Rocío, Alfonso e Jesús, cunha caixa de faba verdina

“Pretendemos defender mellor o que producimos, parécenos xusto”

Bota a andar, impulsada por tres produtores dos concellos de Lourenzá, Mondoñedo e Trabada, a marca 'Faba Verdina de Galicia', baixo a que tentarán comercializar este ano 15 hectáreas deste produto

Rocío, Alfonso e Jesús, cunha caixa de faba verdina

Rocío, Alfonso e Jesús, cunha caixa de faba verdina, en Santo Tomé, no Val de Lourenzá

A unión de tres produtores de faba da Mariña, Alfonso Cartoy, de Santo Tomé, en Lourenzá; Rocío Maseda, de Vilamor, en Mondoñedo; e Jesús Monasterio, de Sante, en Trabada, alumea o nacemento da marca colectiva Faba Verdina de Galicia, coa que pretenden comercializar inicialmente unhas 5 toneladas desta legume.

A verdina é quizais a menos coñecida das fabas cultivadas en Galicia pero está a gañar protagonismo nos últimos anos fronte á irmá maior, a faba branca comercializada baixo a IXP Faba de Lourenzá. Da familia Phaseolus Vulgaris, a coñecida tamén como faba do marisco é de moito menor tamaño e a súa característica cor verde lógrase apañando as vainas cando aínda están verdes e secándoas en penumbra.

A faba verdina comezou a producirse na Mariña procedente de Asturias e a súa comercialización realizábase principalmente até agora a través de intermediarios asturianos, o que provocaba unha merma de prezo en orixe.

É algo ao que queren poñer remedio Alfonso, Rocío e Jesús. “Trátase de defender o noso produto o mellor posible e buscar nichos de mercado que non están copados”, explica Jesús, que engade que “non é unha guerra contra ninguén, nin contra os intermediarios nin contra a IXP, porque nos necesitamos todos”.

A marca Faba Verdina de Galicia nace á marxe da IXP Faba de Lourenzá, que se centra só na faba branca

A marca Faba Verdina de Galicia nace á marxe da IXP Faba de Lourenzá, que se centra só na faba branca. “Son parentes pero non ten nada que ver unha faba coa outra. As dúas son leguminosas que veñen da mesma orixe, pero son variedades distintas. Os produtores nesta zona botan maioritariamente faba branca, pero eu boto das dúas para diversificar a produción e correr menos riscos, porque hai anos que ten mellor prezo unha e outros nos que vai mellor a outra, e tamén o fago para ter dúas referencias no mercado á hora de ir vender o produto ás tendas, por exemplo”, explica Alfonso.

Alfonso comercializaba até agora a súa produción de fabas baixo a marca Alma do Val, que vai seguir mantendo para a faba blanca. Este ano ten sementado máis de 6 hectáreas no Val de Lourenzá, das que máis da metade son faba verdina, que comezou a botar fai 3 anos.

Rocío, ten sementadas 6 hectáreas de verdina e 8 de faba branca no Concello de Mondoñedo. A súa explotación, Murias Maseda, é unha das maiores produtoras de faba fresca de Galicia e comezou hai dous anos coa verdina.

A terceira pata do proxecto, Jesús, pola contra, adícase só á faba verdina. Leva 5 anos cultivándoa e bota unhas 5 hectáreas “de maneira escalonada para que non veña toda xunta e dea tempo a recollela despois, porque a infraestrutura e a man de obra da que dispoño é a que é”, explica. Este ano ademais, “van con moito retraso porque o tempo non axudou, cunha primavera húmida e con pouco calor”, aclara.

“O tempo faino todo”

A faba verdina de mata baixa e non precisa estacado

A faba verdina é de mata baixa e non precisa estacado

A faba verdina seméntase directamente na terra fresada cunha separación entre os pés de entre 10 e 15 centímetros. A época de botala son os meses de maio e xuño. A verdina ten un ciclo máis curto, duns 90 días, mentres que á branca faille falta un mes máis.

A calidade do solo da Mariña adáptase á perfección para a produción da faba. É tamén a climatoloxía. “É un cultivo de verán que necesita horas de sol e algo de auga de vez en cando, o que é un verán típico desta zona”, indica Jesús, que aclara que “este ano fáltalles calor e se non hai calor non medrán, as plantas están achicadas e non se desenvolven”. “O tempo faino todo”, resume.

