As industrias comezan a anunciar subas do leite que chegan con polémica

Lactalis ofrécelle ós gandeiros un aumento de 1 céntimo litro ata maio, pero logo quere indexar o prezo cun sistema que non convence ó sector. O resto de industrias, á expectativa dos movementos da firma gala

As industrias comezan a anunciar subas do leite que chegan con polémica

Lactalis-Puleva xa lle está a entregar a proposta de contrato ás granxas.

Os últimos catro meses do 2016 viñeron marcados por unha progresiva suba dos prezos do leite no campo, se ben ese aumento non chegou ás granxas que lle suministran ás grandes firmas de recollida en Galicia, como Lactalis, Celta ou Capsa (Larsa), que tiñan contratos suscritos a prezo fixo para a maior parte da produción ata finais de febreiro do 2017. A necesidade de renovar agora eses contratos apunta a posibles subas das cotizacións.

A primeira industria en mover ficha foi Lactalis, a principal empresa en volume de leite recollido en Galicia, con arredor de 1.200 granxas proveedoras. A firma francesa estalle a ofertar ás granxas un contrato dun ano (marzo 2017-marzo 2018) cunha suba dun céntimo no periodo xaneiro – maio. É dicir, se as granxas asinan esa oferta, Lactalis cancelaría o actual contrato e aplicaría a suba do céntimo tamén para os meses de xaneiro e febreiro.

Indexación do prezo
De maio do 2017 a marzo do ano que vén, a empresa francesa, que envasa con marcas como Puleva ou President, ofrece unha indexación do prezo do contrato ás cotizacións medias de Galicia de xaneiro do 2017, en función dos datos que teña ó respecto ó Ministerio de Agricultura. Esa indexación en base ós prezos de xaneiro é cuestionada polos gandeiros, xa que entenden que suporá unha conxelación ou baixadas de prezo na segunda metade do 2017.

Dos últimos cinco anos, en tres campañas xaneiro foi o mes co prezo máis alto de todo o ano, polo que a perspectiva de indexar ós prezos a ese mes disgusta ó sector. En caso de non querer asinar o contrato anual ata marzo do 2018, Lactalis ofrece un contrato só para a primavera, sen subas de prezos.

Escenario
Outras grandes industrias cun importante volume de recollida en Galicia, como Celta ou Capsa, están estes días a valorar as subas a aplicar nos próximos contratos. Fontes do sector apuntan que nalgún caso se estaban barallando subas de ata 2 céntimos en contratos de 6 meses, se ben témese que o movemento de Lactalis, cun aumento máis limitado, marque a pauta a seguir polo resto.

[Actualización]Unións Agrarias advirte de que Lactalis aplica un modelo de contrato que está no xulgado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información