Unha metasecuoia de Lourizán, candidata a ‘Árbore europea do 2016’

A especie identificouse no 1941 en material fósil, pero considerábase desaparecida ata que se descubriu un exemplar vivo na China no 1943. A árbore de Pontevedra plantouse no 1951 a partir de sementes chinesas.

Unha metasecuoia de Lourizán, candidata a ‘Árbore europea do 2016’

Metasecuia do Pazo de Lourizán.

O arboreto do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, alberga unha especie que se pode catalogar como fósil vivinte, a metasecuoia (Metasequoia glyptostroboides H.H.Hu & Cheng), que se identificou por primeira vez no 1941 en restos fósiles e que se cría desaparecida ata que no 1943 se redescubriu un exemplar vivo na China. En Lourizán plantouse no 1951 a partir das primeiras recoleccións de sementes da árbore chinesa. A metasecuoia pontevedresa é agora candidata a ‘Árbore europea do 2016’.

O certame da ‘Árbore europea do 2016’ está promovido por varias asociacións ambientalistas. A idea do galardón é que cada ano, a través de votación popular, se seleccione unha árbore por país que logo pasa a unha final europea. O obxectivo non é tanto premiar ó exemplar máis singular como medir e promover o aprecio da cidadanía por estas especies. No 2015 resultou galardonado un carballo que está situado nun campo de fútbol de Estonia.

O galardón busca medir e promover o aprecio da cidadanía por especies singulares ou de especial simbolismo

A edición 2016 do certame está agora mesmo na fase de votar ós exemplares máis singulares de cada país. A asociación Bosques sin Fronteras, que xestiona en España o proceso, seleccionou a metasecuioa de Lourizán como finalista española xunto con outras seis árbores, que están agora sometidas a votación popular. De entre elas sairá a candidata española a ‘Árbore europea do 2016’.

A metasecuioia de Lourizán trata de facer valer no certame un fito no mundo da botánica, como é a ‘volta á vida’ dunha especie que se cría desaparecida, coa particularidade de que tal situación se produciu en plena Segunda Guerra Mundial, cando un grupo de botánicos identificou a árbore, garantiu a súa conservación e mesmo foi capaz de distribuir as súas sementes por todo o mundo a pesar da coxuntura histórica.

A metasecuioia pontevedresa é o exemplar da súa especie de maior idade e mellor conservado de Europa

A Lourizán, a metasecuoia chegou a través do botánico español Luis Ceballo y Fernández de Córdoba, que lle entregou 11 sementes a Fernando Molina, creador no 1947 do Centro de Investigación Forestal. Desas sementes de a penas uns milímetros só naceu unha, que se plantou no 1951 e que se convertería no exemplar da especie de máis idade e mellor conservado de Europa. En España só hai outra metasecuoia, en Cantabria, propiedade da familia Botín, pero é posterior e queda lonxe dos 35 metros da árbore de Lourizán.

Votación popular
O procedemento de votación, que se mantén aberto ata o 30 de outubro, é a través das redes sociais. Hai que entrar no facebook de Bosques sin Fronteras, en concreto no apartado de Fotos, onde se poden ver sete imaxes das candidatas en España, e darlle ó botón ‘Gústame’ na árbore que se queira votar. Polo de agora, na votación española marchan destacados un olmo da praza maior de Guadarrama e un piñeiro – carballo ubicado en Canicosa (Burgos). Este último exemplar trátase dun piñeiro que naceu sobre un carballo xa hai máis de cen anos, manténdose desde entón ambos exemplares vivos nun singular caso de ‘árbores siameses’. A metasecuoia de Lourizán precisará dun importante apoio popular para colarse na final europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información