Tres montes que ensaian alternativas de futuro para o bosque galego

Pontevedra, Porto do Son e A Pobra do Brollón acollen tres parcelas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán no que se estudan 38 especies forestais para comprobar a súa adaptación a Galicia nun contexto de cambio climático

Publicidade
Tres montes que ensaian alternativas de futuro para o bosque galego

Visita á parcela de Lourizán na que se testea a implantación e evolución de 38 especies forestais.

O cambio climático evolucionará previsiblemente o clima galego cara unhas condicións máis mediterráneas, con maiores temperaturas no verán, cambios nas precipitacións e maior frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos. É un escenario que preocupa, pois aumentará a perigosidade dos lumes e haberá especies forestais que se debiliten. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Xunta, está a evaluar que especies hai de interese para o clima actual e futuro de Galicia.

Os ensaios de Lourizán, no marco do proxecto europeo Reinfforce, iniciáronse no 2012 coa plantación de 38 especies en tres parcelas, unha no monte ubicado no propio Centro, en Pontevedra; outra en Porto do Son, nun monte pedregoso cun solo máis areoso; e unha terceira na Pobra do Brollón (Lugo), nun clima máis mediterráneo. Lourizán acolleu onte unha xornada para amosar a evolución da parcela pontevedresa, un ensaio asentado sobre 2 hectáreas nas que puxeron máis de 2.000 plantas, correspondentes a 38 especies, cada unha delas alomenos con tres procedencias.

O bidueiro europeo (‘Betula pendula’) e o ‘Pinus taeda’, un piñeiro norteamericano resistente ó nematodo, presentan resultados prometedores

As árbores xa chegaron ós 5-6 anos, o que permite facer unha primeira valoración, se ben o estudo, que coordina en Lourizán a investigadora María José Rozados, continuará alomenos ata o ano 2027. En crecemento, os máis destacados foron os eucaliptos e algunhas procedencias de ‘Pinus pinaster’, o piñeiro máis extendido en Galicia, pero tamén acadaron resultados destacados outras especies, tanto de frondosas como de coníferas.

Pés de bidueiro europeo de 6 anos en Lourizán.

Pés de bidueiro europeo de 6 anos en Lourizán.

Bidueiros
Unha das especies máis exitosas semella o bidueiro europeo (‘Betula pendula’), que chegou ós 4-5 metros de altura de media. O seu tronco presenta ademais fustes moi rectos, con dominancia clara dunha única guía, a diferenza do que ocorre con frecuencia co bidueiro branco (‘Betula alba’), o habitual en Galicia. O bidueiro europeo é unha árbore que prosperou ben, sobre todo en Lourizán e na Pobra de Brollón, e semella ter ademais menores necesidades hídricas que o ‘Betula alba’, o que xera expectivas para a súa adaptación á Galicia actual e futura.

Coníferas
Outra das árbores que está destacando nos ensaios polo seu bo crecemento é o ‘Pinus taeda’, un piñeiro procedente de Estados Unidos que ten a particularidade de que é resistente ó nematodo do piñeiro, o que o convirte en moi interesante para as zonas de Galicia máis susceptibles de sufrir a praga, que se extende imparable desde o sur de Portugal cara o norte desde hai anos.

Pés de piñeiro ('Pinus pinaster') procedentes das Landas e Córcega.

Pés de piñeiro (‘Pinus pinaster’) procedentes das Landas e Córcega.

En coníferas, tamén confirmou un bo resultado o ‘Pinus Elliottii’, moi apreciado en Sudamerica para usos resineiros, pois ten unha resina moi líquida e fácil de extraer; así coma o piñeiro manso ou piñoneiro (‘Pinus pinea’), que sen ter grandes crecementos polo de agora, si que destacou pola súa adaptación ás tres parcelas, sen sufrir problemas fitosanitarios.

