“En seis anos, a loita biolóxica pode resolver o problema da avespiña do castiñeiro”

O investigador italiano Alberto Alma, especialista no combate da praga no país transalpino, traslada unha mensaxe optimista para os soutos galegos. “A solta de ‘Torymus é efectiva, pero hai que esperar un tempo para ve-los resultados”, subliña

Publicidade
“En seis anos, a loita biolóxica pode resolver o problema da avespiña do castiñeiro”

Alberto Alma, investigador da Universidade de Turín especializado na avespiña do castiñeiro.

En Italia, a avespiña do castiñeiro chegou a causar perdas na produción de castaña de arredor dun 80% da colleita. A praga deixou os soutos italianos moi debilitados a comezos do século XXI, pero na actualidade a recuperación chegou ata tal punto que desde o 2016 xa non se fan soltas en Italia de ‘Torymus sinensis’, o insecto encargado de combatir a praga. Este é o escenario que describe Alberto Alma, un investigador italiano especializado na loita contra a avespiña e que participou hoxe nunha xornada sobre a praga organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

“A solta de ‘Torymus sinensis’ é moi efectiva. A cuestión é que hai que darlle tempo” -expuxo Alma en Lourizán.- “En 6-8 anos desde as primeiras soltas, os ‘Torymus’ van resolver o problema”, pronosticou en base á experiencia italiana. O investigador da Universidade de Turín puxo como exemplo a imaxe dun souto case sen follas, infestado por completo por bugallas da avespiña no 2005, e o mesmo souto totalmente recuperado no 2012 tralas soltas de ‘Torymus’.

A praga da avespiña do castiñeiro caracterízase pola súa expansión meteórica, pois cada avespiña pon arredor de 150 ovos por tempada. O seu inimigo natural, o ‘Torymus sinensis’, ten un arranque máis lento, pois leva un tempo consolidar poboacións naturais no monte a partir das soltas, pero unha vez que se logra o establecemento das primeiras poboacións, o seu desenvolvemento é “imparable”, en palabras de Alberto Alma.

En Galicia, onde o primeiro ano de soltas masivas pode considerarse o 2018, con arredor de 700.000 ‘Torymus’ liberados, o traballo dos parásitos en monte está na súa fase inicial. Este ano, nunha prospección de campo que consistiu na recolección de entre 5 e 10 bugallas en 4.400 puntos de solta do ano pasado, conseguíronse recuperar ‘Torymus’ en 53 puntos, cun total de 146 individuos.

A taxa de parasitismo dos ‘Torymus’ liberados no 2018 foi dun 3%, con menos dun 10% dos puntos de solta con parasitoides confirmados

Hai, por tanto, menos dun 10% dos puntos de solta que se mostrearon con ‘Torymus’ confirmados e un grao de parasitismo dun 3,09%, segundo os datos expostos hoxe en Lourizán por Martel Muñoz-Cobos, do departamento de Saúde e Vitalidade Forestal de Medio Rural, pero para Alberto Alma a cifra de parasitismo dun 3% é esperanzadora. “A partir dese 3%, o crecemento será exponencial e incontrolable. Pasará o mesmo que cando se tira unha pedra a un estanque. Os ‘Torymus’ iranse expandindo en ondas concéntricas e chegarán a toda Galicia”, pronosticou.

En Italia, na actualidade o grao de parasitismo das bugallas da avespiña oscila entre o 70 e o 90%, sen que nos últimos anos se tivesen que facer soltas de ‘Torymus’, que xa ten consolidadas as súas poboacións no país transalpino.

Tres recomendacións prácticas para os soutos con soltas de ‘Torymus’

Para aqueles soutos nos que se estean facendo soltas de ‘Torymus’, Alberto Alma detallou algúns consellos prácticos a ter en conta polos propietarios, a fin de facilitar o asentamento dos insectos.

