Medio Rural prepara a regulación das plantacións de eucalipto

O borrador do decreto sobre a especie, presentado fai un ano, continúa sen iniciar a súa tramitación, pero a Xunta avanza medidas na lei de acompañamento dos orzamentos de 2016, que se aprobará a comezos de ano no Parlamento

Publicidade
Medio Rural prepara a regulación das plantacións de eucalipto

Medio Rural proxecta limitar a expansión do eucalipto.

A Xunta prepara restriccións á plantación do eucalipto. Fai un ano, a Administración entregoulle ó sector un borrador de decreto para regular a forestación coa especie. Desde entón ata agora, Medio rural non moveu ficha, se ben na lei de acompañamento dos orzamentos, que se aprobará a comezos de ano no Parlamento, avánzanse medidas que semellan preparar o terreo para a publicación do decreto sobre o eucalipto.

A Administración modificará a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) para indicar explicitamente que un decreto posterior á Lei de Montes poderá regular as plantacións das especies non recollidas nos modelos silvícolas vixentes para cada Distrito Forestal.

A Administración modificará a Lei de Montes para darlle respaldo legal ó decreto sobre o eucalipto

Esta medida achegaría respaldo legal a algunhas das disposicións que se atopan no borrador de decreto sobre o eucalipto, pois, entre outras cuestións, Medio Rural proxecta limitar a expansión do eucalipto nitens a territorios nos que ata agora tiña pouca presenza, como as montañas orientais, a Ribeira Sacra, o interior de Lugo ou toda a provincia de Ourense.

En xuño deste ano, Medio Rural anunciou a súa intención de someter o decreto a exposición pública, a fin de lograr o máximo consenso, pero polo de agora ese trámite non se iniciou.

Convén lembrar tamén que a plantación de eucalipto xa estaba prohibida en terreos agrarios e en masas de frondosas.

Biomasa e cultivos enerxéticos

A posibilidade de producir en Galicia enerxía eléctrica a través de centrais de biomasa compórtase como o Guadiana. Aparece, desaparece e volve aparecer cada poucos anos. Hai unha década, a Xunta aprobou unha decena de proxectos de carácter comarcal, orientados á posta en marcha de pequenas centrais que se nutrirían da biomasa residual dos aproveitamentos forestais. Daqueles proxectos ningún se chegou a poñer en marcha.

A recente adxudicación por parte do Goberno central de 90 megawatios en centrais de biomasa a Ence e a García Forestal, con senllos proxectos en Lourizán (Pontevedra) e Curtis (A Coruña), reaviva a opción. A Xunta está a adaptar a súa normativa para permitir estes proxectos, que precisarían cada un de arredor de medio millón de toneladas de madeira ao ano.

A Administración levantará o tope de 10 megawatios por central que estipulaba a normativa autonómica, de xeito que se poidan instalar as dúas centrais previstas de 40 e 50 megawatios. A Lei de Montes prevé tamén a posibilidade de publicar un decreto para regular os cultivos enerxéticos (eucaliptos, chopos, pawlonia, etc.) en superficie forestal.

Fe de erros: Esta información foi reelaborada o 13-12 por erros na información orixinal.

image_print

Una idea sobre “Medio Rural prepara a regulación das plantacións de eucalipto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información