Os permisos de corta enrédanse no ‘bosque administrativo’

As autorizacións para aproveitamentos forestais adoitan retrasarse máis de 6 meses cando son varias as administracións que teñen que dar o seu visto bo, caso de Patrimonio ou das Confederacións Hidrográficas. O sector agarda unha simplificación do proceso

Os permisos de corta enrédanse no ‘bosque administrativo’

O sector pide unha axilización dos trámites e maior coordinación entre administracións.

Os problemas que vén arrastrando o sector forestal cos permisos de corta continúan enquistados. As diferentes Administracións con competencias sobre os montes xeran un enredo burocrático que semella complicado de resolver. Cando os traballos se teñen que facer en parcelas sobre as que hai servidumes de distintos organismos, como poden ser Patrimonio ou as Confederacións Hidrográficas, as autorizacións adoitan retrasarse máis de 6 meses, con casos dun ano de espera.

Os propietarios forestais e os empresarios que se adican á corta da madeira avogan por unha simplificación do proceso e por unha maior coordinación entre as Administracións, pois a actual situación dificulta a execución dos aproveitamentos. A propia Consellería do Medio Rural anunciara no Parlamento no outono do 2015 a súa intención de avanzar en tal sentido, pero polo de agora as melloras foron escasas.

“Coa Lei de Montes, a idea era que se avanzase cara un permiso único de corta, pero está a ser complicado” (Isabel Puentes, Fearmaga)

“Coa Lei de Montes de Galicia do 2012, a idea era que se fose avanzando cara un permiso único de corta, de xeito que fose suficiente con facer unha solicitude a Medio Rural, ocupándose a Consellería de recabar informes doutros organismos con competencias sobre a parcela en cuestión, pero na práctica non está a ser posible na maioría dos casos. Si funciona con organismos como Augas de Galicia, pero non con Patrimonio, Estradas ou coa Confederación Hidrográfica, por exemplo”, explica Isabel Puentes, técnica de Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia).

Desde Fearmaga, non obstante, avogan por manter unha postura constructiva sobre o problema e recoñecen algúns avances que houbo nos últimos meses, como a mellora do proceso de solicitude electrónica de cortas.

Coordinación e criterios comúns
A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que agrupa a propietarios particulares e comunidades de montes, coincide na análise do problema. “En zonas de afección de Patrimonio ou de servidume da Confederación Hidrográfica, podemos falar de tempos medios de espera polo permiso de 6-8 meses”, sinala Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira da AFG.

“Os tempos medios de espera no caso de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica rondan os 6-8 meses” (Xosé Covelo, AFG)

Se sobre a parcela non pesan servidumes doutros organismos distintos á administración forestal, a autorización de Medio Rural adoita chegar en 15 días, pero nos máis de 100.000 permisos de corta que se tramitan cada ano na comunidade hai unha boa parte que teñen que lidiar con varias Administracións.

O problema non é só de tempos, senón tamén de coordinación entre Administracións e de manter uns criterios comúns. Un exemplo: “En zonas de servidume de augas, nos terreos que están a menos de 5 metros do cauce fluvial, as administracións competentes para resolver os permisos son Augas de Galicia ou a Confederación Hidrográfica correspondente. Sen embargo, é común que desde a Confederación Hidrográfica lle pidan ó solicitante o permiso da administración forestal, que non é competente para conceder autorización de corta sobre esas árbores”, explica Isabel Puentes, de Fearmaga.

Piñeiros rachados polo temporal. / Imaxe: Comunidade de Montes do Rosal.

Piñeiros rachados polo temporal. / Imaxe: Comunidade de Montes do Rosal.

Saca das árbores caídas polo temporal

O impacto do último temporal sobre os montes foi escaso, segundo a percepción de diferentes asociacións de propietarios, se ben a necesidade de sacar o antes posible as árbores caídas pon de manifesto algúns dos problemas que ocasionan os retrasos dos permisos de corta no día a día.

A retirada da madeira caída nos temporais pon de manifesto a necesidade de axilizar os permisos de corta

“Trátase dunha madeira que convén sacar en tempo para evitar que se deprecie ou que cause problemas de sanidade vexetal no monte”, explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. Se esa madeira caída é de piñeiro e está en zona de afección do nematodo, caso que se dá nunha parte do sur de Pontevedra, chega cunha comunicación de emerxencia para poder retirala en apenas 24 horas. Co resto da madeira, o proceso pode resolverse en 15 días se só intervén Medio Rural, pero se hai máis Administracións implicadas, a cousa pode ir para longo.

Danos
Os danos provocados polo temporal, non obstante, foron limitados. De xeito puntual, en montes concretos afectados por fortes refachos, houbo impactos altos, pero non foi a tónica xeral. “En comunidades de montes de arredor de 200 hectáreas, podemos estar falando de que teñan que sacar 50 ou 100 toneladas de madeira, entre 2 e 4 camións”, valora Xosé Covelo a partir de datos do sur de Pontevedra.

Desde a Asociación Forestal de Galicia non esperan que esa madeira teña impacto no mercado, como si tivo e está a ter a madeira procedente dos montes queimados o pasado verán. “O mercado do piñeiro continúa bastante parado pola madeira afectada polos lumes. Agardamos que na primavera se vaia reactivando”, valora Covelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información