Cita ineludible esta fin de semana na Mariña na Festa da Faba de Lourenzá

Os produtores da comarca porán á venda distintas variedades de leguminosa nunha feira que chega á súa 29 edición e que se completa con degustacións, artesanía, música e deporte

Festa da Faba3

A Festa da Faba de Lourenzá protagoniza a axenda desta fin de semana na Mariña cun variado e completo programa de actividades que xiran arredor dun produto que conta con Indicación Xeográfica Protexida e que se cultiva nos distintos concellos da comarca. A produción deste ano, algo máis escasa, vén moi desigual, con fincas que están para recoller e outras máis atrasadas por mor do tempo. O que non varía é a calidade do produto, un ano máis excelente.

plantacion fabas2A Festa da Faba marca o inicio da campaña, que se mantén logo durante todo o mes nas instalacións do Mercado Gandeiro da localidade con venda ao por maior todos os domingos. Ademais de para promocionar o produto, a Festa da Faba serve tamén para que os fabeiros dean saída a unha parte importante da súa produción chegando directamente ao cliente final, sen intermediarios, lográndose vender en dous días máis de 8 toneladas de legume. A venda na Festa marca tamén un pouco a a cotización para toda a campaña, que se inicia coa recollida da faba fresca e da verdina e se mantén até finais de outubro coa faba seca.

A produción deste ano será algo máis escasa pero dunha calidade excelente

A produción de faba foi pouco a pouco substituíndo nos últimos anos a actividade agrogandeira no Val de Lourenzá. Unha visita calquera domingo deste mes de outubro ás instalacións do Mercado Gandeiro é boa mostra da reconversión vivida no sector primario na zona nas últimas décadas. Non fai tantos anos, en vez de fabas o que nese espazo se compraba e vendía era gando, tanto vacún como porcino ou cabalar, con feira de referencia na comarca todos os días 9 e 28 de cada mes.

O mercado dos produtores da faba desta fin de semana, con stands de venda directa ao público na Praza do Conde Santo, complétase con actividades lúdicas (concertos musicais, degustación de tapas, showcookings) que contribuen ao éxito de público. O programa desenvolverase desde o venres até o domingo con actividades variadas que incúen música, artesanía, gastronomía, obradoiros infantís e deporte.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, durante a presentación do programa deste ano

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, durante a presentación do programa

A festa chega ese ano á súa 29 edición. Foi creada polo Concello de Lourenzá no ano 1990 como un xeito de apoiar aos produtores e promocionar a súa actividade e desde o 2001 está declarada Festa de Interese Turístico Galego. Á venda e degustación de fabas durante toda a fin de semana, nos últimos anos fóronselle engadindo diversas actividades complementarias. O sábado, por exemplo, haberá demostracións de artesanía e feira exposición de vehículos agrícolas e de coches e motos clásicas.

A Festa da Faba celébrase desde 1990 e desde o 2001 está declarada Festa de Interese Turístico Galego

Como vén sendo habitual, os establecimentos hostaleiros da vila ofrecerán tapas de fabas durante a festa e a Asociación de Cociñeiros da Mariña colaborará un ano máis preparando distintos pratos de fabas elaborados con pulpo, bacallau ou porco celta, nunha cita que serve para exhaltar tamén outros produtos galegos. Haberá, por exemplo, cata de viños da Ribeira Sacra e o concello convidado este ano será o de Ponteceso.

Unha ruta cultural e gastronómica

cartel Ruta da Faba2

A Festa da Faba, que se celebra todos os anos na primeira fin de semana de outubro, marca o comezo da tempada deste produto. Está organizada polo Concello de Lourenzá, que conta ademais desde o ano 2004 cun Centro de Interpretación adicado á faba integrado dentro do Mosteiro de San Salvador, onde nun túnel do tempo polo que outrora pasaban os monxes un pode repasar mediante os distintos apeiros empregados a evolución da produción de fabas na localidade.

O tunel do Centro de Interpretación da Faba

Tunel do Centro de Interpretación

Xunto á apertura do Centro de Interpretación da Faba, nos últimos anos foron distintas as iniciativas postas en marcha para poñer en valor esta produción local, que se está a converter nun foco de creación de riqueza a nivel local e nun nicho de creación de emprego para moitas familias que ven no cultivo desta leguminosa unha oportunidade laboral e un modo de vida. Desde a cooperativa Terras da Mariña, por exemplo, teñen un programa de visitas para escolares destinados a colexios e campamentos de cativos e están a desenvolver tamén nos últimos anos unha intensa labor de promoción e difusión do produto en feiras de toda Galicia e do resto do Estado.

Esta fin de semana durante os tres días que dura a Festa da Faba un tren turístico levará aos veciños e visitantes a percorrer a Ruta da Faba

Este ano comezou a funcionar ademais en Semana Santa e no verán unha Ruta da Faba, unha ruta turística que xira en torno a ese produto e que permite aos visitantes descubrir o proceso completo, desde as plantacións até a parte gastronómica e cultural. Esta fin de semana durante os tres días que dura a Festa da Faba un tren turístico levará aos veciños e visitantes a percorrer a Ruta da Faba.

Programa completo da Festa da Faba 2019

cartel Festa da Faba

programa-festa-da-faba-de-lourenza-2019

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información