1) Os ‘Torymus’ pasan o outono e inverno nas bugallas aparecidas na última primavera, polo que hai que evitar destruír esas bugallas. Débense evitar as podas que eliminen as bugallas verdes, aínda que si se poderían eliminar pólas con bugallas secas de anos anteriores.

2) Os adultos de ‘Torymus’ aliméntanse do pole e néctar das flores, polo que é boa idea manter zonas con flores nos prados que rodeen ós soutos e no entorno das árbores. “As flores son fundamentais para os ‘Torymus’ e para outros insectos, pero a avespiña do castiñeiro non se alimenta delas”, explicou.

3) O abonado orgánico dos soutos que estean moi afectados pola praga é un xeito de revigorizar ás árbores, evitando que se debiliten máis. “Normalmente as árbores non morren só coa praga da avespiña, pero se hai unha presenza doutras enfermidades, como o chancro, si poden morrer”, advertiu.

O escenario en Galicia apunta á necesidade de soltas importantes de ‘Torymus sinensis’ alomenos durante un ou dous anos máis. Para o 2020 a Xunta repetirá o volume de soltas do 2019, con 1,6 millóns de ‘Torymus’, e introdúcese a novidade de que en teoría, calquera propietario forestal poderá mercar ‘Torymus’ no mercado para soltalos nos seus soutos, se ben na práctica, as catro empresas xa autorizadas polo Ministerio para producir ‘Torymus’ en España non terán capacidade de comercializalos ata dentro duns anos. Queda sobre a mesa a posibilidade de importacións doutros países.

A xanela das soltas é moi pequena, pois en canto a bugalla se endurece, o ‘Torymus’ non pode penetrala

Unha cuestión a ter moi en conta nas soltas é o intre das mesmas, pois o periodo de tempo durante o que o ‘Torymus’ pode penetrar nas bugallas da avespiña é moi pequeno. Pasado ese tempo, a bugalla endurécese e o insecto parasitoide xa non poderá facer o seu traballo.

As soltas en Galicia, que se están acometendo a través de Seaga, fanse nun periodo de dous meses, desde finais de marzo, nas zonas costeiras, ata finais de maio, cando remata a brotación nos soutos de montaña. O proceso de solta é dobremente complexo, pois non só hai que ter en conta as diferencias climáticas entre comarcas, senón tamén as diferencias entre variedades de castiñeiros de cedo e de tarde.

Os produtores presentes nas xornadas reclamaron unha maior interlocución da Administración cos propietarios para coordinar as soltas, a fin de lograr afinar o momento da solta, así coma maior información nas zonas de produción de castaña. Por parte da Administración, púxose un correo electrónico a disposición dos propietarios para trasladar suxerencias e incidencias: sanidadeforestal.cmrm (arroba) xunta.gal.

As variedades de froito máis resistentes á avespiña confirman o seu bo comportamento

Xunto coa loita biolóxica, a outra vía para enfrontar a avespiña do castiñeiro pasa polo emprego de variedades de castiñeiro resistentes á praga en novas plantacións. O Centro de Investigación de Lourizán ten identificados unha serie de clons híbridos que presentan unha resistencia total á praga e que poden ser utilizados como portaenxertos. Entre as variedades tradicionais de froito, non hai ningunha que quede libre de bugallas, pero os traballos do Centro en campo e en insectario permitiron confirmar que hai variedades que presentan unha moi baixa infestación.

As variedades Rapada, Branca e Longal son as que menor impacto presentan da avespiña do castiñeiro

Entre as variedades de froito con mellor comportamento, destacan a Rapada, a Branca e a Longal. En menor medida, tamén a Amarela, a Negral e a Parada de Sil. No outro extremo, as variedades con maior afección foron a De Parede, a De Presa, a Ventura e a Famosa.

