Unións Agrarias advirte de que Lactalis repite o contrato que está no xulgado

A organización considera que a industria láctea está trampeando o modelo de acordo que lle ofrece ós gandeiros, pois condiciona a variación de prezos ás cotizacións do leite no campo, que ela mesma contribúe a fixar

Unións Agrarias advirte de que Lactalis repite o contrato que está no xulgado

Lactalis Puleva ten en Galicia plantas en Vilalba e en Nadela (Lugo).

Unións Agrarias anuncia unha nova batería de respostas, tanto a nivel social como xudicial, contra a proposta de contrato que lle está entregando estes días Lactalis-Puleva as súas granxas proveedoras. A organización advirte de que a industria francesa pretende repetir o modelo de contrato que xa probara na primavera do 2016 e que está sendo investigado pola fiscalía do xulgado de Monforte.

A polémica que rodea ó contrato de Lactalis vén derivado da fórmula de prezo variable que propón a firma gala. No novo contrato, Lactalis ofrece un prezo fixo ata o mes de maio, cunha suba dun céntimo, e a continuación, no periodo xuño 2017-marzo 2018, propón un prezo variable condicionado á evolución das cotizacións do leite no campo en Galicia. Esas cotizacións son recollidas e publicadas a mes vencido polo Ministerio de Agricultura.

“A fórmula que propón Lactalis é un sistema de autoindexación, ilegal, polo que esperamos unha pronta actuación da AICA” (Unións)

Así, unha vez que o Ministerio publique os datos de xuño do 2017, Lactalis comparará ese prezo co medio en Galicia en xaneiro do 2017 e fará os correspondentes descontos ou aumentos do seu prezo, segundo corresponda. O mesmo sucederá nos meses seguintes, sempre con xaneiro do 2017 como referencia.

Un dos problemas desta fórmula radica en que as cotizacións do leite en Galicia dependen en parte dos prezos que paga Lactalis. Unións Agrarias interpreta que a industria gala busca trampear os contratos para evitar subas futuras do prezo do leite.

Proceso xudicial
A compañía francesa é a principal industria con recollida na comunidade, con arredor dun 20% da produción, segundo estimacións do sector, polo que os prezos medios no campo dependen nunha parte significativa do que paga Lactalis, segundo valora Unións Agrarias. “Trátase dun sistema de autoindexación, ilegal, que xa puxemos no seu día en mans da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) e que está sendo investigado pola Fiscalía do xulgado de Mondoñedo”, advirte a organización agraria.

Unións entende que Lactalis amosa unha total falta de respeto pola acción da xustiza ó repetir a mesma fórmula de contrato que está a ser investigada. A organización pide a inmediata intervención da AICA e da Consellería do Medio Rural, pois do contrario “estariamos ante unha incomprensible deixación de funcións”, valora.

Desde o sector non se entende como as industrias aprobaron no seu día varios índices de indexación de contratos na Interprofesional Láctea, co visto bo tamén das organizacións agrarias, pero logo no campo aplican fórmulas particulares que xeneran máis que dúbidas.

Prezos
Doutro lado, Unións considera insuficiente a suba dun céntimo que anuncia Lactalis entre xaneiro e maio, que deixará o seu prezo base en 28 céntimos. “O mercado internacional está en clara recuperación de prezos e a proposta de Lactalis dista moito de cubrir tan sequera os custos de produción das granxas”, valora Unións.

Cómpre lembrar tamén que Lactalis-Puleva ten aberto un proceso no xulgado de Vilalba por reter presuntamente arredor de 2 millóns de euros que lle corresponderían as súas granxas proveedoras, segundo Unións Agrarias. Os frentes ante a industria gala multiplícanse.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información