.

Á hora de valorar as posibilidades de introducir o uso do pastoreo nunha explotación, Resch sinala que hai que plantearse dúas cuestions básicas: que necesitan as vacas e que oferta de herba hai na pradeira. “Formular unha ración para unha vaca é fácil. A complexidade radica en racionar para un rabaño en pastoreo”, valora Resch.

Como método simplificado que pode dar unha orientación sobre as necesidades alimenticias dunha vaca, Resch apunta a fórmula ‘Cantidade de materia seca por día = 12+ Litros de leite ó día / 3’.

Así, se se collese un rabaño de 70 animais, con 33 litros de leite de produción media e que dispoña de 15 hectáreas de pastos, a necesidade alimenticia por animal situaríase nun mínimo de 23 quilos de materia seca ó día.

“Un sistema mixto de alimentación, con pastos, concentrado e silo de millo, é máis equilibrado e proporciona máis enerxía e proteína”

Para Lalín, no suposto de praderías cunha produción media de 8.000 quilos de materia seca por hectárea ó ano, Resch estima unha produción duns 4.000 quilos na primavera (15 de marzo a 15 de xuño), 2.000 quilos no outono (25 de setembro a 25 de novembro), 1.000 no verán e 1.000 no inverno.

Se se considera un crecemento diaria da herba de 25 Kg. de materia seca por hectárea e día no primeiro mes de primavera, 50 no segundo e de 35 para o terceiro mes de primavera e para o outono, pódense sacar os seguintes cálculos.

No primeiro mes de primavera, partindo dun crecemento invernal de 1.000 kg. de materia seca por hectárea, hai que engadirlle a herba que medrará ese mes (750 kg. de materia seca por hectárea), o que arroxa un total de 1.750 quilos por hectárea. Descontándolle un 20% que se perde por pisoteo e excrementos dos animais, a cantidade total dispoñible de materia seca nas 15 hectáreas será ese mes de 21.000 kg., o que supón 700 quilos de materia seca por día e 10 quilos de materia seca por vaca e día.

As mesmas contas poden facerse para os meses restantes. “Se temos unha oferta de 10 quilos de materia seca por vaca e día, o resto da ración ese mes, ata os 23 quilos, teremos que aportarllo por concentrados, silos de herba e de millo, principalmente”, sinala Resch. “Trátase dun sistema mixto de alimentación que lle proporciona ás vacas máis enerxía e proteína que se comeran só herba verde. En Mabegondo, non deixamos de dar durante todo o ano concentrado e silo de millo, complementando cando é preciso con silo de herba ou herba seca”, detalla.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información