As conclusións das infestacións controladas e de campo observadas no 2019 permiten confirmar boa parte dos datos publicados por Lourizán no 2018, que se poden revisar nesta información. “Entre as variedades máis sensibles e menos sensibles á praga non hai a penas cambios, pois confirmáronse os datos. Entre as variedades intermedias, hai pequenos cambios no ranking, pois algunhas este ano amósaronse algo máis sensibles ou menos á praga”, explica a investigadora Beatriz Míguez.

Lourizán publicará en breve novas táboas dos resultados obtidos sobre o comportamento de variedades e clons híbridos. Este ano, en lugar de catro niveis, as variedades clasificaranse en tres niveis de tolerancia, pois comprobouse que entre os dous intermedios prodúcense intercambios de ranking en distintos anos.

De cara ó futuro, o traballo do Centro de Investigación oriéntase a obter portaenxertos que sexan resistentes á avespiña e adaptados ó medio das zonas galegas produtoras de castaña. En canto ás variedades de froito, a investigadora Beatriz Míguez chama tamén a non desbotar as que se están amosando como máis sensibles á praga. “Son variedades adaptadas ó clima de cada zona, polo que son interesantes a pesar da praga, pois é previsible que a avespiña se poida controlar nuns anos coa loita biolóxica”, subliña.

Mesa redonda con representantes das comarcas produtoras, IXP Castaña de Galicia e Medio Rural.

Mesa redonda con representantes das comarcas produtoras, IXP Castaña de Galicia e Medio Rural.

Informar e implicar á poboación, unha materia pendente

A xornada celebrada en Lourizán concluíu cunha mesa redonda na que participaron tres representantes de distintas comarcas de castaña de Galicia, Román Sanchez, da cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), que confirmou a alta sensibilidade da variedade De Parede á praga nos Ancares lucenses; Óscar Freire, da cooperativa Amarelante (Manzaneda, Ourense); e José Manuel Guerra, técnico da Asociación A Castaña (A Gudiña, Ourense). Xunto a eles interviu tamén un representante da IXP Castaña de Galicia, e Martel Muñoz-Cobos, de Medio Rural.

Unha cuestión que se deixou patente desde o sector produtor é a necesidade de informar e implicar ós propietarios dos soutos sobre a loita contra a avespiña do castiñeiro. “Hai que involucrar á poboación, explicar que soltas se están facendo e que se pode facer e que non nos soutos onde hai ‘Torymus’ liberados”, sinalou Óscar Freire, que lamentou que arredor do 70% dos castiñeiros de Manzaneda estean abandonados, tendo en conta o seu potencial de xeración de rendas.

Por parte de José Manuel Guerra, de A Castaña, tamén se puxo de manifesto a importancia de que se conte cos propietarios a nivel local para coordinar e colaborar nas soltas, pois son os propietarios os que mellor coñecen cando abren as distintas variedades en cada zona.

Desde Medio Rural, reiterouse que están dispostos a manter unha vía de comunicación cos propietarios, se ben tamén se plantexou a dificultade de quedar cos veciños para facer as soltas, dada a premura coa que hai que acometelas a nivel de toda Galicia. “Este ano tivemos semanas de máis de 300.000 Torymus liberados, a razón de 155 exemplares por punto de solta”, explicou Martel Muñoz-Cobos.

Portaenxertos adaptados á montaña
Outro asunto que se abordou na xornada é o das dificultades de adaptación que presentan os portaenxertos híbridos en zonas de media montaña ou montaña de Ourense e Lugo. A ese respecto, Josefa Fernández, responsable do programa de mellora xenética do castiñeiro en Lourizán, destacou que se está a traballar en portaenxertos compatibles coas variedades tradicionais e adaptados ás condicións climáticas da montaña galega. Josefa incidiu ademais en que nun futuro, dado o aumento de temperaturas que se está a dar, haberá zonas actualmente libres de tinta que probablemente se vexan afectadas pola enfermidade, polo que os portaenxertos resistentes á tinta aumentan o seu interese.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información