Proceso de secado da faba, colgada e a escuras

Proceso de secado da faba, colgada e a escuras

“O tempo e tamén o traballo”, matiza Alfonso, porque “a faba require atendelas e facer as distintas labores (sementado, sachado, aterrado, etc) no seu momento óptimo, non vale deixalas porque se se escapan ou se a herba as domina despois é difícil reconducilas”, di.

A diferenza da branca, que hai que estacala, a verdina é de mata baixa, só levanta entre 30 e 50 centímetros do chan, e non precisa malla para trepar. Nese aspecto require menos traballo que a faba branca pero, pola contra, é máis delicada á hora de recollela. “A principal peculiaridade da verdina é o seu secado en penumbra, sen que lle dea o sol, para que manteña a súa cor verde característica, que é o que lle dá a gracia á hora de comercializala. Pero para iso cando se apaña a vaina ten que estar aínda verde, polo que hai que recollela no momento xusto, se te despistas enseguida blanquea e perde a cor verde”, indica Alfonso.

Apáñase verde e sécase en penumbra dentro da vaina para que non perda a cor verde característica

Sécana, ben colgada boca abaixo ou ben no chan, nunhas instalacións creadas coa estrutura dun invernadoiro pero cuberto con pástico negro dos silos. Murias Maseda, por exemplo, dispón dun secadeiro deste tipo de 1.000 metros cadrados. Unha vez malladas, as fabas conxélanse a -20 graos centígrados durante un mínimo de 48 horas para evitar o gorgullo. “Logo desconxélase e pode aguantar varios anos sen problema”, explica Alfonso.

Os vaivéns do mercado

“Temos que crer algo máis no que temos, o produto responde, temos un bo produto, non é que o digamos nós, senón que o dí o mercado, os cociñeiros, os consumidores, etc. pero non está valorado o que se merece”, di Jesús. “É inxusto que se nos vaia o valor do produto a través dos compradores asturianos que nos viñan mercar a nosa verdina para despois vendela eles coa marca Verdina de Asturias”, engade Alfonso.

Esa foi a razón que os empurrou a crear a súa propia marca, Faba Verdina de Galicia, onde a trazabilidade é unha característica principal. Nace coa finalidade de garantir a orixe galega do produto e a profesionalidade dos produtores, ao tempo que lles axuda a comercializalo.

“O óptimo sería que antes de plantar tivesemos xa un contrato para a venda do produto a un prezo fixo determinado”, defende Alfonso

“Un dos nosos cabalos de batalla como produtores son os vaivéns nos prezos. Dun ano a outro a oscilación pode chegar a máis de 2 euros o quilo, iso é algo que sempre penaliza ao produtor”, argumenta Alfonso, que defende que “o óptimo sería que antes de plantar tivesemos xa un contrato para a venda do produto a un prezo fixo determinado”.

Jesús, Alfonso e Rocío encetan xuntos esta nova aventura esperanzados. “Estamos moi satisfeitos coa iniciativa porque a marca foi moi ben acollida por outros produtores”, asegura Alfonso. Nunha primeira fase tratarán de afianzar e estabilizar a marca coa súa produción, pero a intención é abrila a calquera outro produtor que queira sumar. “É o inicio de algo que agardemos sexa algo sólido para que a xente se anime a entrar cando a marca xa estea asentada e afianzada no mercado”, afirma Jesús.

Marca rexistrada

Logotipo da nova marca colectiva

Logotipo da nova marca colectiva para a faba verdina

Faba Verdina de Galicia é unha marca colectiva que pertence á Asociación de produtores de faba verdina creada en paralelo, que é a que impulsa a marca e vai ser a súa propietaria. A marca está a ser tramitada diante da Oficina Española de Patentes e Marcas para ser usada no conxunto do territorio español.

“Somos simplemente tres produtores, sen o apoio do Concello de Mondoñedo e os coñecimentos en materia de marcas de Zoila Gulín, que é experta en propiedade intelectual, e que nos asesorou, este proxecto para nós sería imposible. Constituír e sacar a diante unha marca ten o seu aquel, é unha tramitación moi específica”, conta Alfonso.

A marca amparará inicialmente a estes tres produtores, que concentran a maior parte da produción galega profesional desta legume. Dentro de Galicia, a zona da Mariña é unha zona de referencia na produción deste tipo de fabas, debido á idoneidade do solo e a climatoloxía. En municipios como Riotorto ou Ribadeo tamén hai produtores de faba verdina.

