Árbores centinelas do cambio climático

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán coordina en Galicia un proxecto europeo que busca vías para adaptar os bosques ó clima futuro. Analízanse especies e procedencias das mesmas de interese para Galicia

Árbores centinelas do cambio climático

Visita ó arboreto de Lourizán este outono, durante un curso do CIF.

De aquí ó ano 2.100, o clima probablemente rexistrará aumentos medios de temperatura de entre 2 e 6 graos centígrados. A suba da temperatura pode ser positiva para os bosques, pero non así a previsión de máis fenómenos meteorolóxicos extremos como secas, tormentas ou picos de temperaturas altas. Unha investigación europea, na que participa o Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra), busca vías de solución para os problemas que abre o cambio climático, tales como pragas emerxentes ou a mala adaptación dos bosques actuais ás novas condicións.

As árbores que se plantan agora no monte cortaranse nas próximas décadas nun escenario cunhas condicións climáticas distintas. Determinar que especies e de que procedencias poden darse ben nun clima actual e futuro é o obxectivo do proxecto REINFFORCE, que está a analizar en diversos contextos da Europa Atlántica o comportamento de 37 especies forestais de máis dun cento de orixes. Participan na iniciativa Francia, Reino Unido, España e Portugal.

Lourizán, en Pontevedra, Porto do Son e A Pobra do Brollón acollen os arboretos implantados en Galicia

Plantacións de árbores
Desde Lisboa ata as terras altas de Escocia, establecéronse un total de 38 arboretos -plantacións con fins científicos- nos que se puxeron as mesmas especies co obxectivo de monitorear a súa evolución en climas diferentes, cunha gran variación de temperaturas e precipitacións medias.

En Galicia, participa nos ensaios o Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF), que puxo en marcha tres dos arboretos na comunidade. Un está no propio recinto de Lourizán, en Pontevedra, outro nun monte veciñal de Porto do Son e o terceiro está no concello da Pobra do Brollón, na Veiga (Lugo), nunha zona de clima mediterráneo caracterizada por menores precipitacións, maior seca estival e temperaturas invernais máis frías.

Do piñeiro (‘Pinus pinaster’) estanse avaliando en Galicia árbores de sete procedencias distintas

Proxecto
O proxecto iniciou o traballo de campo no 2012, coa plantación simultánea dos arboretos en toda Europa. Durante 15 anos, os investigadores tomarán datos das árbores para valorar cuestións como a saúde das especies (pragas, enfermidades, mortandade), o seu potencial produtivo (altura, diámetro, forma) ou o seu comportamento fenolóxico (datas de brotación, floración, caída de follas, etc.). De xeito paralelo, rexístranse os datos meteorolóxicos a partir de estacións próximas ós arboretos, de cara a correlacionar a evolución das árbores coas características climáticas do lugar.

Arboreto de Lourizán
A coordinación das tres parcelas de ensaio ubicadas en Galicia corre a cargo do xefe do Departamento de Ecosistemas Forestais do CIF de Lourizán, Francisco Javier Silva Pando. “En cada arboreto plantáronse 37 especies, 20 coníferas e 17 frondosas, e en cada árbore utilizáronse sementes de alomenos tres orixes distintas” –explica María José Rozados, investigadora do CIF-. “En especies que pensamos que poden ser interesantes, como por exemplo Pinus pinaster, seleccionamos ata 7 procedencias”.

A distinta orixe de plantas da mesma especie determina a caída das follas en intres diferentes.

A distinta orixe de plantas da mesma especie determina a caída das follas en intres diferentes.

O comportamento das diferentes orixes xa se pode observar no arboreto de Lourizán, pois a caída das follas e a floración rexístranse en momentos distintos en función da procedencia da planta. Nos piñeiros (Pinus pinaster), mesmo a forma é diferente. Por exemplo, os orixinarios de Marrocos –unha das 7 procedencias escollidas- presentan gran variedade de guías, un fenómeno que os investigadores atribúen ás maiores xeadas do norte de África, que obrigan ás plantas a xerar máis alternativas de futuro en previsión dos danos do frío.

Visitas ó arboreto
As conclusións dos ensaios chegarán en torno ó 2027, logo dun período no que se espera que as árbores superen fenómenos extremos como tormentas e secas, pero xa agora as persoas interesadas poden solicitar unha visita guiada ós arboretos, nos que a simple vista se poden apreciar efectos obvios de crecemento e mortandade.

‘Pinus taeda’, que presenta maior resistencia ó nematodo do piñeiro, semella adaptarse ben ó clima galego

No arboreto de Lourizán, o crecemento dos primeiros anos permite distinguir xa algúns árbores que semellan prometedores, como poden ser Pinus taeda ou Pinus elliottii, ambos orixinarios do sureste norteamericano. Pinus taeda ten ademais a particularidade de presentar resistencias ó nematodo do piñeiro, unha circunstancia que o fai de interese en Galicia. En canto a Pinus elliottii, a parte do aproveitamento madeireiro, destaca por ser unha especie de sinxela resinación.

'Pinus elliottii', no arboreto de Lourizán.

‘Pinus elliottii’, no arboreto de Lourizán.

En frondosas tamén se pode apreciar un bo desenvolvemento de especies como o bidueiro centroeuropeo (Betula pendula). Outras árbores, coma o algarrobo, en cambio, pode concluirse xa que non se adaptaron ó clima galego.

Protocolo
O protocolo do arboreto, que en Lourizán ocupa dúas hectáreas, estableceu a plantación das árbores nun marco de 3,5 x 2,5 metros. De cada especie plantáronse 15 árbores (o mínimo fixado eran 12) e a maiores, de catro especies fíxose unha repetición en tres zonas para evitar que a posible falta de homoxeneidade da parcela alterase os resultados. As especies con repetición son o piñeiro (Pinus pinaster), o carballo (Quercus robur), o bidueiro (Betula pendula) e o cedro (Cedrus atlantica)

Non se fan fertilización nin podas para non alterar o resultado dos ensaios

A plantación de Lourizán está feita en monte nunha parcela na que anteriormente medraran eucaliptos. O protocolo estableceu que non houbera fertilización e tampouco podas, a fin de comprobar características como a dominancia apical ou o crecemento sen introducir un manexo que puidese distorsionar o resultado.

As árbores utilizadas nos ensaios -36 obrigatorias en toda a rede de arboretos e outras opcionais- elixíronse en función de factores como o seu interese comercial, a plasticidade que presentan en diferentes condicións climáticas e a súa idoneidade para o clima actual e futuro. En Lourizán hai plantadas 20 coníferas –10 delas distintas especies de piñeiros- e 17 frondosas -7 delas especies do xénero Quercus-.

Parcelas de demostración
Xunto coa creación da rede de 38 arboretos, o proxecto REINFFORCE tamén estableceu 41 parcelas de demostración para valorar os efectos dunha xestión forestal alternativa ante o escenario do cambio climático. Nas parcelas de demostración, evalúanse prácticas silvícolas que teñen como obxectivos diminuír a competencia por auga ou acadar una densidade axeitada do mato. En Galicia hai seis parcelas de demostración ligadas a masas de frondosas, principalmente carballos e bidueiros.

Pode consultarse neste enlace unha publicación que recolle as características do proxecto Reinfforce e o catálogo dos arboretos e das parcelas de demostración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información