Membros-Plataforma-Queremos-Parcelaria-Agolada-

Parcelarias en Agolada: case 20 anos de espera e a piques de enterrar 800.000 euros

A finais deste ano expira o prazo das 8 parcelarias paralizadas noutras tantas parroquias de Agolada o que provocará que se perdan os 800.000 euros investidos ata o momento. O colectivo Queremos Parcelarias leva meses mobilizándose para visibilizar a importancia destes procesos que contan cun amplo apoio veciñal

No concello de Agolada (Pontevedra), levan máis de 17 anos agardando que se rematen as parcelarias iniciadas en 8 parroquias da zona norte do municipio. Agora está a piques de cumprirse o último prazo para activalas, antes de que algúns dos trámites xa realizados caduquen, co que se pecharía o proceso e se perderían os máis de 800.000 euros investidos ata o momento nos procedementos.

Os trámites paralizáronse no 2010 pola falta de fondos e en decembro caducarán os estudos de impacto ambiental feitos

Dende o 2018, e nos últimos meses dun xeito máis intenso, un amplo grupo de veciños e propietarios do municipio constituíron a asociación Queremos Parcelarias. Este colectivo, que integra a máis de 80 persoas que participan de xeito activo, é unha ferramenta coa que impulsar o proceso e coa que están a confirmar o apoio que, a pesar dos anos de espera, continúan a ter os procedementos nas parroquias afectadas.

“Se deixamos que venzan os prazos despois vai custar moito máis que se cheguen a facer as parcelarias. Pedímoslle á Xunta que alomenos as decrete antes de que expiren os prazos, xa que os veciños e propietarios seguen a querer e precisar desta reorganización do territorio”, concreta Juan Carlos Sánchez Fuciños, presidente do colectivo Queremos Parcelarias.

Mobilizacion-Queremos-parcelarias-Agolada-07-2019

O colectivo levou a cabo varios actos reivindicativos no casco urbán de Agolada.

Os trámites que caducarán en decembro deste ano son os estudos de impacto ambiental realizados xa no 2004, dous anos despois de que se iniciasen os procedementos. Os procesos de parcelaria nestas 8 parroquias de Agolada están agrupados en dous núcleos: Por un lado, as concentracións de Agra, Sexo, A Baíña e Val e, por outro, Berredo, Eidián, Basadre e Ramil.

Piden á Xunta que decrete os procesos dos 2 núcleos para evitar ter que iniciar de novo a tramitación

En ámbolos dous grupos os estudos medioambientais foron favorables á realización das parcelarias e mesmo chegou a facerse a medición das fincas, a comprobación destas e da súa titularidade en varias parroquias. Porén, todo foi paralizado no 2010 ante a falta de orzamento, como xustificaron daquelas dende a Xunta.

“Feijóo asegurou que esta sería a lexislatura do rural, por iso agardamos que cumpra as promesas e reactive as de Agolada”, reclama Sánchez Fuciños que recoñece a boa disposición amosada polo actual conselleiro de Medio Rural, José González, co que xa mantiveron varios encontros e visitou a zona.

Apoio á reactivación do proceso

Pese ós anos que hai que se activaron os procedementos, as parcelarias seguen a contar co apoio de boa parte da poboación e propietarios. Así o están a comprobar dende a plataforma tanto nos encontros informativos, que están realizando nos distintos lugares, como nas novas recollidas de apoios.

Reunion-Queremos-Parcelaria-Agolada-

Nestes meses celebraron reunións informativas nas distintas parroquias afectadas.

O ano pasado conseguiron unhas 800 sinaturas, que representan o 95% dos propietarios, e o 98% dos Códigos de Explotacións Agrarias (CEAs) dos dous núcleos. Os titulares de fincas que reclaman as parcelarias supoñen o 40% do censo de Agolada, un municipio que nos últimos 30 anos perdeu case o 60% da súa poboación.

Á marxe do apoio que teñen os procedementos, dende Queremos Parcelarias reclaman a reorganización da terra destas parroquias aducindo que se trata de zonas cun minifundismo extremo. Boa conta delo dá que haxa casos nos que 25 hectáreas chegan a repartirse en máis de 220 parcelas, o que fai moi complicado o aproveitamento de arredor de 470 hectáreas de terreo agrícola que están inutilizadas.

