O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) abriu este luns as súas portas na parroquia de Trasliste, no municipio de Láncara (Lugo). O museo está ubicado na casa de labranza da Gandería Casa de Vázquez, impulsores da iniciativa.
O enxeñeiro técnico agrícola Marcos Vázquez foi o promotor desta iniciativa e co apoio da súa familia conseguiu reunir máis de 300 pezas relacionadas coa produción agraria. Vázquez describe a iniciativa como “unha humilde achega para ensinar o que foron os nosos antepasados”, comenta.
O museo reúne máis de 300 pezas relacionadas coa produción agraria
A colección está composta por un tractor histórico pertencente a cada década da mecanización agraria. Ademais, nunha antiga corte, o museo dispón de diferentes aparellos utilizados para o tratamento de cereais.
A inauguración do museo contou con varias actuacións musicais e coa participación de autoridades como o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o deputado da área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; así como personalidades vinculadas a algunhas das firmas de maquinaria agraria máis importantes.
Visitas ó museo
O museo poderá visitarse ó longo de todo o ano pero será preciso concertar previamente a visita, posto que a familia promotora da iniciativa compaxina o museo coa actividade gandeira e a produción de mazá.
As reservas poderán realizarse a través da páxina web www.muvicla.eu, que estará operativa nos próximos días, e que permitirá coñecer o museo, tal e como explicou Marcos Vázquez. Tamén se poderá solicitar a visita enviando un email a vazqueztrasliste (arroba) hotmail.com ou no teléfono 619 389 069.