O ‘catastrazo’ culmina este ano en 144 concellos galegos

Unións Agrarias lembra a conveniencia de que os veciños estean atentos ó proceso. Os propietarios recibirán nos próximos meses unha primeira carta de Facenda sobre a actualización, se ben os novos recibos e os atrasos cobraranse a partir do 2018

O ‘catastrazo’ culmina este ano en 144 concellos galegos

As instalacións agrarias pagarán o IBI tras a renovación catastral.

A renovación catastral, máis coñecida como ‘catastrazo’, que se iniciou en Galicia a partir do 2013, concluirase este ano. Quedan 144 concellos co proceso en marcha, nos que previsiblemente os seus veciños recibirán unha carta de Facenda ó longo do 2017 para informalos da actualización. “É entón cando os propietarios poden presentar alegacións. Se se deixa pasar esa oportunidade, xa non se poderá facer nada”, advirte José Antonio Diéguez, de Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias que está a asesorar a veciños do rural no proceso.

A que cuestións cómpre prestar atención? Hai dous puntos principais a ter en conta. O primeiro é que a actualización do Catastro incluirá as novas construcións e ampliacións que se teñan feito en vivendas. Cando Facenda detecte eses cambios, enviaralle ós propietarios unha carta na que lles comunicará a actualización e lles reclamará o pago de 60 euros por non ter declarado os cambios.

“O 90% da xente pensa que xa resolveu ao pagar 60 euros por non ter declarados os cambios. A sorpresa chega despois” (José Antonio Diéguez)

“O 90% da xente pensa que pagando eses 60 euros xa resolveu, pero non é así. Ese pago é simplemente unha amnistía para evitar multas por non ter declarado os cambios. A sorpresa chega nos anos seguintes, cando veñen os recibos actualizados e cando Facenda reclama o cobro de atrasos dos últimos catro anos”, destaca José Antonio Diéguez.

Desde Unións Agrarias aconsellan que o propietario, unha vez recibida a primeira carta sobre a actualización, comprobe cal vai ser o recibo que terá que pagar no próximo ano e en concepto de que, para así decidir se precisa ou non presentar alegacións. “Se se espera a que cheguen os recibos de cobro, o único que se poderá facer é pagar”, avisan.

Instalacións agrarias
Un segundo foco de atención radica nas instalacións agrarias, que tras a renovación catastral pasarán a pagar a contribución de rústica. Cortes, naves, pendellos ou invernadoiros serán obxecto do imposto. Canto tocará pagar polas instalacións agrarias? Depende da taxa que teña establecida o Concello de turno, que pode oscilar entre o 0,3 e o 0,9 por cento do valor catastral da propiedade.

“Hai Concellos que, tras as protestas veciñais, están reducindo as súas taxas, pero esa redución aplicarase só no ano seguinte, unha vez estea aprobada. Entre tanto, haberá que pagar os primeiros recibos que cheguen”, sinala José Antonio Diéguez.

Bonificacións
Sobre o recibo final, os Concellos teñen tamén a posibilidade de aplicar bonificacións de ata o 90% para explotacións agrarias. Foron xa varios os municipios que teñen establecidas esas bonificacións, como é o caso dos de Santiago, Lalín, Silleda, Muxía ou Curtis.

Municipios nos que concluirá a renovación catastral no 2017

A Coruña

Data límite de remate o 30 de marzo do 2017: Betanzos, Cerceda, Cerdido, Noia, Oroso.

Data límite de remate o 30 de xullo do 2017: Abegondo, Arteixo, Camariñas, Cambre, Carballo, Cee, Lousame, Narón, Negreira, Ordes, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Santiago de Compostela.

Data límite de remate o 30 de novembro do 2017: Aranga, Arzúa, Boiro, A Capela, A Coruña, Curtis, Dodro, Fisterra, Mazaricos, Miño, Moeche, Monfero, Muxía, Oleiros, O Pino, Porto do Son, Rois, San Sadurniño, Santiso, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Zas.

Lugo

Data límite de remate o 30 de marzo do 2017: Monterroso, Paradela.

Data límite de remate o 30 de xullo: Carballedo, Sarria.

Data límite de remate o 30 de novembro: Burela, Castroverde, O Incio, Monforte de Lemos, Ourol, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Taboada.

Ourense

Data límite de remate o 30 de marzo do 2017: A Peroxa, Celanova, Maceda, O Carballiño, Oimbra, Pontedeva, Quintela de Leirado, San Cristovo de Cea.

Data límite de remate o 30 de xullo: O Barco de Valdeorras, A Bola, O Bolo, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, A Gudiña, Larouco, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Piñor, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Xoán de Río, Sandiás, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilar de Santos, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.

Data límite de remate o 30 de novembro: Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Cortegada, Chandreixa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Maside, Padrenda, Porqueira, Sarreaus, Taboadela, Tramirás, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras.

Pontevedra

Data límite de remate o 30 de marzo: Moaña, Redondela, Vilaboa, Vilanova de Arousa.

Data límite de remate o 30 de xullo: Dozón, Lalín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Portas, Ribadumia, Silleda.

Data límite de remate o 30 de novembro: Barro, Cambados, Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Meaño, Oia, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tui, Valga, Vilagarcía de Arousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información