Ademais, insisten na viabilidade de afrontar estas parcelarias polas propias características da zona. “Hai varios condicionantes que fan deste un proxecto sinxelo de levar a cabo”, reivindican dende a plataforma. Unha das principais vantaxes que se presenta é que das máis de 5.000 hectáreas que abranguen, hai xa preto dunhas 1.102 hectáreas localizadas en pequenos núcleos que xa están aparceladas ou pertencen a montes comunais.

Máis de 800 sinaturas, o 95% dos propietarios e o 98% dos CEAS, avalan o apoio dos procesos na zona

A iso engádese a capacidade produtiva que alberga esta zona. “A maior parte destas parroquias sitúanse na ribeira do río Ulla, un espazo moi fértil e que hai anos xa demostrou a súa valía para a produción de forraxes con cultivos como o millo ou os xirasois. Hai unhas 1.000 hectáreas no conxunto das 8 parroquias que serían válidas para estes cultivos ”, concreta Sánchez Fuciños.

As parcelarias serían tamén claves para abordar a importante produción de xurros que se localiza nalgunhas destas parroquias, derivadas dunha destacada actividade gandeira, entre as que se localizan algunhas punteiras, como a Granxa Sueiro, recoñecida polo seu labor a prol da sostibilidade. “Poñer a producir estas terras é un xeito máis de fomentar a economía circular, dándolle saída a estes residuos, aproveitándoos para producir no canto de empregar fertilización química e reducindo o impacto ambiental do seu traslado”, apuntan dende a plataforma.

Minifundismo-terreo-forestal-monte-Agolada-

Hai fincas nas que só cabe plantar unha ringleira de árbores polas súas dimensións.

Non son as únicas potencialidades que ten esta zona, xa que dende a Asociación Forestal de Galicia tamén elaboraron un informe no que se concreta que se trata dunha zona onde abondan os terreos de grande capacidade produtiva e propicia para levar a cabo programas de fomento da produción forestal con especies destinadas á produción de madeira de alto valor. En concreto contemplan especies como a cerdeira, o castiñeiro, nogueira híbrida, carballo americano ou piñeiro do país, todas elas moi ben adaptadas ás condicións ecolóxicas destas comarcas.

“Esta é unha zona moi variada e excelente para as frondosas polo que sería moi viable para moitas especies pero non se lle pode esixir ós propietarios que coiden as parcelas e teñan unha silvicultura axeitada con este minifundismo que limita a xestión”, reflexiona Manuel Lorigados, membro da xunta directiva da Asociación Forestal de Galicia e oriundo da parroquia de Eidián.

Na actualidade, nestas zonas hai varios proxectos condicionados polo avance dos procesos e pola dispoñibilidade de terra. Iniciativas como plantacións de maceiras para sidra, oliveirais, soutos de castiñeiros para o aproveitamento do froito ou novas granxas avícolas agardan polas parcelarias. “Hoxe, nestas parroquias contabilízanse xa máis de 50 postos directos en distintas empresas gandeiras, máis do que se contabiliza no polígono industrial”, reivindican dende a plataforma. Cos proxectos gandeiros que están pendentes estiman que se crearán outros tantos postos de traballo.

Abonda un recorrido polas parroquias para coñecer de primeira man as reclamacións de veciños e propietarios para que activen e rematen estes procesos e dispor dunha organización da terra que facilite un maior aproveitamento á par de combater o abandono.

Platacion-experimental-de-maceiras-Val-de-Sangorce-Agolada-Galitec-

Un dos proxectos á espera é unha plantación de maceiras de sidra, para a que xa contan cunha parcela experimental.

Proxectos pendentes de terreo

Boa parte destas parroquias acusan as limitacións do minifundismo que está deixando ermos moitos terreos. Un exemplo é o lugar de Basadroa, na parroquia de Eidián, onde só queda unha gandería, cuxa propietaria está a piques de xubilarse, e o agro esmorece dende hai tempo. “É unha zona moi boa pero os peches de lousa e o reducido tamaño das parcelas fai que nin sequera ningún veciño se interese por traballalas e queden ano tras ano sen segar”, apunta Anxo Méndez, un veciño da parroquia que retornou hai pouco a esta zona dende A Coruña.

