Identificados os castiñeiros máis tolerantes á praga da avespiña

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán determina cales son os clons híbridos e as variedades tradicionais de froito que presentan menor infestación, o que servirá de orientación para novas plantacións

Publicidade
Identificados os castiñeiros máis tolerantes á praga da avespiña

Ensaios en Lourizán con infestacións controladas de avespiña do castiñeiro.

Que castiñeiros resisten mellor a praga da avespiña? O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán vén de publicar os resultados dos traballos que desenvolve desde o 2015 para identificar os clons híbridos e as variedades tradicionais de froito máis tolerantes á avespiña do castiñeiro (‘Dryocosmus kuriphilus’). As conclusións de Lourizán, que se seguirán afinando en próximos anos, permiten xa orientar novas plantacións, así coma a selección de materiais forestais de reprodución nos viveiros. O traballo foi elaborado por Beatriz Míguez, Enrique Martínez e Josefa Fernández.

A avespiña do castiñeiro, unha praga que se detectou por primeira vez en Galicia no 2014, xa está extendida por toda a comunidade e causando serios danos nalgunhas das principais zonas produtoras de castaña. Para combatila, estase a empregar a loita biolóxica mediante a solta dun insecto parasitoide, o ‘Torymus sinensis’, pero o sector ten claro que a partir de agora terá que convivir coa praga.

Metodoloxía
Así as cousas, a investigación de Lourizán preséntase como fundamental á hora de valorar novas plantacións de castiñeiro. O Centro instalou no 2015 un insectario para someter ós castiñeiros a un elevado grao de ataque da avespiña, a fin de determinar o grao de infestación tanto nos clons híbridos, que se estudan desde o 2015, como nas variedades tradicionais de froito, coas que se comezou a experimentar o pasado ano.

Os traballos no Centro complementáronse esta última primavera con avaliacións de campo en dúas parcelas, unha en Sergude (Boqueixón), na que hai instaladas máis de 40 variedades tradicionais de castiñeiro, e outra en Lourizán, que ten unha plantación de clons híbridos. En ambas parcelas os niveis de infestación da praga foron altos, cunha media do 54%, o que permitiu chegar a conclusións relevantes sobre o grado de afectación de cada variedade ou clon híbrido, así coma valorar cuestións coma a porcentaxe de brotes con bugallas ou o seu tamaño.

Tolerancias en clons híbridos

Os ensaios de Lourizán amosan que existen clons híbridos resistentes ós ataques da avespiña do castiñeiro, é dicir, ningunha das réplicas sometidas á infestación controlada da praga amosou síntomas. Algúns dos clons resistentes son moi empregados en plantacións, coma os clons 90044, 125 e 392, que son tamén clons ben valorados como portaenxertos pola súa compatibilidade ao enxerto e resistencia á tinta. No entanto, outros clons tamén coñecidos polo sector e ben valorados como portaenxertos, como o 2671, 1483, 7810, 7521 ou 111 mostran unha considerable sensibilidade ao ataque da avespa

Na avaliación realizada en campo constatouse que os clons que mostraron resistencias en condicións controladas fixérono igualmente na parcela examinada, en tanto que os clons con maior infestación en laboratorio tamén presentaron maior afección en campo.

Tolerancia á avespiña en clons híbridos.

Tolerancia á avespiña en clons híbridos.

Tolerancias nas variedades tradicionais de froito

Todas as variedades tradicionais produtoras de castaña avaliadas en condicións controladas no CIF-Lourizán e en campo na parcela de Sergude mostraron sensibilidade ao ataque da avespa do castiñeiro. Sen embargo, detectáronse diferenzas significativas entre elas, tanto no nivel de infestación das árbores coma no número de bugallas por brote ou na posición e tamaño das bugallas. Nas conclusións do seu estudo, Lourizán valorou prioritariamente os resultados da parcela de Sergude, pois presentou un maior grao de infestación e un maior número de variedades -un total de 47- e pés sometidos á infestación.

Tendo en conta que os niveis de infestación na parcela de Sergude oscilaron entre un 15 e un 90%, considerouse un nivel de infestación baixo o intervalo entre o 30 e o 45% de afección da árbore, que no caso dos clons híbridos sería considerado un nivel medio.

As 23 variedades do Rexistro de Variedades Comerciais que tanto en condicións controladas coma na parcela de Sergude amosan un maior nivel de tolerancia son ‘Rapada’, ‘Branca’, ‘Negral’, ‘Rapada do Sil’ e ‘Amarela’, aínda que, como se observa na táboa, dentro desta categoría de tolerancia, ‘Rapada’ e ‘Branca’ presentaron os mellores valores nas características avaliadas e ‘Negral’ foi a variedade cunha menor porcentaxe de gromos anulados pola presenza de bugallas. Tamén ‘Longal’ presentou unha tolerancia elevada con respecto ás 47 variedades avaliadas na parcela de Sergude.

As variedades con maior sensibilidade ao ataque da avespa foron ‘Inxerta’, ‘Loura’, ‘Ventura’, ‘Calva’, ‘De Presa’ e ‘De Parede’, resultados que foron tamén congruentes cos niveis de infestación obtidos en condicións controladas.

Resistencias en variedades tradicionais de froito.

Resistencias en variedades tradicionais de froito.

Conclusións
Á vista dos resultados, Lourizán conclúe que a resistencia total á avespa do castiñeiro é frecuente entre os híbridos galegos, xa que dos 30 clons inoculados, unha porcentaxe do 45% mostrou este tipo de resistencia. Polo tanto, a mellora xenética neste campo non parece unha tarefa difícil cando se emprega a hibridación do castiñeiro europeo con xenotipos de castiñeiro xaponés, que presentan resistencias.

Os clons híbridos 125, 392 e 90044, propagados por moitos viveiros galegos, son totalmente resistentes á avespiña e, polo tanto, aconséllase o seu emprego nas áreas nas que non presentan problemas de adaptación, ben como produtores de madeira ou de madeira e castaña no caso dos clons 125 e 90044.

Por outra banda, aínda que a resistencia á avespa non é unha característica tan importante nos portaenxertos, xa que unha vez enxertados a avespa non afecta á planta, non deixa de ser interesante considerar a dita característica para facilitar a saída dos viveiros de plantas libres de infestación para o seu uso en plantacións.

Perspectivas
Para o verán do 2019, espérase unha ampliación dos resultados da investigación de Lourizán. Na próxima campaña, está ademais previsto facer unha avaliación do impacto da avespiña no desenvolvemento e produtividade das diferentes variedades tradicionais e clons híbridos.

Por outra banda, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán continúa a traballar na mellora xenética do castiñeiro, un proxecto no que aspira a obter clons ben adaptados ó interior de Galicia e que sexan resistentes tanto á avespiña do castiñeiro como ás dúas enfermidades tradicionais da especie en Galicia, a tinta e o chancro.

Estes híbridos están orientados principalmente á silvicultura e á obtención de novos portaenxertos, aínda que non se descarta que poida haber algunha selección para froito, xa que unha boa parte dos parentais empregados nos cruzamentos son variedades tradicionais produtoras de castaña.

Máis información
Tolerancia á avespa do castiñeiro en variedades tradicionais de froito e en híbridos interespecíficos (Pdf).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información