O SLG denuncia que Logística Alimentaria incumpre os contratos

A organización agraria afirma que Logística Alimentaria estalle a pagar o leite aos gandeiros a 21 céntimos cando o prezo acordado era de 26. Este venres o SLG convoca en Ordes unha asemblea dos afectados. Logística Alimentaria alega que “cumprimos os contratos”.

O SLG denuncia que Logística Alimentaria incumpre os contratos

Protesta do SLG

O Sindicato Labrego Galego da comarca de Ordes vén de convocar unha asemblea das granxas afectadas polo que considera “incumprimentos de Logística Alimentaria nos contratos, incumprimentos que aínda están a facer máis miserables as condicións de compravenda de leite que tiña pactadas este primeiro comprador coas explotacións que lle venden”.

A xuntanza será no local do SLG en Ordes, na rúa Alfonso Senra 117, ás 16:00 horas do venres, 31 de xullo.

Segundo denuncia a organización agraria nunha nota de prensa , “Logística Alimentaria fixo asinar contratos ás granxas que lle fornecen de leite baixo unhas condicións leoninas: 26 céntimos por litro para o 80% da produción, e o 20% restante a un prezo variable segundo a cotización do leite en po”.

Prezo base de 21 céntimos para o 80% do leite e de 18 céntimos para o 20% restante

Sen embargo, segundo o SLG “e a pesares destes prezos ruinosos que non dan nin para cubrir os custes de produción, a empresa incumpriu flagrantemente as condicións asinadas e pagou o leite de maio e xuño cun prezo base de 21 céntimos para o 80% da produción, e de 18 céntimos para o 20% restante” .

Na asemblea deste venres, o SLG acordará cos gandeiros e coas gandeiras afectadas as medidas legais a emprender, entre as que se baralla denunciar a Logística Alimentaria diante da Interprofesional Láctea (Inlac), que é o mediador acordado nos contratos; ou mesmo diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA).

Logística Alimentaria alega que os prezos dos contratos varían segundo a evolución do mercado

Pola súa parte, o administrador de Logística Alimentaria, Antonio Jurado, lembra que “o noso contrato non di que o prezo sexa fixo para todo o ano, senón que o 80% variará segundo a evolución do prezo medio que publique o Observatorio do Sector Lácteo da Xunta de Galicia, e o 20% restante estará referenciado á cotización da manteiga e do leite en pó que publique o Observatorio do Mercado do Leite da Unión Europea”.

“A realidade é que dende que se asinaron os contratos no mes de abril o prezo do leite está baixando e nós axustámonos a iso. Se sobe nos vindeiros meses tamén teremos que incrementar os prezos que lle pagamos aos gandeiros”, asegura.

Velaquí o contrato de Logística Alimentaria. 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información