Anxo é un entusiasta do rural, un visionario según él mesmo di, e das potencialidades do campo, que están desaproveitadas. No seu afán por ver un rural dinámico e productivo visitou explotacións en Galicia, Portugal e Extremadura. Alí viu como existen fincas onde se fai a recollida mecanizada e os produtores están organizados en cooperativas obtendo un rendemento moi importante.

Anxo-Mendez-e-o-seu-fillo-Santiago-no-agro-de-Basadroa-Parcelarias-Agolada-

Anxo Méndez e o seu fillo Santiago no agro de Basadroa, que nos últimos anos está infrautilizado.

“A sorpresa foi descubrir que están levando planta e tecnoloxía de Pontevedra para Extremadura e aquí, zona de Indicación Xeografía Protexida da castaña, está ermo ou con eucaliptos. Temos moi cerca a empresa transformadora da castaña máis grande de Europa que ten que importar porque aquí hay moi pouca produción”, concreta. Anxo e o seu fillo Santiago proxectan adicar a maior parte das 22 hectáreas das que dispoñen a plantar castiñeiros se conseguen concentrar as terras, senón Santiago será un máis dos que abandone o rural.

Minifundio-distintos-cultivos-Agolada-

Neste agro de Berredo, contabilízanse alomenos 9 parcelas.

Non é a única plantación que agarda por dispor de fincas axeitadas para un maior aproveitamento. Outro proxecto contempla unha plantación de 5 hectáreas de castiñeiros micorrizados para combinar a castaña coa produción de cogomelos. “Estas son zonas que poden ter un futuro, que non deberan estar condenadas a esmorecer. Cabe o aproveitamento da terra, adecuándose ó que se adapte mellor. Hai zonas para ganderías de carne e de leite, para granxas e outras moi boas para plantacións de froito pero, se non hai un tamaño axeitado e uns accesos a estas parcelas isto é inviable”, indica Ramón Moreira, impulsor da plantación de castiñeiros micorrizados.

Á par de frear este proxecto, o veciño acusan xa as limitacións do tamaño das parcelas nesta zona. “Agora mesmo resulta imposible sementar millo ou trigo para as galiñas porque tes que estar cerrando tódalas fincas por mor do xabaril e non é viable pechar parcelas tan pequenas porque perdes metade delas”, apunta Ramón.

Na zona de Val de Sangorza, iniciaron xa os primeiros trámites para a plantación de maceiras para sidra. Unha parcela experimental é o primeiro paso de cara a unha plantación impulsada polo grupo Galitec que quere chegar a plantar unhas 30 hectáreas. Á marxe da plantación, a firma tamén proxecta a construción dunha explotación avícola de 40.000 galiñas campeiras para o que tamén precisan contar con fincas axeitadas.

Minifundismo-gando-Agolada-Parcelarias-

Nalgúns casos un mismo rabaño repártese en distintas fincas de reducidas dimensións para pacer.

Ganderías condicionadas polo minifundio

O día a día das ganderías de vacún destas zonas tamén está condicionado pola limitación do acceso a parcelas apropiadas para o cultivo. “Pregúntaste moitas veces se a actividade é viable porque estamos moi limitados polas condicións das parcelas. Xa non é só o tamaño reducido das fincas, senón tamén as dificultades que tes para acceder a elas”, apunta José Casal, un gandeiro da parroquia de Basadre cunha gandería de vacún de carne.

Alberto-Varela-gandeiro-Basadre-Agolada-Parcelarias-

Para sementar unha finca de 6 hectáreas de millo, Alberto tivo que reunir unhas 18 parcelas de distintos propietarios.

Na mesma situación atópase o seu veciño Alberto Varela, un dos poucos gandeiros de vacún de leite que quedan na zona. Cunha granxa de 80 animais, onde muxe unhas 40 vacas, a falta de parcelas axeitadas fai que teña que incrementar os esforzos para que a actividade sexa rendible. “Cos custes que hai hoxe en día na alimentación tes que producir a maior cantidade de forraxes posible e aquí estamos moi lastrados pola terra. É moi difícil ser competitivos así”, indica o gandeiro.