Os promotores do proxecto veñen de rexistrar a marca para España. Protexe dúas clases de produto: faba verdina fresca e seca. A marca conta cun regulamento no que se establecen aspectos como os obxectivos da marca ou os requisitos para obter a licenza de uso, entre outros. O proxecto reforza a imaxe dos produtos agroalimentarios en orixe para impulsar a súa xusta comercialización.

A faba seca en Galicia move cada ano preto de 1.400 toneladas, que se reparten case a partes iguais entre as provincias da Coruña e Lugo. Cada unha delas conta con arredor de 35 hectáreas dedicadas a este cultivo.

É unha faba moi versátil que vai ben para cociñar con carne, peixe ou marisco

A produción da marca Verdina de Galicia estímase que poida alcanzar por enriba das cinco toneladas nos seus inicios. A faba verdina vaise comercializar en formatos de consumo de medio quilo e dun quilo dirixidos ás familias. Tamén se venderá en formato granel de 25 quilos debidamente identificado.

“É unha faba usada para cociñar con marisco, pero queremos saír daí, porque non é unha faba exclusiva para iso, é unha faba moi versátil, que vai ben para cociñar con caza ou con peixe”, asegura Alfonso, que destaca a textura e a cremosidade desta pequena gran legume.

A necesidade de man de obra, unha arma de dobre fío

Faba branca e faba verdina producidas no Val de Lourenzá

Faba branca e faba verdina producidas no Val de Lourenzá

O Val de Lourenzá é un territorio fértil no que historicamente sempre se botaron fabas. Pero foi a raíz das cotas lácteas cando moitos gandeiros atoparon neste cultivo estacional un complemento ás súas explocacións. A creación nos anos 90 da Festa da Faba a comezos de outubro foi o espaldarazo definitivo a esta produción que se dá moi ben en terras que manteñen a humidade.

“O Val é todo chao pero as terras son moi pequenas. Iso dificulta traballalas”, di Alfonso. En Vilamor Rocío ten terras máis grandes e Jesús o problema que ten en Sante é a pendente.

“Se se puideran mecanizar todos os procesos botarían hectáreas e hectáreas de fabas noutros lugares e acabarían con nós”, di Alfonso

Coas súas diferenzas, os tres teñen algo en común: “a faba precisa moita man de obra, calquera delas, a branca para estacar, a verdina para recollela, a fresca para debullala. Esa necesidade de man de obra é unha arma de dobre fío, porque por un lado impide que poidamos medrar todo o que nos gustaría, pero por outro lado é o que nos salva, porque se se puidesen mecanizar todos os procesos botarían hectáreas e hectáreas de fabas noutros lugares e tirarían os prezos e acabarían con nós. A faba segue a ser hoxe na Mariña e en Asturias unha produción en boa medida artesá e basicamente manual en moitos dos seus procesos. Manter esa esencia é necesario para poder sobrevivir”, argumenta Alfonso.

Na maioría dos casos os que cultivan as fabas son pequenos produtores. “No Val de Lourenzá quedamos tres grandes: Fabas Maruxa, Fabas o Pontigo e máis eu”, indica. Hai, iso si, outros moitos produtores non profesionais que teñen no cultivo de faba un complemento a outras actividades ou unha fonte de ingresos a maiores.

Alfonso conta con rexistro sanitario propio e comercializa as súas fabas coa marca Alma do Val

Alfonso conta con rexistro sanitario propio e comercializa as súas fabas coa marca Alma do Val

Non é o caso de Jesús, Rocío e Alfonso. Os tres apostan pola profesionalización. “Os tres somos agricultores profesionais, estamos dados de alta e pagamos os nosos impostos”. Este será un dos requisitos que deberá cumprir todo aquel que queira vender baixo a marca Faba Verdina de Galicia.

Alfonso e Jesús dedícanse só á faba, mentres que Rocío, aínda que ten nela a súa actividade principal, bota tamén outros cultivos. Dos tres, o único que dispón de rexistro sanitario propio é Alfonso, que ao ser envasador ten capacidade para comercializar el mesmo a súa produción. “Neste momento logro dar saída desta maneira tan só ao 30% da miña produción”, recoñece. Unha cifra que agarda que se incremente logo do lanzamento da nova marca para a faba verdina. De maio a outubro está centrado en cultivar e o resto do ano dedícase a comercializar a produción. Reparte el mesmo os pedidos dentro de Galicia directamente a tendas e a restaurantes para non depender de intermediarios.