Medio Rural ultima un decreto para limitar as plantacións de eucalipto

A Consellería prohibirá ademais reforestacións con acacia ou falsa acacia (robinia) e creará un rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas para impulsar a súa xestión

Medio Rural ultima un decreto para limitar as plantacións de eucalipto

A Xunta regulará o eucalipto atendendo ás demandas da cadea monte-industria.

A expansión do eucalipto en Galicia, sobre todo do eucalipto nitens, de escaso interese para a industria do papel e da madeira, preocúpalle ó sector forestal e tamén á Administración autonómica. A Consellería do Medio Rural ultima un decreto para regular as novas plantacións de eucalipto, de xeito que se limite a súa multiplicación. A normativa prohibirá ademais as plantacións de acacia e da falsa acacia (robinia pseudoacacia) polo seu carácter invasivo. O terceiro punto de interese do decreto radica na creación dun rexistro de masas autóctonas consolidadas co obxectivo de impulsar a súa xestión forestal.

O eucalipto ocupa en Galicia, segundo o último inventario forestal (2009), case 290.000 hectáreas de masas puras e outras 125.000 en mestura co piñeiro do país e 20.000 con carballos. Son máis das 245.000 hectáreas previstas para a produción de eucalipto no Plan Forestal de Galicia en vigor, polo que Medio Rural entende que é convinte regular a súa expansión.

As limitacións ó eucalipto plasmaranse a través dos plans de ordenación de recursos forestais, de carácter comarcal

Plans de ordenación de recursos
As limitacións ó eucalipto decidiranse a través dos plans de ordenación de recursos forestais que a Xunta prevé elaborar a nivel de distrito forestal. Será entón cando se regulen as zonas prioritarias para cada especie e se establezan prohibicións. Estes plans de ordenación, de carácter comarcal, elaboraranse previsiblemente tras a posta en marcha do novo Plan Forestal de Galicia, que en principio sairá adiante no primeiro semestre do 2016.

Entre tanto non se fan os plans de ordenación de recursos forestais, a Consellería podería optar por publicar unha orde, ligada ós modelos silvícolas, que determine en que ámbitos xeográficos se permiten as reforestacións e novas plantacións de eucalipto.

Criterios
Os criterios que se seguirán para a regulación do eucalipto son aínda unha incógnita, se ben, nunhas recentes xornadas do sector forestal celebradas en Santiago, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, deixou algunhas pistas. Couto amosouse contrario á plantación do eucalipto globulus por riba dos 400 metros ou en terreos secos, pois son zonas pouco propicias para a especie, onde se desenvolve con dificultade e onde ademais é presa fácil da plaga do gorgullo.

A Xunta posiciónase contra a “transformación indiscriminada” de piñeirais en plantacións de eucalipto nitens

En canto ó eucalipto nitens, que si se dá ben en altitude, o director xeral amosouse en contra da “transformación indiscriminada” de piñeirais en plantacións de nitens. “O que hai que facer é xestionar ben os piñeirais, con boa silvicultura e con mellora xenética. É certo que coa crise da construcción baixou o mercado da madeira de piñeiro, pero hai que pensar que as cortas das novas plantacións faranse a medio prazo” –valorou-. “O importante é cultivar o monte, facer boa silvicultura e obter boa madeira, non agardar a ver o que sae”, concluiu.

Outra cuestión que podería abordar a Administración é o papel do eucalipto nitens en zonas situadas a menos de 400 metros de altitude. A plaga do gorgullo, que afecta en maior medida ó eucalipto globulus, levou ós propietarios a sustituir en ocasións as plantacións de globulus por nitens para reducir o problema. Calcúlase que os danos do gorgullo sobre o eucalipto globulus reducen cada ano en Galicia a produción de madeira en 800.000 toneladas. A plaga é un factor a ter en conta nas novas plantacións, se ben o sector tamén incide en que a demanda da industria do papel céntrase no globulus, clave para a competitividade da cadea do eucalipto en Galicia.

A sustitución do eucalipto globulus polo nitens é outra cuestión que previsiblemente limitará a Administración

Masas mixtas de frondosas
As plantacións de eucaliptos xa están prohibidas actualmente en masas de frondosas (Lei de Montes de Galicia 7/2012) e en zonas de Rede Natura. O novo decreto restrinxirá a súa plantación ademais cando o eucalipto se atope en masas mixtas de frondosas nunha porcentaxe por debaixo do 30%. Entón nin se poderá plantar nin se permitirán rebrotes de cepas cortadas.

Cando o eucalipto se atope por debaixo do 30% en masas mixtas de frondosas, non se poderá plantar

Cómpre lembrar tamén que o eucalipto está xa vetado sobre superficie agraria.

Acacia e Robinia
A preservación das masas de frondosas autóctonas leva tamén á Xunta á prohibición das plantacións de acacias e de falsas acacias (robinia pseudoacacia), dúas especies de frondosas foráneas de carácter invasor que comezan a ter unha presenza importante. No caso da acacia, supera xa as 1.780 hectáreas, concentradas principalmente no distrito forestal Ribeiro – Arenteiro.

A restricción da acacia e da falsa acacia é completa para terreos forestais e agrícolas, pois non se poderán plantar nin tan sequera pés illados.

Masas consolidadas de frondosas autóctonas
Por último, a Administración porá en marcha un rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas (castiñeiro, bidueiros, carballo, cerquiño, etc.). Coa creación do rexistro, preténdese incentivar a xestión forestal sustentable das masas de frondosas, en expansión na comunidade segundo o último inventario forestal, pero cun escaso manexo por parte dos seus titulares. Os propietarios que voluntariamente inscriban as súas masas no rexistro terán prioridade no acceso a axudas públicas para a súa xestión, aproveitamento e conservación.

Os propietarios que rexistren as súas masas de frondosas terán prioridade no acceso a axudas públicas para a súa xestión

Medio Rural considerará masas consolidadas de frondosas autóctonas aquelas que superen as 15 hectáreas en couto redondo, cunha idade media superior ós 20 anos e que non sexan resultado dunha plantación forestal. No caso das masas de varios propietarios, a Administración incentivará a súa xestión conxunta a través de documentos compartidos, unha figura de ordenación regulada na Orde do 19 de maio do 2014.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información