De feito, as 80 hectáreas de terreo das que dispón están repartidas nunhas 200 parcelas. “Hai fincas que, polo seu tamaño, non podo nin acceder con maquinaria. Algunhas son tan pequenas que non sei nin localizalas ben pero, aínda así, estou a pagar os impostos por elas”, recorda Alberto.

Unha longa espera

Manuel-Moure_Berredo-Parcelarias-Agolada-

Manuel Moure, un gandeiro de Berredo, xa xubilado, recorda o apoio que tiveron os procesos xa no seu inicio.

Veciños e propietarios coinciden en sinalar nos estragos que fixo a longa espera por esta reordenación do territorio. Manuel Moure, gandeiro xa xubilado e veciño de Berredo ratifica que o proceso chega con atraso. “Tiñan que telo feito antes. Asinamos xa daquelas porque viamos a necesidade de facer cambios. Agora moitos marcharon ou foron morrendo e os seus herdeiros nin saben localizar as terras”, apunta Manuel que aínda ten esperanza de que se acometan as parcelarias. De feito, nun dos agros de Berredo xúntanse uns 12 de propietarios nunha superficie que non chega nin ós 5.360 metros cadrados.

Hai propietarios con pouco máis de 20 hectáreas repartidas en máis de 260 parcelas

Case parello ó inicio do proceso de concentración, Martín Vázquez constataba que “a gandería non era viable e tiven que rematar botando o peche e buscando outras opcións”, indica. No seu caso contaba cunha gandería familiar e mesmo realizara xa unha inversión, tanto en maquinaria como nas instalacións, pero as dificultades para facerse con terra e para xestionar as 21 hectáreas en propiedade, repartidas en 265 fincas, fixeron que se decidise a cambiar de actividade.

Martín segue apegado á zona e pensa en aproveitar a terra se conseguen dispoñer de parcelas que lle faciliten a súa xestión mediante plantacións ou para gando. “Non podemos deixar que quede todo abandonado, iso o que propicia é que cada vez haxa tamén máis lumes incontrolados e nesta zona xa estivemos moi castigados polos incendios”, detalla.

Manuel-Mosquera-Minifundio-parcelarias-Agolada-

Manuel Mosquera é un dos mozos da zona que valora aproveitar as terras familiares nun futuro.

Tamén terminaron vendendo as vacas da gandería familiar que tiñan en Agra, Luis Mosquera e María José Fociños. “Con meus avós xa maiores e coas 20 hectáreas que tiñamos repartidas en 119 fincas resultaba moi complicado manter esta actividade”, recorda Manuel Mosquera, fillo dos propietarios. Seu pai compaxinaba a granxa con outra actividade e terminou por resultarlles máis factible a venda da gandería. “Non queremos deixar as terras abandonadas, poden ser rendibles nun futuro pero tal e como están agora é moi difícil mesmo telas atendidas ou alugalas para o gando”, indica Manuel.

Incrementar as partidas destinadas ás parcelarias

Dende a plataforma tamén lle trasladarán á Administración unha petición formal para que incremente as partidas destinadas ás parcelarias, sobre todo dos fondos procedentes da Unión Europea a través dos Plans de Desenvolvemento Rural (PDR).

Pídenlle á Xunta que destine un 20% dos orzamentos europeos dos que dispón para as parcelarias

Pídenlle á Xunta que destine ás parcelarias un 20% dos orzamentos europeos dos que dispón, co que se multiplicaría por 5 os fondos dispoñibles, que ademais representan o 75% do orzamento dos procesos. “Este incremento dos orzamentos serviría tamén para evitar as disputas entre municipios para conseguir contar con parcelarias”, reivindican.

Á marxe de reivindicar a necesidade de acometer estes dous procesos de parcelaria iniciados, dende a plataforma tamén están a solicitar un terceiro para as parroquias de Brocos e Sexto. “Todas estas parroquias forman unha comarca natural, con características similares, e no caso destas dúas foron seriamente castigadas polo encoro de Portodemouros, quedando anegadas as mellores terras, polo que ben merecen dende a Administración un recoñecemento á súa aportación ó sector enerxético”, concretan dende a plataforma Queremos Parcelarias.