Carballos

En carballos, están a lograr bos crecementos especies como o ‘Quercus rubra’ (carballo americano), xa presente en plantacións en Galicia, e tamén o carballo de Shumard (‘Quercus shumardii’) e o carballo albar (‘Quercus petraea’), presente na alta montaña galega e que confirmou a súa boa adaptación a unhas condicións máis atlánticas, a nivel do mar.

Decepcións
A maiores de identificar as especies que obteñen bos resultados, a investigación tamén permite valorar cales son as árbores que peor resposta ofrecen nas condicións de Galicia, de cara a descartar o seu uso. Levouse a palma o algarrobo, unha especie mediterránea que caeu xa nos primeiros anos, como se esperaba, pero tamén houbo sorpresas, como a do carballo (‘Quercus robur’), que se desenvolve sen problemas en Galicia en condicións naturais, mesmo expandíndose sobre solos a mato, pero que na plantación experimental do proxecto Reinfforce obtivo un fracaso rotundo.

O carballo albar, presente na alta montaña galega, funciona tamén ben en condicións máis atlánticas

A explicación do mal resultado do carballo semella estar nas dificultades de manexo da especie en plantacións, se ben tampouco pode descartarse que houbera problemas na planta.

Outro fracaso inesperado estivo nos castiñeiros, que causaron baixa masiva tanto nas tres plantacións galegas como noutras experiencias homólogas á galega que se desenvolven en todo o arco atlántico europeo. “Foi probablemente un problema da planta, que procedía toda do mesmo viveiro, se ben tampouco pode descartarse que enfermase aquí por problemas de tinta”, valoran os investigadores Javier Silva e María José Rozados, que dirixiron a visita de onte á parcela de Lourizán.

Entre as frondosas, tampouco o arce tivo un bo asentamento, cunha taxa de baixas importante, e entre as coníferas, destacou o mal comportamento do ‘Pinus caribaea’, procedente de Honduras, que a penas despega do solo tras seis anos na parcela.

Trampa para a captura de zeuzera.

Trampa para a captura de zeuzera.

Pragas

As pragas non tiveron polo de agora unha especial incidencia na plantación, se ben si que causaron danos e a perda dalgunhas árbores. En frondosas, este último ano destacou a zeuzera, un insecto taladrador que se cebou especialmente nos bidueiros. “Despois de anos secos, coma o 2017, é habitual un repunte da zeuzera. Témolo detectado este ano tanto en frutais como en especies forestais e en oliveira”, explicou a investigadora responsable da análise de pragas no proxecto, Rosa Pérez, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (Deputación de Pontevedra).

Zeuzera, roedores e procesionaria centran os problemas fitosanitarios detectados

O combate da zeuzera fíxose con medios mecánicos e mediante trampas de captura con feromonas atraíntes. Tamén é posible o seu combate por inxección de insecticida nas árbores (endoterapia) e con estratexias de confusión sexual.

En frondosas tamén se detectou oidio, un problema habitual nos carballos galegos, e fungos da madeira, unha enfermidade frecuente en Galicia que se pode agravar se nas podas e labores silvícolas non se desinfectan as ferramentas de xeito adecuado entre árbore e árbore.

Procesionaria
Entre as coníferas, o principal problema foi a procesionaria, que amosou unha especial querencia polo ‘Pinus ponderosa’. O seu combate pode facerse por medios mecánicos, eliminando os bolsóns en árbores non moi altas, ou por endoterapia ou estratexias de confusión sexual.

De cara a un mellor control das diversas pragas, a investigadora Rosa Pérez incidiu tamén no interese de colocar nas plantacións caixas niño para páxaros insectívoros e para morcegos, que poden axudar no control do problema.

Roedores
Cómpre incidir, por último, nas dificultades causadas polos roedores, que se adoitan alimentar das raíces das árbores, o que obrigou a estratexias de control dos mesmos; e tamén houbo anécdotas, como a que protagonizou durante os traballos de plantación unha bandada de corvos, que se adicaba a desenterrar as plantas para alimentarse das bolas de mineral que viñan cos cepellóns.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información