O piñeiro araucano de Soutomaior, candidato a árbore europea do ano

A Deputación de Pontevedra presentou a candidatura desta árbore singular, que compite con outros dez exemplares singulares de España para entrar na fase final do certame

Publicidade
Piñeiro araucano de Soutomaior.

Piñeiro araucano de Soutomaior.

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), está a dar un último pulo á candidatura do piñeiro araucano dos xardíns do Castelo de Soutomaior para que sexa declarado ‘Árbore Europea do 2019’. Esta peza, segundo lembra a deputada Eva Vilaverde, é a única árbore galega que opta a pasar á fase europea do concurso entre as dez candidatas do estado español e precisa do voto cidadán, que se pode realizar na web do certame.

A campaña a favor do piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior rematará o venres 23 e leva activa dende o pasado mes de outubro. Segundo manifestou a deputada Eva Vilaverde, a intención da Deputación con esta candidatura é acadar o mellor posto posible na clasificación, mais subliñou que o obxectivo último “é dar a coñecer toda a riqueza natural da provincia”.

Hai diversos motivos polos que Areeiro escolleu o piñeiro araucano como peza botánica singular, tanto dende o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do Castelo de Soutomaior. A Araucaria araucana ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura –é das máis altas de España-, e ten 2,67 metros de perímetro basal, o que a sitúa entre as de maior envergadura de Europa.

A importancia desta árbore é tal que existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia (as primeiras datan de 1879, no diario político ‘La época’); tamén está referenciada no libro ‘Árboles chilenos del mundo’ escrito por Rodrigo Fernández Cargo; e está incluída na web monumentaltrees.com, onde se recollen as pezas botánicas máis salientables do planeta.

Os competidores do piñeiro araucano pontevedrés están fundamentalmente na franxa mediterránea: piñeiro laricio de La Yesa (Valencia), pinsapo de Grazalema (Cádiz), algarrobo de Foia Brell (Alicante), piñeiro da Virxe (La Palma), olmo de Navallas (Castellón), amendoeiro Real (Badaxoz), olivo Milenario ‘La Farga del Arión’ (Tarragona), palmeira imperial (Elche) e piñeiro de Roble de Peñascosa (Albacete).

Esta é a segunda ocasión na que unha árbore galega é presentada ó certame de Árbore Europea do Ano, pois no 2016 optara a entrar na fase final unha metasequoia de Lourizán.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información